“Sistro”

Os sistros son tecnicamente instrumentos nos que un conxunto de elementos sonoros aparecen dentro dun marco máis ou menos cuadrangular. Os elementos sonoros poden ser arames coas puntas reviradas que atravesan un marco metálico batendo contra el ao seren axitados, ou ben ferreñas 1 enfiadas dentro destes arames para potenciar aínda máis o seu son. Os marcos poden ser de madeira ou de metal.

En Galicia temos documentados sistros unicamente na parte sur da provincia de Pontevedra, concretamente na comarca da Paradanta, onde eran usualmente empregados polas mulleres para acompañar o canto. Tamén temos novas de que nalgún grupo de gaiteiros desta zona o tocador do bombo podía empregar o instrumento a xeito de pratiño. Os sistros da Paradanta consisten nun pequeno marco rectangular de madeira con catro furados rectangulares atravesados por arames onde se enfían varias ferreñas semellantes ás dunha pandeireta, un mango xunguido ao marco permite asir o instrumento. As mulleres tocaban estes “sistros” sentadas, sosténdoos coa man dereita e batendo alternativamente con eles entre a perna esquerda e a man esquerda, situada a unha distancia adecuada da perna. Tamén nas comparsas de Nadal dalgunhas zonas do sur pontevedrés (Vigo, Redondela etc.) aparecen instrumentos semellantes pero é difícil precisar a antigüidade destas manifestacións que nos semellan máis ben modernas.

Os portadores e portadoras consultados na Paradanta descoñecían o nome que reciben estes instrumentos polo que empregamos a denominación técnica de sistro 2. Como xa apuntaba Fr. Martín Sarmiento na súa obra lexicográfica (1745-1770): “El sistro no tiene nombre en gallego ni castellano, las sonajas se llaman en gallego ferreñas, el triángulo se llama binco, la campanilla campaíña, el cencerro choca y chocallo, y el cascabel alxóuxere o axóuxare en gallego. Todos estos son instrumentos crústicos.”

As ferreñas ás que se refire Sarmiento nesta cita son outro tipo de sistro, esta vez circular e sen mango, e aparece descrito no cancioneiro de Casto Sampedro: “Las ferreñas son una pandereta sin piel, es lo mismo que se llama sonajas en Castilla. Apenas se ven, hasta el punto de que los constructores de panderetas de la provincia [Pontevedra] no las conocen.” 3. As ferreñas aparecen tamén citadas por Pérez Costanti participando nas danzas do Corpo de Deus ­dalgunhas confrarías galegas no século XVII (ver o instrumento “ferreñas”).

É moi posible que os sistros da Paradanta se denominasen outrora ferreñas; esta afirmación baséase na circunstancia de que Adolfo Salazar, na súa obra La música en Cervantes, documenta en Castela dous tipos diferentes de sonajas (instrumento denominado en Galicia ferreñas): unhas con forma circular e outras moi semellantes aos sistros exipcios e polo tanto a estes da Paradanta: “Los cascabeles de que habla el Repolido, un momento antes, para tocar a la par con un pandero, puede que sean en este caso simples sonajas, acaso de metal más recio, mejor que no los cascabeles menudos que, colocados en los calcañares, acompañan las danzas de este nombre. Las sonajas pueden ser de dos maneras: insertas en un aro de madera que, cuando está cubierto con una piel forma la pandereta, o prendidas en unos alambres que recoge una montura de metal” 4.

Excepto polo seu marco de madeira, os sistros que aparecen aquí e acolá na península ibérica son moi semellantes a un instrumento que aparece documentado por primeira vez en Mesopotamia e sobre todo no Exipto dos faraóns, analoxía formal que aínda fica por explicar fóra do marco difusionista. Se facemos caso da cita de Adolfo Salazar, os sistros de marco metálico, practicamente idénticos aos exipcios, estarían documentados na península ibérica ata polo menos o século XVII. Vexamos un pouco da historia destes instrumentos pois axudaranos notablemente a comprender o seu uso dentro da nosa cultura.

