Castañetas, castañolas


Consisten nunha parella de anacos de madeira dura que se labran interiormente de xeito lixeiramente aburatado, para dar maior resonancia ao instrumento, e exteriormente cunha forma máis ou menos redondeada. Normalmente presentan na parte superior unhas orellas onde se practican dous furadiños por onde pasará un cordel ou fita que manterá xunguida a parella de castañetas e permitirá sostelas na man e tocalas. Este cordel ou fita de cores podía ir rematado cunhas periñas de madeira e pásase normalmente sobre o anular e o corazón. A lírica popular non esquece amentar estas fitas con que as castañetas se suxeitaban nas mans:

Castañetas de buxo,

cintas de seda,

para bailar no baile

da Ramalleda

[IMLTG, 133]

O instrumento produce o seu son cando os dedos da man son apertados contra a palma (emitindo así un golpe seco) ou cando as mans son axitadas (emitindo neste caso un redobre). Como nos lembran as nosas coplas populares, as castañetas eran empregadas fundamentalmente polos bailadores nas festas, foliadas e fiadeiros para acompañaren os seus puntos e voltas:

Folear, folear,

folear, festexar,

vinde mociñas a bailar e cantar,

chascarrean as castañolas

ó son da gaitiña sola

[CPTO, 78]

O pandeiro toca ben

porque as ferriñas son novas,

o galán que anda no baile

repica nas castañolas

[CPLB, 125]

Unha vella, moi ben vella,

d’a cabeza moi ben branca,

colléu unhas castañetas

e foi bailar unha danza

[CPG, II, 49]

Malia que non foi frecuente, é posible que en determinadas situacións as castañetas servisen tamén para acompañar a música instrumental tal e como sucede en comunidades veciñas como Asturias ou León. No cancioneiro de Torner e Bal y Gay aparecen mencionadas as castañolas para acompañar á gaita de fol xunto co tambor cando se refire unha carballesa recollida no Carballiño 1:

«Era un baile de tempo vivo, tocado por la gaita, con acompañamiento de tamboril y castañuelas.»

Sexa como for, este non foi desde logo o seu principal uso en Galicia; aquí teñen o mesmo uso e función que nas culturas da antigüidade: desenvolven durante o baile solto un acompañamento que reforza a evolución rítmica da peza. Os bailadores portan unha parella en cada man e realizan diversos tipos de toques seguindo o pulso da melodía. Os toques poden acadar certo grao de complicación ao se mesturaren golpes e repicados.

Achamos castañolas por toda Galicia baixo morfoloxías moi variadas e moitas veces ricamente talladas na súa parte exterior, constituíndo pezas de grande valor estético. Normalmente eran construídas polos propios bailadores, empregando moito tempo en labralas coa punta dunha navalla usando motivos ornamentais de moi longa tradición. Tamén os zoqueiros se dedicaron a facelas pois as súas ferramentas adecúanse ben a este labor.

Como instrumentos moi populares que foron, na lírica popular achamos multitude de coplas que fan referencia ás castañetas. Vexamos algunhas delas:

O meu meniño pequeno

heino de mandar á escola,

heille comprar un trompo

e mais unhas castañolas

[CPTO, 76]

Déixame de castañetas,

de ferreñas e de gaitas,

qu’a mellor foliada é

a da barriguiña farta

[CPG, III, 236]

Dám’as miñas castañolas,

no’me vou d’aquí sin elas,

que me preguntan as mozas

tódalas noites por elas.

[PPG, <P 2397> <<L 0> <A ?> <E DB>]

Vamos a Belén, amigos,

vamos, que a noite está crara;

Mingos, leva as castañolas,

i o seu pandeiro Pascuala.

[PPG, <P 2712> <L 0>](Monterroso)

O gaiteiro toca a gaita

a muller o tamboril

os fillos as castañetas

na miña vida tal vin

[CPG, I, 42]

Entre as coplas populares que falan das castañetas, moitas refiren as madeiras con que eran confecionadas: o buxo (Buxus sempervirens), o sanguiño (Cornus sanguinea), o codeso (Adenocarpus complicatus), a nogueira (Junglans regia) ou o alcipreste (Cupressus sp.):

Teño unhas castañetiñas

feitas de madeira seca

traioas na faltriqueira

tócoas cando me peta

[CDC, 86]

Castañetiñas de buxo

andan naquela bailada;

para vós había todo,

para min non había nada.

