Instrumentos para as cornetadas
Foi costume na Galicia rural celebrar moitas vodas no máis absoluto secreto, sen nin sequera facer públicas as consabidas proclamas (monicións) na igrexa. Isto era provocado normalmente porque os noivos non querían invitar a viño aos mozos da parroquia, nin tampouco agasallalos co baile de rigor, ou tamén por considerar que o seu matrimonio ía ser susceptible de “marmuracións” (viúvos que casan, homes vellos casados con mozas etc.). Cando os mozos dunha aldea se decataban de semellante acontecemento, tiñan por costume facer unha cornetada ou cencerrada, costume que temos documentado por toda Galicia. Nelas os mozos do lugar, pois nunca as mozas nin as mulleres participaban, “castigaban” os noivos propinándolle un estrondoso recibimento á saída da igrexa aderezado con coplas satíricas e mordaces. Eladio Rodríguez no seu dicionario (1958-1961) describe perfectamente o costume: “S. f. cencerrada, ruido desapacible que se hace con cencerros, cuernos, sartenes viejas y otros objetos chirriantes, para burlarse de los viudos la noche que se casan y las siguientes por espacio de seis o siete días: cencerrada, CHOCALLADA. En el Ribeiro de Avia y otras comarcas orensanas también eran objeto de estas burlescas serenatas nocturnas los mozos que iban a casarse a otras parroquias, o los que no respetaban determinadas costumbres de antiguo establecidas por el uso, como pagar PISO, costear cuatro o cinco músicos en domingo para que la juventud de la comarca se divirtiese, o convidar a los mozos del mismo pueblo o parroquia de la novia. Terminada la cencerrada había un domingo de baile por la tarde, que llamaban en la provincia de Ourense a festa dos mozos.” No seu apéndice Eladio Rodríguez (1961) engade aínda algún dato máis: “s. f. Acción y efecto de tocar cuernos o trompetas con mucho ruido. Cencerrada. Fiesta que se hace para ABOURAR al viudo que se casa de nuevo. Se le tocan, de noche, los cuernos y se le dicen PULLAS. La fiesta dura hasta que se casa o hasta que se decide a dar un convite (generalmente se conforman con vino) a los mozos solteros (Tebra). ENCERRALLADA, cencerrada, CHOCALLADA.”
O máis típico foi desde logo o uso de cornos (de aí o nome de cornetadas), buguinas e botellas sen cu. Aos cornos, igual que ás cunchas mariñas, cortábaselles a punta e soprábase neles como nunha trompeta, ás botellas quentábanlles o cu no lume e introducíano despois en auga fría para facelo saltar, quedando así composto tamén unha especie de corno. Noutros lugares de Galicia, para acadar un nivel de ruído aínda maior, os mozos armábanse tamén con chocallos, chocas, cazolas, tixolas, latas, potas e testos, e aínda se axudaban con todo tipo de ferramentas agrícolas quen de producir ruído como sachos, eixadas, fouces e gadañas, de aí que noutras zonas as cornetadas se denominasen cincerradas, cinzarradas, cencerradas (todos castelanismos) ou chocalladas, trangalladas etc.
Xaquín Lorenzo describe así este costume na Limia Baixa: “As cencerradas, [son] serenatas humorísticas que se organizan con motivo do casamento dos viudos ou dos vellos. En tales intres, tócanlle latas, chocallos, cornos e outros instrumentos semellantes con acompañamento de cantigas satíricas feitas a custa dos intresados” 1. Nós non concordamos moito con esta apreciación de “serenatas humorísticas” pois os receptores da cencerrada considerábano como algo fortemente denigrante, incluso sabemos que foron perseguidas pola Garda Civil.
Antonio Fraguas Fraguas analiza as cencerradas en Cotobade (Pontevedra): “A cinzarrada é a xuntanza da mocidade nas cercanías da morada onde casou unha muller ou un home viúdos, se lles pediron os mozos para facer unha festa ó recén casado e este non quixo pagar para facela. Entón póñenlle un mote ó home e outro á muller, e ó anoitecer van con caldeiros, cornos e buguinas a facer un barullo infernal e ó mesmo tempo, en certas pausas, bótanlle as coplas:
Ai……………..
Cerra portas e ventanas
por non dar as cen pesetas,
nin oír as cinzarradas
Ai…………….