A reprodución máis clara e antiga dun sistro áchase nun selo sumerio do ano 2500 a.C. aproximadamente, conservado no Museo do Louvre. Tamén nas excavacións da cidade de Ur atopáronse sistros, malia que deles só fican os seus marcos metálicos. Os máis antigos tiñan a forma de U dunha espora de cabalo, sendo a punta da espora a que formaba o mango por onde se sostiña o instrumento. Dentro da cavidade da U situábanse uns cantos traveseiros que tintineaban cando se axitaba o instrumento. De forma semellante a esta son os atopados preto de Tiflis, Xeorgia, e os que aínda existen na igrexa copta de Etiopía. Sorprendentemente, os sistros achados entre os yaquis de América do Norte e os kadiuveos de Sudamérica son tamén moi parecidos a este modelo, por canto a súa antigüidade podería ser enorme.

Segundo o profesor Curt Sachs 5 o sistro sumerio en forma de espora era diferente do sistro exipcio común que tiña o arco no extremo oposto do mango. Sachs opina que non é probable que os sistros se orixinasen en Mesopotamia nin tampouco no Exipto dos faraóns. Os devanceiros do sistro, de grande tamaño e toscos como pode supoñerse tratándose de instrumentos moi antigos, poderían conservarse nun instrumento peculiar que pescadores malaios e melanesios usaban para atraer as quenllas: unha vara de rota en forma de forquita de dous dentes ou en forma de marco redondo cun mango. Se adoptan a forma de forquita, colocan unha barra transversal entre os dous dentes e enfían cascas de coco nela; na forma de marañón, enfían as cascas directamente no marco. Este enorme axóuxere anticipa, segundo este erudito, as dúas formas do sistro, o sumerio e o exipcio antigo en forma de espora, e tamén o sistro en forma de ferradura do Exipto clásico.

Segue Curt Sachs dicindo que o sistro exipcio, o ´sehem, foi sen dúbida o idiófono máis frecuente e representativo deste país. O instrumento compúñase dun mango que suxeitaba un marco de metal cuns furadiños a través dos que atravesaban tres ou catro arames retortos nas puntas para que non puidesen saír dos furados. Os arames gozaban da suficiente liberdade como para bater libremente no marco cos seus extremos revoltos cando o instrumento era axitado, producindo así un característico son tintineante. Durante os imperios Antigo e Medio os sistros tamén podían levar ferreñas enfiadas nos arames para potenciar o efecto sonoro do instrumento. Unha forma de sistro bastante máis sonora que o ´sehem dos primeiros tempos foi o šeš, seš ou seššet. Os exiptólogos coñéceno como naos sistrum, ou sistro en forma de pequeno templo ou naos. O extremo superior estaba tallado figurando a cabeza da deusa maternal Hathor e soporta o pesado marco, que semella a fachada dun templo cunha porta. Tanto o seššet como o ´sehem subsistiron a través de toda a historia do antigo Exipto fortemente asociados ao culto á deusa Hathor (posteriormente Isis) de xeito que chegaron mesmo ata os seus derradeiros períodos. Este culto foi asimilado polos fenicios e polos dominadores romanos e así espallado por todo o mundo antigo segundo a hipótese difusionista proposta por Sachs.

Cómpre salientar que a principal deusa fenicia, Astarté, era asimilada coa deusa nai exipcia Hathor, que máis tarde se transformou en Isis. Así, os deuses fenicios Astarté e Eshmun pasaron a formar a mesma parella en Fenicia que Isis e Osiris en Exipto ou Ishtar e Tammuz en Babilonia; e ata tal punto Hathor foi asimilada con Astarté entre os fenicios, que esta última seguiu a ser venerada coa iconografía da Hathor exipcia, en cuxo culto o sistro foi un instrumento primordial, por canto tamén entre os fenicios o sistro debeu ser parte importante no culto a deusa Astarté.