Teño polaina de buxo,

castañetas de burel

para darll’á meu compadre

que lle cascou a muller

[CPG, II, 300]

Castañolas de codeso

tenas o meu queridiño,

tócaas na Virxe da Barca,

óinse no Carballiño

[IMLTG, 134]

Castañetas de sanguiño

tócanas na cima d’Arca

resona no Carballiño

[CPGDS, IV, II, 157] Outes (A Coruña)

Castañolas de sanguiño,

castañolas de sanguiño,

tócanas en Badernedo

e resonan no Casteliño

[CFG, III, 207] (Son, Muros, A Coruña)

Castañetas de sanguiño

quen as soubera tocar

os mociños de Doade

sábenas repinicar

[CPPO, I, 157]

Teño unhas castañetiñas

feitas de pau de nogal,

o pesebre do meu burro

é de teu curmán carnal

[CPG, III, 52]

Teño unhas castañetas

feitas de pau de nogueira.

Teño outras de garelo

para darlle a quen as queira

[IMLTG, 134]

Castañolas de alcipreste

fíxoas para min meu pai;

non hai outras como elas

na parroquia de Romai

[IMLTG, 134]

O castiñeiro xarado

non sirve para castañetas

as mociñas do Rodeiro

enseñan barriga e tetas

[CPPO, I, 174]

Tamén na literatura culta achamos referencias a este instrumento, por exemplo en Fr. Martín Sarmiento (1745-1770): “Finalmente a todo sucedieron las tarreñuelas de madera, que los gallegos llaman castañetas, aludiendo a su figura. Castañeta en singular, es el ruido que resulta de comprimir el dedo del medio con el pulgar.” Os bailadores e bailadoras empregan diferentes métodos para producir sons coas mans ao ritmo da música mentres bailan. O máis sinxelo é bater o dedo corazón contra a base do polgar como indica Fr. Martín Sarmiento, acción que como xa vimos recibe tamén o nome de “pitar”. Outro xeito de producir estes toques é pendurar do polgar unhas pequeniñas castañetas, denominadas por iso pitos, que o corazón bate ao baixar con forza cara á base do polgar. Con estas pequenas castañetas non se repica, sinxelamente se segue o pulso da melodía de xeito idéntico a como se fai coas castañetas emitidas cos dedos.

No que se refire á historia destes instrumentos, o que podería ser a primeira representación dun idiófono de entrebater en chan hispano aparece nunha pintura rupestre da cova de Dos Aguas (Valencia), onde se aprecian dúas mulleres, unha ergueita e a outra anicada, ambas co busto espido, levando na man dereita dous obxectos duplos. En opinión do profesor Ismael Fernández de la Cuesta 2 estes obxectos ben poderían ser uns sinxelos idiófonos de entrebater, do estilo das actuais tarrañolas ou castañolas. Esta idea ven tamén soportada pola aparente actitude destas dúas mulleres; o movemento e a plasticidade que o pintor soubo conferir a estas dúas figuras suscitan rapidamente no observador unha inevitable referencia ao ritmo, de xeito que, moi probablemente, esteamos diante da representación dunha danza na que as mulleres empregaban tarrañolas ou castañetas para se acompañar, do mesmo xeito que se segue a facer hoxe en día. Estas pinturas datan, segundo os expertos, de ai uns 10.000-6.500 anos, non entanto, por motivos obvios, non se pode asegurar con certeza que estes obxectos sexan a representación pictórica dunhas tarrañolas ou castañetas.

