Tambor propiamente dito
O tambor galego é un instrumento chato, no que a altura da caixa non supera nunca o diámetro da mesma. Esta caixa fabrícase de diversas madeiras (nogueira, cerdeira, piñeiro, castiñeiro etc.) dobrando unha táboa duns 5 mm de grosor que é reforzada internamente con dous ariños na súa parte superior e inferior, malia que é posible que antigamente se fabricasen tamén baleirando troncos de árbores como aínda se fai cos tambores de antroido da comarca de Viana (Ourense) ou cos bombos de mallada do Baixo Miño (Pontevedra). Esta copla podería lembrar aqueles tempos:
Eres a sota de bastos,
eres piollo reghalado,
eres tambor de cortiza
que ten o coiro furado
[IMLTG, 131]
Na confección dos tambores tradicionais empregábanse cravos e cola para asegurar as diferentes partes de madeira. As peles obtéñense curtindo con cal ou con cinsa pelellas de cabra ou carneiro ás que se lles elimina por completo o pelo do animal, reservándose sempre as máis finas para a pel inferior. Estas peles enrólanse cando están húmidas nuns finos aros de madeira (duns 8-10 mm de largura), que poden ser pólas estreitas dalgunha especie de árbore flexible ou tamén tiras recortadas dunha táboa, estendéndose entón encima da caixa do tambor. Enriba destes ariños sitúanse os aros do tambor, formados por unha circunferencia de madeira fabricada dunha táboa (ou dúas máis finas superpostas e convenientemente xunguidas con puntas ou cola) que teñen un grosor de entre 7-10 mm e unha altura duns 3-5 cm aproximadamente. Os aros levan uns furados por onde atravesa a corda que xunguirá o aro superior co inferior permitindo así tensar as peles. Carlos Rei explica que os aros reciben o nome de bozos engadindo esta copla que os menciona 1:
Meniña ¿Que é o que tes
que te limpas co mandil?
¿Seica che bateu teu pai
co bozo do tamboril?
[IMLTG, 132]
A corda enlaza os bozos formando un zigzag de xeito que, en vertical, apréciase unha forma de V. No vértice de cada unha destas V sitúase un zuncho ou arrocho, unha peza de coiro que xungue dúas cordas e que permite tensalas ao desprazarse cara ao extremo oposto. Os tambores aparecen por veces pintados de azul (os aros) e branco (a caixa), azul (caixa) e colorado (aros), tintados de cores escuras e, máis raramente, doutras cores como o amarelo e o vermello, tendo a maior parte das veces a cor propia da súa madeira.
O tambor galego que acompaña á gaita de fol vai sempre equipado con bordóns normalmente na pel inferior, malia que tamén hai moitos exemplos de tambores que os levan nas dúas peles e incluso aparecen estes nas iconografías, caso do representado na capela da Casa Grande de Ronsende (Sober, Lugo). Os bordóns son cordeliños que atravesan a superficie da pel diametralmente, pasando a través duns furadiños no aro e situándose en íntimo contacto con ela. Fabrícanse normalmente de tripa, de diferentes tipos de cordeis, de tiras de pel ou mesmo con cordas entorchadas de instrumentos de corda. Algúns portadores consultados da Mariña luguesa comentáronnos que aproveitaban as tripas dos gatos para facer os cordeis dos tambores.
Preséntanse adoito en número de dous sobre a pel que os leva e parten dun pequeno mecanismo cun parafuso que permite tensalos para acadar o son desexado. Este sistema desenvolveuse aproximadamente no século XVII. Con anterioridade os bordóns tensábanse dun xeito máis antigo e menos preciso. Ían xunguidos a unha tira de coiro alongada que se deslizaba por debaixo das cordas que, ao apertarse para tensar as peles, apertaban tamén a peza de coiro impedindo que se deslizase. Deste xeito era posible regular a tensión sacando ou metendo máis a tira de coiro. Este sistema aparece aínda en numerosos tambores de tocadores de frauta e tambor do resto da península. Nos enormes tambores de antroido de Vilariño de Conso aparece outro sistema de tensar os bordóns que nos semella aínda máis antigo: introducir unha cuña de madeira entre os bordóns e o corpo do tambor.