Agarimáchelo ben
décheslle lombo de porco
con patacas na sartén
O barullo dura oito días e remata con fanfarria especial. [...] Nalgúns sitios fan cinzarrada a un casamento dun vello cunha moza xoven, inda que os dous estean solteiros.” 2
Tamén Carmelo Lisón Tolosana documenta amplamente as cornetadas na súa obra sobre antropoloxía cultural de Galicia 3: na parroquia de Anllo (Santo Amaro, Ourense) “cuando uno se casaba, si no daba una fiesta le daban una cincerrada o trangallada; cada uno llevaba un cuerno e ¡pu! ¡pu! ¡pu!, e despois botábanlle versos”. En Laza (Ourense) “cuando había boda si no daban baile para los mozos les iban a hacer un foleón, venga ruído con latas, sartenes, guadañas [...], e facían ó novio e á novia de fachós de palla”. En Barrantes (Tomiño, Pontevedra) facían “cornetada con cornos y calderos vellos a un viudo en su boda, o cuando uno venía de otra parroquia e non quería pagar a festa. Se le botaban cantigas y era lo que más molestaba”. Para este autor os mozos da parroquia deben ser compensados cun baile ou cun convite pola perda dunha oportunidade de elección (unha moza). Pero Lisón Tolosana recoñece razóns máis fondas, estruturais: a mocidade síntese no dereito a coñecer todo matrimonio cunha muller da parroquia e sabéndoo, aproba ou desaproba a unión. Desapróbanse aquelas unións estrañas, raras ou extremas, sobre todo aquelas nas que unha muller da parroquia casa cun de fóra dela, o que sempre require unha compensación simbólica.
Malia que é bastante raro, a lírica tradicional fala tamén deste costume. No romance que relata os tres casamentos nun día, recollido entre outros no cancioneiro de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina 4, pódese ler o que os mozos fixeron para castigar esta “reprobable” actitude:
…
pois véñanse cando queiran
que eu cásoos de contado
e como son todos xuntos
hei de llo facer barato
de padriños e madriñas
servímorlle us pós outros
mire ben o que lle digo
que queremos rezar pouco.
Un día de muit’inverno
marcharon pra se casar
deixaron a casa sola
i os rapaces do lugar
entráronlle na cociña
roubáronll’a carne toda
o viño coas empanadas
tod’o que tiñan pra voda
marcharon p’ònha sesteira
moi alegres e contentos
tocando cornos e látar
cencerros e potes vellos
o viño andaba por cuncas
i a carne por torombelos
asta os cans rebentaron
coos zancos do carneiro
vólvanse a tres parexas
que viñan de se casar
pensando na gran enchenta
que se iban a tomar
cando chegaron á casa
toparon todo varrido
nin molete nin ovella
nin o pelexo do viño
quen serí’o ghalopín
tan ladrón e desalmado
dixeron os matrimonios
todos òn tempo choraron.
[CPGDS, IV, II, 32] recollido en Budiño,
Salceda de Caselas (Pontevedra).
Antonio Fraguas recolle en terras de Cotobade o sermón dunha cinzarrada que se celebrou aproximadamente a finais do XIX en Insuela de Loureiro (Cotobade, Pontevedra):
Andiven máis de dous anos
azoroñándolle á porta
en romaxes e ruadas
e festas dándolle voltas,
gran canciño daquel Santo
chamábanme as mozas todas.
Onde queira que estivese
ela mirábame fosca,
e regañábame os dentes
como o zorro á pita choca.
Mais teña o Pepe ou non teña
conquives a miña historia
foi que da noite pró día
as comadres parladoras,
dixeron que se casaba
con Pepe de Estoupa pozos;
ese que veu das Américas,
aquel que trae moitas onzas
por demais que eu non llas vin
e el a ninguén non as amostra.
El traería diñeiro,
mais xuro polas cirolas,
que viña ben esframiado
e unha cara ben baixota;
levaba o home unha capa
que se tivera vergonza,
como ten fume e fachenda
facía dela unha corda
para atarse polo pescozo,
dun castiñeiro a unha póla.
Pois teña o Pepe ou non teña,
conquives á miña historia
foi que da noite pro día
as comadres parladoras
deron en decir na aldea
que se desfixera a voda,
quedeime con esa noticia
máis contento e de máis chola
cá miña besta burreña
cando rebrinca na chousa.
Funme onda Juana Domínguez
e atopeina faladora
como si ese home esperara
pra dicirme unha cousa boa.
Comenceille a explicar
dándolle a razón e conta
canto o meu peito sentía
iba súa cara polas rosas
cuanto por ela pasaba
no fiadón da Gregoria
e cantas fuciñadas dera
no paredón da súa horta.
Sentín unha labazada
escoitábame a rapaza
como si estivese boba
cos seus ollos nos meus ollos
cual gustando da parola.
Sentín unha labazada
no conquicio, e outra e outra
e como esfuciñado
dando no chan coa cachola
deixando alí o pariaguas
din como o can media volta
cos fuciños como un perro
e os morros como unha zoca.