Os fenicios exportaron estes cultos a todas as súas colonias; concretamente parece ser que no occidente Astarté converteuse nun determinado momento na deusa Tanit, principal deusa de Cartago e polo tanto unha das máis importantes divindades do imperio púnico. Sabemos que esta deusa foi venerada na península ibérica e polo tanto cabe a posibilidade de que os sistros migraran co seu culto ata as nosas terras, onde aínda hoxe fican restos moi conspicuos deste tipo de idiófonos. A Celeste romana foi a substituta da Astarté fenicia (a deusa Tanit) e temos testemuñas que sitúan o seu culto en Lugo onde apareceu un ara votiva destinada a esta deusa 6. En todo caso, debemos ter en conta que estas divindades eran veneradas fundamentalmente por estranxeiros, é dicir, administradores, militares etc., que vindos de fóra seguían a manter os seus cultos, polo que non sabemos o calado que tiveron estes entre as xentes do pobo. Sexa como for, o sistro puido ser acollido sen necesidade de practicar o culto.

Fóra desta hipótese difusionista e vista a grande dispersión dos sistros no planeta, seméllanos moi posible que este instrumento musical acompañase os seres humanos xa desde épocas moi primitivas. A súa presenza no continente americano podería indicar que a súa xénese é anterior á migración do home a este continente; mais, pola súa simplicidade de concepto e construción quizais sexa aínda moi anterior.

Fose cal fose a vía de chegada dos sistros ás nosas terras, o caso é que se trata dun instrumento dunha antigüidade máis que notable e que noutras culturas estivo asociado a cultos relixiosos maternais, o que podería dar a chave para a interpretación do uso das ferreñas, que non deixan de ser un tipo de sistro, nas danzas do Corpo de Deus e nas folías ao Espírito Santo portuguesas. Falaremos disto cando describamos este instrumento.

Dentro da clasificación técnica de Hornbostel e Sachs os sistros propiamente ditos, axitados no aire, pertencen ao grupo 111.122 “Idiófonos de golpe indirecto”, sacudidos e sostidos por un marco nos que os corpos sonoros (ferreñas neste caso) se deslizan dun lado ao outro dun corpo que non soa. Así e todo, o xeito galego de tocar este instrumento, baténdoo entre man e perna, contra a man ou contra outro instrumento, fai que o sistro galego da Paradanta deba ser clasificado dentro do grupo dos idiófonos de percusión (111.2). Para isto é precisa a creación da nova categoría 111.26 “Marcos percutidos”: idiófonos de percusión con forma de marco nos que as diferentes partes do instrumento (membrana, ferreñas, arames etc.) están dispostas nun marco.

No noso sistema de cultura tradicional o sistro é considerado un instrumento musical, asimilable en consideración, uso e función á pandeireta, pois é construído para participar no acto musical, na melodía, propiciando o acompañamento rítmico da voz. Retén ademais a propiedade feminina, quizais debido ao seu antigo uso no culto ás deusas maternais, quizais simplemente porque en Galiza o canto é fundamentalmente feminino.

Ver notas
  1. [1] As ferreñas son discos de metal duns 5-8 cm de diámetro, fabricados recortándoos dunha lámina fina de calquera metal obtida dun caldeiro, dunha lata de conservas etc. Son un pouco cóncavas e levan as beiras lixeiramente rizadas, non se deben confundir co instrumento ferreñas.
  2. [2] Este termo, derivado da palabra grega seîstron,cousa sacudida”, foi adoptado por convenio para designar este tipo de idiófonos, mais nada ten que ver coas denominacións tradicionais que estes instrumentos reciben nas culturas que os empregan.
  3. [3] Sampedro y Folgar, C. Cancionero Musical de Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. Reimpresión facsimilar da edición de 1942. A Coruña 1982, p. 205.
  4. [4] Salazar, A. La Música en Cervantes y otros ensayos. Ed. Insula. Madrid, 1961, p. 164.
  5. [5] Sachs, C. Historia Universal de los Instrumentos Musicales. Ed. Centurión. Buenos Aires, 1947; p. 67.
  6. [6] Sobre estes cultos pódese consultar: Leite de Vasconcellos, J. Religiões da Lusitânia. Ed. Impresa Nacional-Casa da Moeda. Lisboa, 1913; Vol III, p. 357. Nas pp. 341- 364 fálase da presenza dos cultos a Isis e Serapis na Lusitania.
Patrocinadores e colaboradores