En xeral podemos dicir que o diámetro dos tambores que acompañan á gaita de fol foi diminuíndo ostensiblemente co paso do tempo. A finais do século XIX e principios do XX, de onde datan os exemplares e fotografías máis antigos que conservamos, podían acadar uns 35-40 cm. Avanzando no século XX, este diámetro foi diminuíndo nos tambores asociados aos grupos folclóricos ata tamaños moi miúdos que roldan os 25 cm, perdendo en moitos casos tamén o bordón. Nos tambores antigos os arrochos desprazábanse normalmente cara á parte inferior do instrumento, característica que tamén se transformou co paso do tempo, de xeito que na maior parte dos tambores actuais os zunchos apertan as cordas desprazándose cara á pel superior.
O tambor faise soar batendo na súa pel superior con dous paus de madeira duns 35-40 cm de longo e 15-20 mm de groso na súa parte posterior, que diminúen progresivamente de grosor cara a punta ata os 8-10 mm. Deste xeito os paus teñen forma de cono estreito e longo que remata nun engrosamento final en forma de oliva, que é o que bate na pel do tambor. Estas baquetas reciben o nome de paus ou palitroques:
A ti que che importa
Probe cirineo
Conque ben non toque
Meu tamborileiro?
…
El fará o oficio
Ja no seu comenzo
Mais que os palitroques
Ate os cotelos
E si toca male
Que tes ti con eso?
[AGG, 126]
Os paus fabrícanse no torno empregando normalmente madeira de buxo, pero tamén se usaron outras madeiras duras e pesadas como a oliveira ou, actualmente, madeiras tropicais como o ébano, granadillo, pau violeta etc. De xeito paralelo á diminución no tamaño dos tambores, tamén os paus diminuíron a súa lonxitude e grosor, sobre todo na oliva final, de xeito que o son do tambor trocou considerablemente ao longo do século XX pasando dun son voluminoso, grave, retumbante e abordoado para outro moito máis agudo, opaco, sen bordón e de moito menos volume.
O tambor tócase coas peles en posición case horizontal, lixeiramente inclinadas cara á parte esquerda do tocador. Agora pendúrase da cintura do músico (chamado tamboriteiro ou tamborileiro) mediante un ferro plano, dobrado en ángulo agudo, acolado á caixa do tambor e que se introduce dentro da cintura do pantalón ou a faixa; antigamente tamén se tocou colgado dunha correa que sostiña o tambor e pasaba por riba do ombreiro do músico, e incluso, pendurado cunha cordiña do pulso esquerdo do tamboriteiro, malia que este xeito só se documenta no norte da provincia da Coruña. Respecto a isto, no dicionario de Eladio Rodríguez (1958-1961) faise unha interesante observación:
«El tamboril varía de tamaño, pues en comarcas de La Coruña es pequeño y su sonido es seco, fuerte y hasta duro; pero en las provincias de Orense, Pontevedra y gran parte de Lugo, el tamaño es mayor y el sonido es más suave, más sonoro y menos áspero y estridente. Compañero inseparable de la gaita, nuestro tamboril tiene, como ésta, carácter popular y campesino. Lo lleva el TAMBORILEIRO colgado de la muñeca y lo toca con dos palillos o palitroques, uno en cada mano, que forman el obligado acompañamiento de las notas que salen por el PUNTEIRO de la gaita.»
A técnica de execución do tambor galego é rica e inclúe redobres abertos e pechados, golpes sobre os aros e cunha baqueta sobre a outra, contratempos á melodía etc. Os tamboriteiros e gaiteiros consultados ao respecto coinciden en que o tambor debe “cantar” a melodía da gaita de fol, é dicir, debe imitar os debuxos melódicos e rítmicos desta dentro das súas posibilidades.
Antigamente os tambores eran fabricados polos carpinteiros, peneireiros ou por xente coa maña suficiente para dobrar convenientemente as táboas necesarias. Ata ben entrado o século XX non puidemos documentar ningún obradoiro dedicado especificamente á produción deste tipo de instrumentos. O primeiro do que temos novas foi o de Manuel Álvarez, de Santiago de Compostela, fillo de Pascual Álvarez, de quen herdou o oficio de peneireiro, polo que firmaba os seus instrumentos como “Pascual Álvarez e fillos”. Manuel morreu cara ao ano 1998 e herdou o seu taller e algúns dos seus coñecementos quen estas liñas escribe. Na actualidade existen numerosos obradoiros artesáns dedicados a elaboración deste e doutros instrumentos de percusión, entre os que poderiamos destacar o de Xaneco Tubío (Outeiro de Rei, Lugo), Ramón Vázquez O Chirlo (Oubiña, Cambados, Pontevedra), Carlos Collazo Carlos do Viso (Redondela, Pontevedra), JR de Carballo, o obradoiro de Dionisio Aboal Os Alegres (Mourente, Pontevedra) ou o do propio autor en Santiago de Compostela dedicado á reprodución de instrumentos antigos.
