Ferramentas agrícolas
Algunhas ferramentas agrícolas dotadas de follas de ferro que producen son ao ser batidas con outro ferro, ou cunha pedra, foron usadas como instrumentos musicais en diversas zonas de Galicia. Normalmente recorríase a elas para acompañar un canto no marco dunha tarefa agrícola, ben para facer un descanso na mesma, ben para celebrar o seu remate parcial ou total. Deste xeito empregáronse na sega as gadañas batidas e refregadas coa pedra de afiar, mantendo a súa folla paralela ao chan e o mango sostido coa man esquerda e apoiado no chan. En Lubián (As Portelas de Zamora) temos tamén novas do uso das follas de gadaña batidas cun pau para acompañar as rondas dos mozos e as alboradas do gaiteiro 1.
Especial mención merece o uso musical dos sachos, ligoñas e aixadas. Estas ferramentas empréganse para cavar e sachar a terra, tendo o seu uso musical principal precisamente dentro deste contexto. No noso sistema de cultura tradicional o seu uso musical (e agrario) estaba reservado principalmente ás mulleres, malia que tamén os homes os usaron, empregándose para acompañar un tipo especial de cantos de traballo denominados “añas” ou “cantar a aña”.
O traballo de sachar o millo, as patacas ou de arar e cavar unha leira esixía a colaboración de varias veciñas e veciños; en Toutón (Mondariz) cando unha sachadora (ou sachador) chegaba ao fondo da leira rematando un rego, botaba unha cantiga que acompañaba ritmicamente batendo na folla de metal do sacho ou ligoña cun seixo de forma e tamaño apropiado. Unha vez rematado o traballo da leira, un home portando un ramo de loureiro ornamentado, bailaba con cada unha das sachadoras ao ritmo de varias cantadoras acompañadas das súas ligoñas, celebrando así o fin da tarefa. Semellante costume refíreo Lisón Tolosana en Padróns (Ponteareas) 2:
«Los primeros que terminan de cavar su pedazo [en la sementera del maíz] envían en el arado un ramo a los otros que no han terminado y aturuxan y palmotean y pegan con una piedra en los sachos. Por la tarde teñen un ramo ben feito, con bolsitas de caramelos, galletas y viño que prepara o amo do campo. Tienen un baile en el campo y cantan e tocan os sachos con una piedra. Se hace ahora. Es botar la aña.»
Para o acompañamento das añas a ferramenta sostense coa man esquerda preto da súa folla, co mango case horizontal e cara atrás, mentres a man dereita suxeita o seixo co que se bate na folla. A man esquerda move a ferramenta lixeiramente arriba e abaixo seguindo o compás imposto polos golpes do seixo na folla.
Este costume conservouse ata hai ben pouco no sur da provincia de Pontevedra, nos concellos de Soutomaior, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Mondariz, O Covelo e Ponteareas, malia que o temos documentado tamén en Boqueixón, por canto é moi posible que este uso estivese presente nun área maior en tempos pretéritos. Ignoramos o que significa aña 3, pero esta palabra aparece nalgunha copla tradicional co sentido de “año femia”, como neste conxuro contra o raposo:
Arrapa, raposo,
n’a cima d’o tojo;
non mate-l-a aña
de Pedro Castaña
que vai na riveira
busca-l-a manteiga
e un pouco de mèl
pra dar á muller
que deija parida
n’a porta d’a vila,
c’un fillo varón
e outro ladrón
bátelle, bátelle
n’o cu c’un tizón.
[FG, 102]
Outro uso das ferramentas agrícolas como instrumentos musicais aparece nun contexto ben diferente: os antroidos das comarcas de Viana e Terra de Trives nas montañas da provincia de Ourense. Aquí gadañas, sachos, eixadas e ligoñas son despoxadas dos seus mangos e sostidas introducindo un ou varios dedos da man esquerda polo seu furado. Coa man dereita bátese na folla empregando un martelo ou un ferro calquera. Neste particular contexto, as ferramentas intégranse dentro do denominado foleón de antroido, acompañando os grandes tambores. Dentro dos foleóns de antroido estas ferramentas eran, ao igual que os tambores, instrumentos musicais masculinos, malia que hoxe xa mulleres e homes fan uso igualitario delas.
Por último, debemos lembrar que como calquera outro útil capaz de producir ruído, algunhas ferramentas agrícolas foron tamén empregadas nas cornetadas como xa deixamos dito.
Dentro do sistema de cultura tradicional galego as ferramentas agrícolas así usadas non son consideradas como instrumentos musicais propiamente ditos, e o seu uso pode ser masculino ou feminino dependendo do contexto en que se empreguen.
Todas as ferramentas agrícolas ás que se lles deu este uso pertencen ao tipo dos idiófonos, encadrándose dentro do apartado 111.22 “Placas de percusión” da clasificación de Hornbostel e Sachs.
Ver notas- [1] Jambrina Leal, A., Madrid Martín, P. e González Matellán, J.M. Música Tradicional. Sanabria. Ed. Tecnosaga. Zamora, 1986, p. 18. ↩
- [2] Lisón Tolosana, C. Antropología cultural de Galicia. Ed. Akal. Madrid, 2004 (1ª ed. 1979), pp. 153-154. ↩
- [3] Aña é unha palabra moi curiosa; á parte de denominar este tipo de cantos, adoita aparecer nun contexto no que levar ou gañar a aña se entende como un premio simbólico por rematar primeiro unha determinada faena ou gañar un determinado xogo. Menos veces ten un sentido negativo, é dicir, leva a aña o que non acaba a tempo, quen o fai por tras dos demais, ou quen perde a un xogo. Cuba, Miranda e Reigosa no seu Dicionario dos seres míticos galegos (Ed. Xerais de Galicia, 1999), explican que a aña representa o espírito do cereal e era a recompensa para quen conseguía retelo. ↩