Castañola de cana, tarabela
Fabrícase fendendo á metade un toco de cana (Arundo donax1), duns tres nós de lonxitude, deixando sen abrir o último nó, que será por onde se sosteña o instrumento. A fenda entre nós do segundo tramo amplíase cunha navalla facilitando que as metades en que ficou partido o terzo superior batan unha contra a outra. A castañola de cana sostense coa man esquerda polo tramo sen fender, deixando unha parte que sobresae da palma da man cara abaixo que é onde se bate coa man dereita. Os golpiños da man dereita fan que as metades da parte superior do instrumento choquen e emitan un son moi semellante ao dunha castañola, de aí seu nome.
Carlos Rei informounos que Ramiro “O Mero”, veciño de Pontearnelas (San Xoán de Baión, Vilanova de Arousa, Pontevedra), fabricaba tamén este tipo de castañola á que denominaba tarabela, pero cunha peculiaridade moi destacable: no extremo superior, o que non se sostén coa man, practicáballe dous cortes para que rematase nun ángulo agudo, que resulta así partido á metade pola fenda que a castañola leva de seu todo ao longo como xa vimos. Introducindo este ángulo lixeiramente na boca e cantando, as dúas partes da castañola arremedan a vibración da voz entrebanténdose, producindo un efecto moi semellante ao mirlitón.
En Galicia puidemos achar este instrumento nas comarcas da Limia, O Ribeiro e O Salnés; mais sospeitamos que outrora debeu ocupar en Galicia unha área maior, pois segundo indica Ernesto Veiga de Oliveira a castañola de cana é moi coñecida en Portugal, onde aparece cunha distribución moi ampla2.
Pouco sabemos da historia deste instrumento musical, pero aparece xa representado en dúas pinturas de Herculano 3. Tamén Propercio cita nun dos seus poemas4o “harundo fissa” que seguramente se corresponde cunha castañola e non cunha frauta rota a forza de lamentacións como pretende o tradutor.
Pese a carecer do don da melodía, dentro do noso sistema de cultura tradicional as castañolas de cana son consideradas como instrumentos musicais, pois son fabricadas especificamente para acompañar melodías, para participar no acto musical normalmente ao pé doutros instrumentos melódicos ou xunto coas pandeiretas; así e todo, non teñen a mesma consideración que outros instrumentos musicais melódicos. Normalmente son empregadas por homes adultos, malia que temos ollado tamén a algunha muller que a tocaba, sendo os bos tocadores e tocadoras apreciados pola arte de obter bonitos acompañamentos rítmicos cun útil tan sinxelo. Pertencen ao grupo dos idiófonos de golpe directo da clasificación de Hornbostel e Sachs, cadrando no apartado 111.13 “Quenllas de entrebater”.
Ver notas- [1] A canaveira común é un dos materiais máis empregados polos nenos galegos para faceren instrumentos musicais (frautas, gaitas, carrizos etc.), pois dela pódense obter tubos naturais de moi diversos calibres cunha dureza semellante á da madeira. Tamén o sabugueiro ou bieiteiro (Sambucus nigra) se empregou con este mesmo fin. A canaveira é tamén o material de elección para a fabricación das palletas das gaitas de fol. ↩
- [2] Veiga de Oliveira, E.. Instrumentos Musicais Populares Portugueses. Fundação Calouste Gulbenkian/Museu Nacional de Etnologia. Lisboa, 3ª Ed. 2000, p. 309. ↩
- [3] Roux et Barré, H. Herculanum et Pompéi, t. III, pl. 142 e p. 92 ↩
- [4] Paganelli, D. Elegías. Ed. Les Belles-Lettres. Paris, 1929, libro IV, elexía VII, verso 25-26. ↩