En opinión do profesor Sachs 2, a etimoloxía da palabra tambor poderiámola buscar xa en tempos babilónicos (aprox. no III milenio a.C.) cando certos pequenos tambores de marco que as mulleres tocaban directamente coas mans parece que recibían o nome sumerio de balag-di; o equivalente en lingua acadia deste termo sería timbutu ou tibbu. A mesma raíz deste nome acadio volve aparecer na lingua tamil, na que o substantivo empregado para se referir ao tambor é tambattam. Corominas (1954) defende a teoría de que o termo castelán tambor procede do persa tabîr, palabra que se modificou ao pasar ao árabe, onde debeu de confundirse co nome dun instrumento de corda denominado tanbûr (con tampa harmónica de pel). As palabras antigas castelás son atambor e atamor que aparecen primeiramente documentadas no Poema de mío Cid (s. XII) (vv. 696, 1658, 166, 2354) 3. En Portugal a voz tambor emprégase por primeira vez no “Diário da Viagem de Vasco da Gama” do 1498. Pouco máis tarde, Miguel de Cervantes (1547-1616) emprega xa esta mesma voz (El Quijote, II, 36) pero alternándoa coa de atambor (Persiles, III, 12). No Diccionario de Autoridades (1732) aparece o instrumento co nome de atambor, explicando que se chama máis comunmente tambor. Xa en Galicia, nin atambor ou tambor, nin tabal ou atabal aparecen nos textos medievais escritos en galego, polo menos naqueles rexistrados no Tesouro Medieval Informatizado do Instituto da Lingua Galega. Si que puidemos documentar a voz atambor en Galicia no século XVI, como logo veremos, pero en textos escritos en castelán. No Tesouro Informatizado da Lingua Galega, ferramenta desenvolvida tamén polo Instituto da Lingua Galega, tampouco aparecen as voces tabal, atabal ou atambor nos textos galegos, e tambor documéntase por primeira vez no Coloquio de 24 gallegos rústicos de Frei Martín Sarmiento (1746) neste contexto:
«Houbo foliadas nas rúas, nos eidos, todo era festiña, todo era contento. Bailaban as mozas ao son do pandeiro, con elas bailaban os mozos mancebos. Andaban ás turras e mais aos trebellos os parvos, sandíos, meniñas e nenos. Uns con asubíos, outros con punteiros, outros con discantes, outros con rabelos. Con gaita e tambor andaban galegos, con binco e zanfona, andaban os cegos. Todos reloucaban, xa mozos, xa vellos, xa pobres, xa ricos, xa frades, xa cregos. Todos “viva, viva” berraban a berros “viva don Fernando nuestro rey excelso”. Como tantas rúas se xuntan no medio da Porta do Sole, e fan un campelo, alí foliadas había por centos máis que en outras prazas…»
A denominación tambor aparece nos dicionarios da Academia (1913-1928) [s. m. Atambor, tambor, instrumento músico de percusión] e no de Eladio (1958-1961) coa mesma definición. Entre os portadores consultados nunca escoitamos o apelativo atambor.
Na Idade Media existía xa en Europa o tambor pero cunha grande variedade de formas, chatos e altos, con bordóns nas dúas peles ou só na de arriba e normalmente asociados á frauta de tres furados 4. Todos os tambores medievais eran tensados con arrochos e cordas tendidas en zigzag, malia que algúns amosan un sistema diferente no que a mesma corda se entrelaza para permitir a tensión, como sucede aínda nos tambores de antroido de Vilariño de Conso (Ourense), os bombos da zona portuguesa do Fundão ou algúns tambores que aparecen nas fotografías galegas de finais do século XIX ou principios do XX. Curiosamente, moitos dos tambores medievais dos que temos novas na península ibérica tiñan un diámetro moi semellante á súa altura, característica que aínda se conserva nos nosos tambores tradicionais, mentres que no resto e Europa son frecuentes os tambores cunha altura moi superior ao diámetro da caixa.
