Charrasco
O charrasco é un instrumento ritual que aparece intimamente relacionado co antroido e co Nadal. Pertence tamén á familia dos sistros e só o puidemos documentar na comarca natural da Ulla, situada entre as provincias de Pontevedra e A Coruña, formada por parte dos concellos de Teo, A Estrada, Vila de Cruces e Touro e por case a totalidade das parroquias de Boqueixón e Vedra.
No concello de Boqueixón o charrasco consiste nun pau duns 170-180 cm de altura atravesado na cima por varios traveseiros de madeira (normalmente tres) a xeito de cruz de Caravaca. Neles insírense un gran número de ferreñas fabricadas a partir de latas ou caldeiros de cinc. O extremo superior do pau vai coroado cun gran par de ferreñas. Do instrumento térmase coa man esquerda, aproximadamente pola metade, baténdose con el no chan. Coa man dereita pódese manexar un serrón de madeira, un pau no que se practican un gran número de fendas, co que se raspa nun arame que vai dende a parte superior do instrumento ata a inferior pasando por riba dunha ponte, a xeito de corda de violonchelo. O paso do serrón polo arame permite obter un “riscado” ou redobre das ferreñas. No fondo do pau que bate no chan adoitábase a colocar unha lata para incrementar o ruído emitido ao bater co charrasco no chan. Segundo os portadores consultados os charrascos de principios do século XX carecían deste arame e de serrón, só se batía con eles no chan. Parece que este sistema foi introducido despois da Guerra Civil.
En San Miguel de Sarandón, no concello de Vedra, o charrasco é un pouco máis pequeno, dun metro aproximadamente. Pode ter a mesma forma que vimos de ver ou estar invertido, é dicir, situándose os traveseiros coas ferreñas na parte inferior do instrumento, pero mantendo sempre o xeito de tocar que vimos de describir. Ambos os modelos poden tamén ter arame e serrón.
Como en toda Galicia na Ulla existía o costume, hoxe practicamente extinto pero perfectamente lembrado, de saír cantar os reis e os nadais. Na noite de reis e na de noiteboa xuntábase na parroquia un grupo de mozos (na Ulla as mozas non podían formar parte destes grupos) integrado por varios cantadores, un grupo de requinteiros, un mozo que portaba un saco para recoller os aguinaldos, por iso denominado “o do saco”, varios mozos portando uns charrascos e outros tantos con grandes vasoiras feitas de xestas. Este grupo, denominado “Cantarela de Nadal”, percorría a parroquia pedindo, casa por casa, permiso para cantar. A aproximación a unha casa consistía na interpretación dun pasarrúas para facerse notar. A comparsa interpretaba este pasarrúas ao son do grupo de requinteiros que era acompañado polos charrascos, entanto os das vasoiras (que ían disfrazados de vellas) varrían o lugar por onde a comparsa se aproximaba. Unha vez os veciños saían á porta, solicitábaselles permiso para cantar e, se o daban, os cantadores, apoiados polos músicos sen percusión, interpretaban os cantos de noiteboa ou reis segundo correspondese. Estes teñen a letra normalmente en castelán, existindo uns propios para a noiteboa e outros para a noite de reis, tendo cada parroquia os seus característicos. Unha vez rematados os cantos, os requinteiros interpretaban unha ou dúas pezas e saían da casa para dirixirse á seguinte, non sen antes recibiren un aguinaldo en forma normalmente de comida, ou máis raramente algúns cartos, que “o do saco” ía almacenando para despois repartir cos integrantes da Cantarela de Nadal ou facer unha festa todos xuntos.
No tempo do antroido ullán o exército de cada parroquia, formado polos xenerais e correos a cabalo, e os coros dos vellos e dos mozos, ía tamén acompañado por unha comparsa de homes disfrazados que portaban cadanseu charrasco e outros instrumentos ruidosos como cornos, cunchas, pandeiretas, tastarabás etc. Queda moito por investigar sobre o antroido, sobre as súas orixes; se ben este Antroido da Ulla semella baseado nunha estética implantada polos exércitos napoleónicos, non podemos por agora saber se este antroido xurdiu despois da invasión francesa ou se, outramente, foi simplemente unha maquillaxe recibida por unha manifestación anterior de carácter semellante. En todo caso, Tomás Rodríguez observa como neste antroido asoma a segunda función indoeuropea, a guerreira, asociada ao comezo dun ciclo, o Introitus.
Tanto o tamaño como a forma de cruz dos charrascos sepáraos considerablemente dos outros modelos de sistro que sobreviven en Galicia e noutras partes da península, nos que como vimos as ferreñas aparecen pechadas dentro dun pequeno marco rectangular sostidas por arames que atravesan o marco. Esta forma de cruz e o seu uso ligado á festa relixiosa do Nadal, así como ao antroido, inversión da Coresma, fannos sospeitar que este instrumento ritual ben puidera obter a súa forma da cruz cristiá sendo quizais unha inversión das cruces procesionais.
Á parte dos enormes e rústicos sistros que empregan os pescadores polinesios para atraer as quenllas, só puidemos documentar dous idiófonos cunha certa semellanza en tamaño ao charrasco. O primeiro é unha “vara musical” representada nun relevo antigo conservado no Museo del Prado onde se representa unha danza báquica. Esta vara, sostida coa man esquerda polo sátiro, remata nunha sucesión de tres cunchas que decrecen en tamaño de abaixo a arriba, un detalle que lembra os tres traveseiros dos charrascos 1. O outro instrumento que semella relacionado co charrasco podería ser a vara turca, un grande idiófono que consiste nun pau do alto dunha persoa do que penduran varios traveseiros con campaíñas e outros elementos metálicos sonoros. Este instrumento quizais fose introducido en Europa arredor do século XVI polos otománs formando parte das súas orquestras, pero poucos exemplares se conservan e aínda menos se sabe deles. A relación do charrasco con calquera deste útiles semella difícil, polo que é moi posible que se trate dun desenvolvemento propio da Ulla 2.
Dentro da clasificación técnica de Hornbostel e Sachs os charrascos están na mesma situación que os sistros da Paradanta, pois non son axitados, senón batidos contra o chan, pertencendo entón ao grupo dos idiófonos de percusión dentro do apartado creado por nós: 111.26 “Marcos percutidos”. No sistema de cultura tradicional ullán os charrascos caen a priori fóra dos instrumentos musicais, pero entran nesa clase de útiles que adquiren un certo valor ritual. A partir dos anos 1970 aparecen charrascos fóra da Ulla integrados en formacións de bandas de gaitas, iso si, con morfoloxías que se afastan bastante da tradicional. Tamén a partir dos últimos anos do século XX é frecuente ver charrascos incorporados nos grupos de requinteiros, tocando ao pé das gaitas de fol e requintas, co que parecen estar a adquirir o estatus de verdadeiros instrumentos musicais.
Ver notas- [1] Sopeña Ibáñez, F. e Gallego Gallego, A. La música en el Museo del Prado. Ed. Dir. General de Bellas Artes, Ministerio de Educación y Ciencia. Madrid, 198?, p. 267. ↩
- [2] Recentemente tivemos novas dun instrumento musical moi semellante ao charrasco empregado en Alemaña, onde o denominan teufelsgeige, e que parece relacionado con algún tipo de monocordio rítmico semellante á vincha, sen que poidamos por agora precisar que tipo de relación podería gardar cos instrumentos da Ulla. Referencia obtida de: http://de.wikipedia.org/wiki/Teufelsgeige, consulta maio 2010. ↩