Segundo C. Sachs estes instrumentos aparecen documentados por primeira vez hai uns 6000 anos en Exipto 3, onde existían dúas formas de castañetas: unhas semellaban unha pequena bota de madeira, na que a parte do pé servía de mango. Outras tiñan case a mesma forma das castañetas redondeadas que se achan en moitos lugares de Galicia e que tan populares son entre os bailadores. Ao parecer non existe ningunha obra de arte propiamente exipcia na que as castañetas redondeadas aparezan representadas, provindo todos os exemplares que se conservan de tumbas cristiás. Estes dous feitos fanlles pensar aos organólogos que a orixe destes idiófonos hai que buscala fora de chan exipcio. Segundo a tradición, as mellores castañetas eran as gregas, de feito, moitas xerras helénicas figúranas en mans de bailadores dionisíacos; así e todo, o profesor C. Sachs 4 opina que a castañeta con forma de castaña foi, seguramente, de orixe fenicia, sendo este pobo quen tería espallado o seu emprego polas Illas Baleares, sur de Italia, e por todas as súas colonias da península ibérica, desde onde seu uso se tería estendido a todas as culturas ibéricas, podendo chegar así ata Galicia. A este respecto debemos apuntar que as influencias mediterráneas documéntanse longamente durante boa parte da prehistoria galega, facéndose especialmente fortes arredor do século VIII a.C. 5 polo que as castañetas puideron chegar a Galicia xunto co resto de influxos culturais mediterráneos contra estas datas. Porén, parece que as hipóteses difusionistas desta clase, defendidas no caso concreto das castañolas por Curt Sachs, están sendo abandonadas como marco explicativo xeral. Nós tamén cremos que as castañolas quizais chegasen moito antes. Pensamos que existe unha tendencia marcada a infravalorar os homes e mulleres primitivos, normalmente por falta de evidencias seguras. Se os primeiros poboadores do continente europeo posuían xa complexas culturas e mesmo complexos instrumentos musicais, como a probable frauta de óso achada na cova de Divje Babe en Eslovenia 6 ou a que recentemente se atopou na cova alemana de Hohle Fels, que podería ser o aerófono máis antigo coñecido ata o de agora cuns 35000 anos de antigüidade 7, consideramos xusto supoñerlles o coñecemento destoutros sinxelos instrumentos de entrebater, por canto nós pensamos que é posible que as castañolas ou instrumentos semellantes chegaran xa a Galicia en mans dos seus primeiros habitantes.

Segundo Carlos Rei 8, a primeira representación iconográfica dunhas castañetas en Galicia podería acharse no tímpano da porta sur da igrexa de San Miguel do Monte (Chantada, Lugo), datada no século XII, que probablemente representa o baile de Salomé diante de Herodes.

As castañetas son en Galicia instrumentos cunha filiación sexual dependente da zona. Nunhas só os mozos e homes as empregaban, noutras tamén as mozas e as mulleres fixeron uso delas nos bailes. Os nenos empregaron tamén un tipo de castañeta moi curioso fabricado fendendo un tubiño de cana duns 5-6 cm de lonxitude en dúas metades que, sostidas xuntas cos dedos dunha man, case na posición orixinal formando un tubo, son entrebatidas cos da outra. A priori as castañetas non son consideradas como instrumentos musicais propiamente ditos, pois carecen do don da melodía, e malia participaren no acto musical en mans dos bailadores, son vistas máis ben como algo que pertence á esfera do bailador e non á dos músicos, son un acompañamento para o baile e non para a melodía. Por outra parte, son útiles bastante aprezados polos seus donos.

Pertencen ao grupo dos idiófonos de golpe directo, apartado 111.14 “vasos de entrebater”, da clasificación de Hornbostel e Sachs.

Ver notas
  1. [1] Martínez Torner, E. e Bal y Gay, J. Cancionero Gallego. Estudo crítico de Carlos Villanueva. Ed. Fundación Pedro Barrié de la Maza. Facsímil da edición de 1973. A Coruña, 2007, tomo II, p. 49.
  2. [2] Fernández de la Cuesta, I. Historia de la Música Española. Ed. Alianza Música. Madrid, 1988; p. 29.
  3. [3] Sachs, C. Historia Universal de los Instrumentos Musicales. Ed. Centurión. Buenos Aires, 1947, p. 98.
  4. [4] Sachs, C. Historia Universal de los Instrumentos Musicales. Ed. Centurión. Buenos Aires, 1947, p. 98.
  5. [5] De la Peña, A. Prehistoria, castrexo e primeira romanización. Ed. A Nosa Terra. Vigo, 2003, p.112.
  6. [6] Chase, P. G. e April N. Taphonomy of a Suggested Middle Palaeolithic Bone Flute from Slovenia. Current Anthropology 39, nº 4, 1998, p. 549.
  7. [7] Achado dado a coñecer o 24 de xuño de 2009 en Nature online.
  8. [8] Rei, C. Os Instrumentos Tradicionais na Lírica Popular Galega. Obra inédita.
Patrocinadores e colaboradores