Nas poucas representacións medievais nas que o tambor non aparece asociado á frauta de tres furados, segue a representarse pendurado dunha man pero agora percutido con dous paus 5. Este xeito de soster o tambor aparece no tríptico do nacemento de Santiago de Vilamaior do Val (s. XVII) de Verín onde un tamboriteiro de cor acompaña a un gaiteiro; tamén se ve nas fotografías que se conservan do gaiteiro Rilo de Betanzos (s. XIX), e aínda se conservou na zona norte da provincia da Coruña ata o día de hoxe, por canto é posible que o tambor que acompaña á gaita de fol en Galicia teña unha orixe dupla: os máis pequenos e pendurados do pulso do tocador poden proceder directamente do tambor asociado á frauta de tres furados, mentres que aqueles máis grandes, pendurados da cintura cun gancho ou ben do ombreiro do músico cunha correa a xeito de bandoleira, como aparece no da capela da Casa Grande de Rosende (Sober, Lugo), poderían proceder do tambor militar europeo.
Tamén debemos observar que en Galicia aparecen hoxe dúas denominacións diferentes para os tambores consideradas como sinónimos, pero que poderían indicar esta dupla procedencia: tambor e tamboril. A primeira fai referencia seguramente aos tambores grandes, descendentes dos militares; mentres que a segunda, en diminutivo, probablemente hérdase dos tambores máis pequenos que os tamboriteiros penduraban do seu brazo para acompañar a frauta. As dúas denominacións, tamboril e tambor (ou atambor e tamén atabal nos documentos máis antigos) aparecen nos contratos de músicos realizados polos concellos e confrarías para as diferentes celebracións e para o Corpo de Deus xa durante o século XVI, denominándose os músicos tamboriteiro, como aínda se fai na comarca da Fonsagrada, ou tamborileiro que é a máis frecuente no resto de Galicia 6. Nos lugares onde aínda se conserva a frauta e o tambor tocados pola mesma persoa, caso do Bierzo ou a Maragatería o músico recibe este mesmo nome: tamboriteiro.
Hai autores que opinan que o tambor de uso militar provén daquel asociado coa frauta de tres furados que foi un instrumento popular en toda a Europa medieval, máis ben de tamaño reducido, que no século XIII comeza a ser usado polos exércitos do oeste europeo 7, aumentando o seu tamaño, pero sen abandonar aínda a súa asociación coa frauta. Para Pierre Bec a orixe é outra: a estreita similitude entre o tambor militar medieval e o tabl árabe, tocado con dous paus sobre a mesma pel, poderían indicar que o uso do tambor percutido con dous paus para o seu uso en eventos sociais foi introducido en Europa polos árabes a través da Península 8. A denominación máis antiga destes tambores como atabais (s. XIII-XIV) parece apoiar esta hipótese. Esta denominación aínda se conserva na lírica tradicional galega. Carlos Rei recolle esta copla que así o demostra 9:
Si queredes festa
poñede o gaiteiro,
que da nosa aldea
vai o atabaleiro
[IMLTG]
A voz atabal aparece como sinónimo de timbal nos dicionarios de Filgueira (1926), Ibáñez (1956) e Eladio (1958-1961), aparecendo por primeira vez no da Academia (1913-1928):
«s. m. Atabal. Timbal; especie de tambor o caja de cobre con el fondo redondo y cuero por un solo lado.- «et fezo logo soar ditas tronpas et ferir atabales omaýs 10 de rregeo que poderon.» (E hizo luego sonar dos trompas y herir atabales lo más recio que pudieron.) C. T., vol. II, p. 75.
Non sei se de cobre,
non sei se de ferro,
e tiñan por cima
dous gordos pelexos.
Pescudei sen nome,
e alí me dixeron
que, aunque atabales
timbales é certo.
Se a unha laranxa
fendedes por medio
ja tendes timbales
anque mais pequenos.
(P. SARMIENTO. Colección de muchas palabras,
voces y frases gallegas, etc.)»
Outra voz, tabal, aparece en varios dicionarios galegos co significado de “barril de pino onde se prensan e gardan as sardiñas salgadas”, pero non é definido como instrumento musical.
Outros autores defenden que o tambor militar, dotado de bordóns, podería ter unha orixe diferente da deste tambor empregado nos eventos sociais: puido ser introducido en Europa polas bandas do exército otomán que chegaron a Viena arredor do 1529 exercendo probablemente bastante influencia entre os construtores e tocadores de tambores suízos. Estas bandas empregaban o davul, un gran tambor con bordóns.
