Cazola ou tixola
A cazola ou tixola é un útil de cociña que serve para rustrir os alimentos na lareira ou na cociña e que se compón dun longo mango cun recipiente chato no seu extremo. Antigamente as tixolas construíanas os ferreiros integramente de ferro, empregando uns enormes mazos para iso.
En Galicia foi un instrumento musical cun certo predicamento, polo menos na primeira metade do século XX. Durante este período empregouse só nalgunhas zonas, caso das comarcas da Limia e Limia Baixa, onde a denominan cazola e se usaba para acompañar o canto. Xaquín Lorenzo refíreo así: “A sartén ou cazola úsase coma istrumento para improvisar as músecas nos fiadeiros, deluvas, etc. Bátese a compás cunha chave e acompáñase moitas veces cos ferriños, praos que serven as trébedes dependuradas dunha baraza e baténdolles cun ferro calquera” 1, engadindo ademais esta fermosa copla:
E non ten, non ten
e non ten ferriños
a miña sartén,
e non ten, non ten,
e non ten ferriños
e mais toca ben
[CPLB, 74]
De facer caso a esta outra copla, incluída no mesmo cancioneiro, parece que a cazola tamén se tocaba na Limia Baixa en compaña doutros instrumentos:
Ó tocador do pandeiro
hémoslle de dar dous reás,
i ó tocador da cazola
catro cartos pra mazás
[CPLB, 130]
Os nosos amigos Pablo Díaz e Olga Kirk informáronnos tamén que, segundo os seus datos de campo, a cazola foi tocada en toda a metade sur da provincia de Ourense, desaparecendo xa cara a Maceda.
Carmelo Lisón Tolosana refire o uso da tixola tamén en Fornelos (O Rosal, Pontevedra): “Hacen la cena o martes de carnaval [...] e tocan sartenes e bailan” 2, mentres Carlos Rei Cebral abunda nesta mesma localización xeográfica facéndoa extensiva á Arnoia, apuntando esta copla alí recollida 3:
Para tocar a tixola
meniñas de Corbillón,
para tocar a tixola,
para outra cousa, non
Pola súa parte, Antonio Fraguas Fraguas recolle esta copla que dá conta do uso deste instrumento tamén en Cotobade (Pontevedra):
Tocadeira do pandeiro
merece cinco reás,
e a que toca a cazola,
catro cartos pra mazás
[CDC, 86]
En zonas próximas a Galicia a tixola tamén foi empregada como instrumento musical. Aparece así entre os vaqueiros de alzada 4 (Babia e Laciana) onde a denominan payecha e constitúe un dos seus principais métodos de acompañar o canto feminino.
A tixola bátese e refrégase normalmente cunha chave. Debe ser feita de ferro e ter o mango longo. Na Limia onde nós a vimos tocar, sostíñana coa man esquerda pola cazola, co mango cara abaixo e coa chave poden producirse unha variedade notable de sons diferentes: refregando no mango produce un son característico que se pode asimilar a un redobre, golpeando no mango ou alternando golpes entre a base do mango e o borde da parte plana produce golpes netamente separables. Tamén se poden emitir sons acampanados de moita intensidade batendo coa chave no centro da cazoleta. Deste xeito, como instrumento musical de acompañamento rítmico do canto feminino ten amplas posibilidades. Estas coplas recollidas na xa citada obra de Carlos Rei explican como se toca a tixola:
No rabo dunha cazola
repiquei o pateado,
repiqueino ben a xeito,
quedoulle o cu mareado.
[IMLTG, 154]
Tocadora de pandeiro
gábaste que tocas ben;
así tamén toco eu
no rabo dunha sartén
[IMLTG, 154]
Na Galicia tradicional a tixola foi un instrumento de mulleres, empregado sempre para acompañar o canto, e malia non ser considerado a priori como un instrumento musical propiamente dito, pois non se fabricaban con esta pretensión, as tixolas que soaban ben eran apreciadas, incluso a mocidade as compraba a escote para usalas nas ruadas. As mulleres que as manexaban con destreza gozaban tamén de certa consideración nas zonas onde se tocou. Deste xeito, a súa participación no acto musical, acompañando o canto, converte estes instrumentos culinarios en instrumentos musicais cando se lles dá este uso.
Segundo a clasificación de Hornbostel e Sachs este instrumento pertence ao grupo dos idiófonos refregados de placas independentes (132.1).
Ver notas- [1] Lorenzo Fernández, X. Cantigueiro popular da Limia Baixa. Ed. Deputación Provincial de Ourense e Museo do Pobo Galego. Ourense, 2004, p. 74 nota 284. ↩
- [2] Lisón Tolosana, C. Antropología cultural de Galicia. Ed. Akal. Madrid, 2004 (1ª ed. 1979), p. 167. ↩
- [3] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita, nota 93, p. 154 do orixinal. ↩
- [4] Marentes, C. e Criado, L. A Xeito. Música, Canciones y Bailes de la Montaña Occidental Astur-Leonesa. Ed. Celarayn. León, 1996, p. 53. ↩