“Mirlitón”

Trátase doutra membrana cantadora. Os nenos preparaban este xoguete sonoro cun anaco de cana das escobas. Serraban os dous nós que limitan cada tramo e no tubo así obtido, con axuda dun ferro quente ou unha navalla, practicaban un furado duns 10-12 mm de diámetro nun dos laterais do tubo. Un dos extremos ficaba aberto, mentres o outro recubríase cun papel de fumar ou cunha pel de cebola seca, desas marróns e finiñas que rodean estes bulbos. Esta membrana asegurábase atándoa cun cordeliño arredor da cana. Poñendo os beizos de arredor do furado e cantando por el, non soprando lateralmente coma nunha frauta traveseira, a membrana vibra coa voz producindo unha curiosa melodía. No xa citado traballo coordinado por Jaime López Picallo 1, mencionan un instrumento moi semellante (toques), no que a membrana que vibra obtense adelgazando un lateral do tubo de cana ata que o seu grosor lle permite vibrar.

Este instrumento musical é denominado tecnicamente mirlitón 2. Os nosos informantes non puideron darnos un nome concreto para eles: era un xoguete, un brinquedo, cousa de nenos para facer barullo. En Asturias coñécese co nome de berrón e co de nunut en Cataluña, mentres en Castela é denominado mirlitón de cebolla 3. A denominación francesa, flûte à l’oignon, fai referencia tamén ao uso das membranas de cebola. Instrumentos moi semellantes documéntanse tamén por toda África, caso do kabile dos mbae, o akasori en Burundi ou o kwidi dos tsangi 4, sendo nalgúns destes casos xogos para os nenos.

O principio sonoro do mirlitón aplícase ás veces ás frautas, e así parecen instrumentos como as frautas chinesas dizi e bangdi ou a kimpungili dos luba africanos. En Galicia Xosé López e Xosé Manuel García refiren o mirlitón na súa obra Os Xoguetes Esquecidos 5 baixo o nome de frauta con papel de fumar, indicando que podía ir equipado, ou non, con varios furados para os dedos e así podíase obter unha maior variedade de sons. Marin Mersenne (1636) fala dos concertos que se daban na corte cun instrumento moi semellante a este, denominado flûte eunuque, que consistía nun tubo lixeiramente cónico, duns 60 cm de lonxitude, cun pavillón pronunciado; preto da embocadura tiña un engrosamento ovoide que contiña a membrana e varios furados para os dedos 6.

Curt Sachs opina que o mirlitón foi, antes que un xogo de nenos, unha máscara para a voz, un dispositivo máxico que permitía deformar a voz facéndoa irrecoñecible e, por tanto, trascendente. “En la edad de piedra nuestros antepasados bailaron las danzas rituales como aún hoy las bailan los indígenas de todos los continentes: delante de la cara la máscara, que posee el espíritu y a la vez espiritualiza a quien la usa, y delante de la boca el mirlitón que colorea la voz. También nuestros muchachos usan máscaras cuando juegan y tararean sus canciones colocándose delante de la boca un pedazo de papel de seda” 7. Aínda que se trata dunha exposición dun argumento fortemente evolucionista, pois compara aos nosos nenos cos adultos de culturas tan evolucionadas como a nosa, tamén é certo que coa evolución dentro dunha mesma cultura, instrumentos musicais que noutrora foron empregados polos adultos acaban relegados ás mans dos cativos e cativas. Así achamos tamén outro mecanismo semellante cando os rapaces cantan cun peite e un papel de fumar diante da boca.

Se dentro da clasificación de Hornbostel e Sachs o mirlitón pertence ás membranas cantadoras, en Galicia non se considera un instrumento musical, senón, como xa indicamos, un xoguete de nenos. Á luz dos datos que temos, a filiación sexual destes instrumentos na nosa cultura semella masculina.

Ver notas
  1. [1] López Picallo, J. (Coor.) Borreiros Freire, E., Rodríguez Rodríguez, S. e Rubio Alvariño, M.T. Xoguetes e Sons da Natureza. Ed. Xunta de Galicia, (2ª Ed.) Santiago, 2004; p. 71.
  2. [2] En portugués este instrumento recibe tamén o nome de mirlitón. Segundo Houaiss procede do francés e está documentado xa no 1752.
  3. [3] Andrés, R. Diccionario de instrumentos musicales. Ed. Península. Barcelona, 2001, p. 254.
  4. [4] Laurenty, J.-S. La systématique des aérophones de l’Afrique Centrale. Ed. Musée Royal de l’Afrique Centrale. Tervuren, Belgique Annales, nouvelle série IN-4º-Sciences humaines, nº7, 1974, p. 33-35.
  5. [5] López González, X. e García X. M. Os xoguetes esquecidos (II). A Nosa Terra. Vigo, 2003; p. 74. Tamén en: López González, X. e García X. M. Os xoguetes esquecidos (I). A Nosa Terra. Vigo, 2003; p. 91.
  6. [6] Información obtida de: Andrés, R. Op. cit. p. 255.
  7. [7] Sachs, C. Vergleichende Musikwissenschaft Musik der Fremdkulturem. Ed. Quelle & Meyer. Heidelberg, 1959.
Patrocinadores e colaboradores