Noces
As noces enteiras ou separadas nas súas metades presentan diversos aproveitamentos como instrumentos musicais ou xoguetes dentro do sistema de cultura tradicional galego. As cascas das noces presentan unha superficie rugosa que fai que podan ser empregadas para refregar unha metade contra a outra, a xeito de cunchas, producindo un son semellante malia teren un volume moi escaso, estando este uso reservado aos nenos e nenas a xeito de xoguete sonoro.
Os cativos aproveitan a sonoridade das noces para fabricar outro xoguete sonoro denominado rinrán, rique-raque1 ou cravanoces 2 que consiste en dúas noces secas, unha delas fixa na punta dun guizo que atravesa de lado a lado a outra noz baleira; esta contén un furadiño lateral polo que sae un cordel que se enrola no guizo, de xeito que, sostendo o rinrán por esta noz e posible facer xirar con rapidez a que está fixa na punta do guizo, producindo así un son. Xosé López e Xosé Manuel García, autores d’Os xoguetes esquecidos 3 comentáronnos que coñecían algún mañoso que daba producido ritmos con estes rique-raques.
Outro xeito de facer música coas noces consiste en empregar a boca como cavidade de resonancia para o son que as noces producen ao refregalas. Para isto, colócase unha das metades diante da boca, tapando parcialmente a comisura dos beizos, con eles entreabertos refrégase unha metade contra a outra e, variando a capacidade de boca movendo a lingua adiante e atrás, pódese emitir unha melodía que se entende sen dificultades. Este xeito musical témolo documentado na Fonsagrada, onde a boca se aproveita tamén como cavidade de resonancia para amplificar e producir a melodía coa trompa ou berimbau.
Coñecemos aínda un último aproveitamento “musical” para as noces: con elas pódense fabricar dous tipos de zoadeiras. Un consiste nunha noz baleira, con un ou dous furadiños nos laterais e que se ata ao extremo dun cordel dun metro de lonxitude aproximadamente. Facendo xirar a noz no aire, por riba da cabeza e con rapidez, este instrumento emite un característico asubío mercé a que o aire entra polos furados laterias da noz. A zoadeira de noz aparece citada na obra de Xaquín Lourenzo Enredos 4. O segundo tipo de zoadeira que coñecemos consiste nunha noz baleira na que se practican catro furadiños nos laterais polos que pasa un cordel que forma un círculo. Collendo os extremos do cordel entre os dedos e facendo xirar a noz en círculos, conséguese enrolar o cordel; ao estiralo con forza a noz comeza a xirar sobre o seu eixo e a inercia que leva enrola o cordel no sentido contrario, permitindo realizar a operación de novo mentres a noz non para de zoar. Esta zoadeira menciónase nas obras sobre xoguetes de Jaime López Picallo 5 e Xosé López e Xosé Manuel García 6 cos nomes de dallequedalle e zoadeira de noz respectivamente. Dentro da clasificación de Hornbostel e Sachs e no seu uso refregado, as noces pertencen ao grupo 112.24 “idiófonos refregados de vasos”. O uso da cavidade bucal como resoador para un idiófono refregado non está contemplado nesta clasificación e cumpriría, unha vez máis, a creación dun novo grupo para acubillar este uso. O uso das noces como zoadeiras inclúenas nun apartado da clasificación de Sachs moi diferente, a dos aerófonos libres, dos que falaremos ao comentar os outros tipos de zoadeiras que existen en Galicia.
Ningún dous usos das noces aquí explicados está contemplado dentro do noso sistema de cultura tradicional como unha práctica musical propiamente dita; son considerados como brincadeiras. Tampouco teñen unha clara correspondencia con ningún sexo en particular.
Ver notas- [1] López González, X. e García X. M. Os xoguetes esquecidos (I). A Nosa Terra. Vigo, 2003, p. 126. ↩
- [2] López Picallo, J. (Coor.) Borreiros Freire, E., Rodríguez Rodríguez, S. e Rubio Alvariño, M.T. Xoguetes e Sons da Natureza. Ed. Xunta de Galicia, (2ª Ed.) Santiago, 2004; pp. 45-46. ↩
- [3] López González, X. e García X. M. Os xoguetes esquecidos (I). A Nosa Terra. Vigo, 2003, p. 138. ↩
- [4] Lorenzo Fernández, X. Enredos. Ed. A Nosa Terra. Vigo, 2003; p. 54. ↩
- [5] López Picallo, J. (Coor.) Borreiros Freire, E., Rodríguez Rodríguez, S. e Rubio Alvariño, M.T. Xoguetes e Sons da Natureza. Ed. Xunta de Galicia, (2ª Ed.) Santiago, 2004; pp. 49. ↩
- [6] López González, X. e García X. M. Os xoguetes esquecidos (I). A Nosa Terra. Vigo, 2003, p. 138. ↩