Sexa como for, o caso é que desde aproximadamente o século XIII o tambor formou parte de conxuntos militares nos que sempre aparece a carón de trompetas e anafís 11. As primeiras referencias ao tambor tocado deste xeito aparecen na Gran Conquista de Ultramar 12 (c. 1291-1295): “Mandaron tañer las trompas é atabales que traian muchos” e pouco despois no Libro del Buen Amor (1330) do Arcipreste de Hita “Trompas e añafiles salen, con atabales”. Durante os séculos XIV e XV o tambor seguíu con este mesmo uso tendo unha das súas primeiras representacións detalladas no Sintagma Musicum (1614-1620) de Michael Praetorius 13. Tamén no tratado de Marin Mersenne, Harmonie Universelle 14, se representa un tambor militar totalmente idéntico ao empregado aínda en Galicia. Esta copla galega, con dúas variantes, lembra o emprego dos tambores na guerra:
Tocan o tambor na guerra
tócano destemperado,
¡ai, coitada da meniña
que ten o amor soldado!
[CG, II, 45]
Tocan o tambor na guerra,
tócano destemperado:
¡Cuitadiña da miniña
que ten o amor soldado!
[PPG, <P 156> <L 0> <A 1858>]
O tambor militar sempre foi tocado con dous paus e xa no século XVI o bordón se situaba debaixo da pel inferior, se ben aparecen representacións como a de Mersenne que amosan tamén tambores con dous bordóns, un en cada pel, morfoloxía que aínda aparecía en Galicia a principios do século XX asociada, iso si, sempre a pequenos tambores. Os grandes tambores precisaban de paus pesados coas puntas grandes, razón pola que moitas iconografías medievais amosan paus con pesadas cabezas redondeadas 15 que aínda se conservan en Galicia e Portugal, sobre todo nos grandes tambores de antroido das comarcas de Viana e Terras de Trives.
Durante todo o século XVI segue a haber abundantes novas que sitúan o tambor (agora xa denominado atambor) en mans de militares por toda Europa 16 normalmente asociado coas trompetas. Galicia non é caso á parte e no ano 1566, durante as celebracións en Santiago de Compostela do nacemento da infanta Isabel Clara Eugenia, o cabido dispón “[...] que para el sábado, que es de mañana en ocho días, se hagan luminarias y regocixos a la noche y lumbreras a las ventanas y fuegos a las puertas, y por la misma noche se haga máscara (cabalgata) con cascabeles, atambores y ministriles, y que la Justicia y Regimiento y los caballeros de la cibdad salgan a caballo con cascabeles a regocixar la buena nueva [...]”. Polo visto os tocadores de atambor foron Nicolás de la Granda e un compañeiro seu, mentres que o trompeteiro foi un tal Guillén da Coruña 17. Neste marco no que os tambores actúan en ocasións solemnes, Pérez Costanti cita un documento que relata a celebración das festas de Santiago de Compostela no ano 1632: “Y estando el testigo en lo alto de su casa ya dispuesto, bajó al zaguán y se puso de a caballo con su máscara puesta y con trompetas, atanbores, padrinos y ymbenciones, para hacer la entrada en la plaza del hospital” 18, un pouco máis adiante, no mesmo documento, cítase a presenza aquel día de “clarines y tambores” 19. No 1732 parece que o rexemento de Santiago de Compostela tiña un tambor ao que se lle pagaron 75 reais por tocar en todas as funcións e rogativas para celebrar a reconquista de Orán 20, onde tamén aparece mencionado un home que tocou o pífano durante a noite da máscara (cabalgata). No 1783, durante as celebracións do nacemento do fillo de Carlos III, a cabalgata ía precedida de diversas parellas moi ben vestidas acompañadas polo toque de “pitos y tambores” 21.