Esto é pra que vos fiedes
das comadres parladoras.
Aínda un dito popular recollido por Marcial Valladares fala das situacións nas que se propinaba unha cornetada aos mozos: “Moza a novia e vello o novio, casamento de córno; vello el e vélla éla, casamento de merda” [MV, 953]. Nalgunha copla popular recóllese tamén a cinzarrada como sinónimo de foliada ou festa:
Na Ponte Loureiro
xa non hai nada,
porque rematou
toda a cinzarrada
[CDC, 62]
Sería moi interesante documentar cal é a significación mística ou máxica deste tipo de manifestacións e de qué tradición arrincan. Segundo o profesor Marius Schneider as cornetadas téñense que encadrar dentro dos ritos de fecundidade, sendo seu significado profundo a defensa da primavera contra o inverno, a luz contra a escuridade e a vida contra a morte 5. Tamén apunta este mesmo autor que unha antiquísima tradición dita que o estrondo do ferro e do metal arrebata á lúa nova (esterilidade) da boca do dragón e dá a luz ao primeiro cuarto que resucita a vida 6. Curiosamente o ruído estrondoso aparece tamén na nosa tradición relacionado con outra ocasión na que a luz mingua: as tebras que se celebraban nas igrexas remedando o momento da morte de Xesús na cruz, cando o ceo se escureceu. Cando falemos deste costume veremos tamén como outras culturas “primitivas” empregan os ruídos para facer fronte aos eclipses e devolver a luz ao sol ou á lúa.
Manifestacións ruidosas semellantes ás cencerradas aparecen tamén durante o antroido nas comarcas ourensás de Viana e Terra de Trives, onde nos foleóns participan, ademais dos grandes tambores, cornos e cornetas, e varios tipos de ferramentas agrícolas. Así mesmo, Ramón Marín fíxonos notar como no Antroido da Laxe (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra), durante o Enterro da Sardiña a súa avoa lembraba que: “levaban unha burra e facían un carriño, e a burra iba tirando polo carro, cuberto con sábanas blancas, e ramos e flores, e todo eso, e levaban alí unha sardiña no medio. E despois íbana botar ó muelle. Alí había un veciño que botaba unha arenga: Adios miña sardiniña que xa non te vexo máis!, hasta el año que volvamos!”, logo todo o mundo comezaba a chorar como as carpideiras 7, que aquí chaman choronas. O carro ía acompañado pola xente da aldea e facían ruído con cornos, frautas e con calquera cousa que o permitise, obrigando ademais ao resto de veciños a unírense ao enterro dándolles grandes petadas nas portas. O ruído é, sen dúbida, un elemento fundamental do antroido galego, onde as máscaras adoitan levar cintos con grandes chocas ou campás (Verín, Laza, Castro de Laza, Xinzo, Ribeira Sacra etc).
Moitos dos instrumentos empregados nas cornetadas, como potas, tixolas, cazolas, gadañas, sachos etc., son idiófonos de percusión (111.2) pois bátese neles con algunha ferramenta apropiada. Dependendo da súa forma caerán despois no apartado dos vasos ou cavidades (111.24) como as potas e cazolas, ou no das placas percutidas (111.22), caso das ligoñas, sachos e gadañas. Ningún deles é considerado polos portadores como instrumento de música, e como xa apuntamos, estas manifestacións puramente ruidosas ou rítmicas non caen dentro do concepto galego do acto musical.
Ver notas- [1] Lorenzo Fernández, X. Cantigueiro popular da Limia Baixa. Ed. Deputación Provincial de Ourense e Museo do Pobo Galego. Ourense, 2004, p.17. ↩
- [2] Fraguas Fraguas, A. Cantigueiro de Cotobade. Cadernos do Seminário de Sargadelos nº 78. Edicións do Castro. A Coruña, 1998, p. 16. ↩
- [3] Lisón Tolosana, C. Antropología cultural de Galicia. Ed. Akal. Madrid, 2004 (1ª ed. 1979), pp. 92-98. ↩
- [4] Schubarth, D. e Santamarina, A. Cancioneiro Popular Galego. Ed. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1984-1995. Vol. V, Tomo II, p. 32. ↩
- [5] Schneider, M. El origen musical de los animales-símbolos en la mitología y escultura antiguas. Ed. Siruela, 1998; p. 276. ↩
- [6] Schneider, M. La Danza de Espadas y la Tarantela. Ensayo musicológico, etnográfico y arqueológico sobre los ritos medicinales. CSIC. Barcelona, 1948, p. 81. ↩
- [7] As carpideiras son as mulleres que choraban por encarga nos enterros. ↩