Polos usos referidos parece que o tambor foi moi empregado, xunto coas trompetas primeiro, e os pínfanos [283] despois, como un indicador da celebración dun acto solemne; de feito Pérez Costanti refire en varios lugares o uso deste instrumento para anunciar as execucións de reos e o cumprimento doutros tipos de sentenzas 22 para o que se reclamaba ao “Tambor de la Ciudad”. Emilia Pardo Bazán na súa obra Folklore Gallego 23 de 1884, ao falar das “expresiones vulgares” [recollidas por José Pérez Ballesteros] refire unha que daquela era famosa en Santiago de Compostela:
«Me cago en las tripas de Remigio. Éste era un tambor de la ciudad que acompañaba al pregonero que en algunas esquinas de las calles de Santiago publicaba el bando; y tenía además, a su cargo, llevar a un depósito los cerdos que hallaba sueltos por la calle. El tal Remigio andaba tambaleándose todo el día, porque desde muy temprano empezaba a beber. Cuando algún cerdo se le resistía para dejarse atar [...] solía exclamar con voz de corcho: Me cago en las tripas de Remigio, frase que se hizo después muletilla, para que los muchachos le insultasen repitiéndola.»
Esta cantiga referida por Carlos Rei 24 corresponde a uns maios ourensáns do 1870 e lembra os tempos en que os pregoeiros empregaban o tambor como instrumento:
Hoy, tres de mayo,
es día de primor,
cando ó pregoeiro
lle diron o tambor.
Si lle diron o tambor,
deixarllo ir dando,
que si llo dan
é pra tocar o bando.
Tamén a Universidade de Santiago de Compostela posuía uns timbaleiros (coñecidos pola xente como bequerellos) que tocaban nos denominados “paseos de graos”. Esta copla recollida por Carlos Rei aínda os lembra:
Vai a tuna por Cervantes
tocando que mete medo;
ben se nota que hoxe toca
Mariano, o bequerello
[IMLTG, 132]
Segundo apunta Pérez Costanti 25 a partir de 1567 mandouse que a concesión de graos na universidade se fixese polo Cancelario (provisor do Arcebispado) na capela de D. Lope da Catedral. Dentro destes actos os graduados eran paseados pola cidade a pé ou a cabalo, segundo os casos, acompañados de trompetas, os ministrís da catedral e os timbaleiros da Universidade: “desde que se comienza el paseo, hasta que se acabe, y en el dar de los Grados de Maestro o Doctor, ha de haber música de chirimías y trompetas y atabales” (Claustro de 19 de xaneiro de 1568). No 1735 a cerimonia pasou a celebrarse na capela do colexio de Fonseca e o claustro dese ano estableceu “para los grados se lleven trompetas o clarines habiéndolos en la Ciudad o pudiendo hallarse cómodamente, para que además de los atabales, sea con toda pompa” 26 neste claustro establécese tamén que as chirimías toquen xunto cos claríns e tambores e se non as houbese tocasen os pífanos cos tambores e claríns.
Chegados a este punto debemos chamar a atención sobre un feito: o tocador do tambor de orixe militar sempre é denominado tambor (ou atambor, tabal ou atabal) pero nunca recibe o nome de tamboriteiro ou tamborileiro.
Polo que vimos vendo parece que durante o XVII os tambores comezan a ser acompañados con frecuencia por outros instrumentos diferentes das trompetas tales como os claríns, chirimías e pífanos], porén, non hai datos que indiquen que antes deste século o tambor sen a frauta fose empregado na música popular galega como acompañante da gaita de fol. Seguramente os paisanos usaban nas súas festas e bailes a gaita de fol xunto con algún tipo de óboe 27 e con toda seguridade empregaron o tambor e o pito (frauta de tres furados) só ou acompañando á gaita de fol como se amosa en algunhas iconografías galegas que pronto analizaremos. Deste xeito, é moi posible que as referencias más antigas de danzas gremiais nas que se cita o gaiteiro ou tamboriteiro fagan referencia ao tocador de tambor e frauta que, lembremos, é denominada aínda gaita en moitas zonas da península, incluída Galicia. Un caso claro é, por exemplo, un documento do Corpo de Deus celebrado en Bouzas (Pontevedra) do ano 1631 onde a Confraría do Santísimo compromete a Juan Conde, veciño de San Martiño de Vilaboa “a tocar en el día y la víspera del Corpus del presente año [...] con su instrumento de gaita y tamboril” 28. O singular de “instrumento” indica claramente que Juan Conde tocaba simultaneamente o tamboril e a frauta, aquí denominada gaita. Debemos observar tamén que noutros documentos da época que xa vimos se fai mención aos tambores que acompañaban ás trompetas como atambores ou atabales e non como tamboril. Outro caso semellante aparece referido por Pérez Costanti en Ourense nun documento do 1597 que recolle o contrato da Confraría de Santa María Madre con Antonio González “tamborileiro” para actuar de por vida no Corpo de Deus e na Pascua de Flores 29 sen mencionar ningún outro instrumentista. Noutro contrato parecido, esta vez asinado en Noia no ano 1585, obrígase a Jácome Vidal a “tañer el instrumento de tamborín a esta villa en las fiestas del San Juan, por tiempo y espacio de seis año” 30, neste contrato actuou de fiador Juan de Rivas de Mar, gaiteiro veciño de Noia. Semella, xa que logo, que no século XVI moitas danzas gremiais eran acompañadas por tocadores de frauta e tambor denominados tamborileiros ou tamboriteiros.
De finais do século XVI datan outras novas referidas por Pérez Costanti 31 que mencionan claramente ao tamborileiro tocando xunto coa gaita de fol. Unha é un contrato de 1587 con Juan Pérez, gaiteiro e veciño de Santa María de Teo (nas ribeiras do Ulla) no que consta: “y además de venir con su persona ha de traer su gaita e un tamborín a su costa y la gaita e tamborín muy bueno e bien adereçado”. Outra son dous contratos outorgados polo concello da vila do Caramiñal en 1579 polo que se obriga a Juan de Tourís, gaiteiro, e a outro Juan de Tourís “el viejo, tamboriteyro”, veciños respectivamente de San Salvador de Taragoña e Santa Baia de Araño, a tocar nas festas do Corpo de Deus de Noia. Con posterioridade, nun apuntamento do cabido de Santiago de Compostela onde se detallan os gastos asociados á danza de arcos do gremio de mareantes durante as festas do ano 1645 pódese ler:
«Quatro reales de la compra de los arcos.-[...].-Diez y ocho reales del trigo que se coció para dar de comer a las personas que danzaron y salieron con las figuras. Nueve reales del gasto de empanadas y pescado de la colación.-[...].-Dos reales de vaca para dar de comer al gaitero, tamborilero y ferreñero.-[...].-Veinte y cuatro reales al gaitero.-Ocho reales al ferreñero» 32
Debemos salientar que en apuntamentos semellantes do cabido compostelán dos anos 1624 e 1644 non aparece mención algunha ao tambor, mentres que gaiteiro e ferreñeiro si aparecen detallados entre os músicos contratados. Estas mencións de tamborileiros a carón de gaiteiros teñen sido interpretadas, baseándose no estado actual da tradición galega, como gaiteiros acompañados de tambor, pero a realidade puido ser moi diferente e poderían referirse a tocadores de pito e tambor que acompañaban a gaiteiros, pois as iconografías desta época así o indican claramente. A máis clara é desde logo a de San Martiño Pinario (Santiago de Compostela, 1647) 33, pero tamén aparece esta parella na igrexa de Santa María de Meiraos (Folgoso do Courel, Lugo, 1614) e no cantoral de San Paio de Antealtares (Santiago de Compostela, s. XVIII) que amosamos no apartado correspondente ao pito e tambor. No cadeirado do coro da catedral de Lugo aparecen as alegorías animais dun gaiteiro e un ferreñeiro dun lado, e dun tamboriteiro e un violinista do outro (6, 22). Estas tallas son de autores galegos e representan tocadores de pito e tambor a carón de gaiteiros. Este conxunto non ten nada de estraño, segundo nos informan os nosos amigos Luís Mondelo e Rafa Busto: no Bierzo e na Maragatería parece que o gaiteiro tocou xunto co instrumentista de frauta e tambor (o tamboriteiro) ata ben entrado o século XX, ficando incluso documentos fotográficos que vinculan a esta parella coas danzas. Deste xeito, colle a posibilidade de que a finais do século XVI gaiteiros e tocadores de frauta e tambor compartisen escenario e que esta asociación se mantivese durante todo o século XVII e XVIII, transformándose paulatinamente na parella de gaita de fol e tambor que chegou ata nós; as probas documentais así o indican tamén.
A primeira iconografía galega que coñecemos onde aparece a gaita de fol acompañada do tambor está nas tallas da sancristía da catedral de Tui, obra de Domingo Rodríguez, galego de Pazos de Borbén (Pontevedra), finalizada no 1715. Aquí aparecen representados un raposo tocando un corno, un gaiteiro e á dereita un mono tocando o tambor. Non entanto, que o mono pete no tambor cun só pau podería deberse a que non se representou o outro pau, ou ben non se tallou a frauta, pero o detalle e realismo das tallas indica que é moi posible que a principios do XVIII algúns tamboriteiros acompañaran ao gaiteiro petando cun só pau no tambor, formando así un conxunto que está a medio camiño entre a gaita de fol e o tamboriteiro con frauta, e a gaita de fol acompañada polo tambor tocado con dous paus. Por estraño que poda parecer, o tamboriteiro acompañando á gaita de fol cun tambor tocado cun só pau e sen frauta documéntase na Maragatería durante o século XX 34. Sexa como for, o caso é que a primeira referencia segura a un gaiteiro acompañado de tambor en Galicia aparece na xa referida cita de Frei Martín Sarmiento do 1746 no Coloquio de 24 gallegos rústicos. Desde aquela o tambor mantívose a carón da gaita de fol, e aparece en iconografías posteriores como os frescos da capela da Casa grande de Ronsende (Sober, Lugo), pintados no 1816 por Juan Bernardo Pérez de Castinandi e agora destruídos polo lume, que amosaban dous anxos: un tocando unha gaita de fol e outro un tambor pendurado dunha correa e con bordóns na pel superior. No século XIX a parella de gaita de fol e tambor aparece xa perfectamente establecida en Galicia e representada con moita frecuencia.
Deste xeito, é probable que fose durante o século XVIII cando o tambor pasou a acompañar ás gaitas de fol na nosa música tradicional, se ben a gaita de fol soa ou as parellas de gaita de fol e tambor compartisen durante algún tempo (quizais máis dun século) a escena co tocador de pito e tambor ata que esta modalidade de acompañamento das danzas acabou por extinguirse nun momento difícil de determinar e que a ben seguro debeu de variar moito dependendo do illamento da zona [ver pito e tambor].
Resumindo, se ben non podemos descartar que o tambor que acompaña á gaita de fol galega teña unha dobre orixe no tambor militar (os máis grandes), e nos tamboriteiros (os máis pequenos e pendurados do pulso), nós inclinámonos a pensar que a primeira vez que un tambor tocou en Galicia ao pé dunha gaita de fol foi por asociación co músico de pito e tamboril (o tamboriteiro ou tamborileiro) quen máis tarde abandonou a frauta. Quizais despois de establecida esta parella foi cando os grandes tambores militares comezaron a empregarse para acompañar á gaita de fol, manténdose así ata os nosos días. Pero esta parella non deixou de pasar por algún que outro avatar. Vexamos agora esta outra parte da historia.
O tambor penetrou na música culta primeiramente nas bandas militares a principios do século XVIII, e non foi ata 1779 cando Christoph Gluck (1714-1787) introducíu por primeira vez o tambor na súa obra Eco e Narciso 35. A partir de aí o seu uso xeneralizouse, pero pronto foi substituído pola caixa de aros metálicos tensada con parafusos. Na segunda metade do século XIX as bandas populares comezaron a ter forza en Galicia, pero non tocaban o tambor senón esta caixa, de xeito que no ambiente rural o tambor foi sendo substituído por este novo instrumento, fenómeno que aconteceu en case toda Galicia excepto nas montañas dos Ancares e nalgúns concellos das mariñas luguesas, onde os gaiteiros continuaron acompañándose do instrumento de madeira e pel ao longo case todo o século XX.
Posto que foi compañeiro inseparable da gaita de fol durante dous séculos polo menos, a lírica tradicional menciona adoito este instrumento; vexamos algúns exemplos extraídos dos cancioneiros:
Meu amor toca o tambor,
tócao con moita alegría.
Cando toca o meu amor
hai foliada noite e día
[IMLTG, 128]
Para cantar veño eu,
para bailar meu irmán,
para tocar o tambor
viva quen o ten na man.
[PPG, P 2360> <<L 0> <A ?> <E DB>]
Meniña que é o que tes
que te limpas co mandíl?
Seica che bateu teu pai
cunha mau do tamboríl
[CPLB, 97]
Se tivera unha peseta
contigo a gastara
pola costume que tes
de me arroncar a saia.
Arroncáchesme a saia,
arroncáchesme o mandil,
barriga de tamboril
[CTC, 71]
Noya, Noya,
tócall’a Noya
tócall’o tamboril
os rapaciños de Noya
na miña vida tal vin
Noya, Noya,
tócall’á Noya
tócall’o tamboril
Quixen engañar á Noya
E Noya engañoume a min;
Noya, Noya,
Os rapaciños de Noya
Na miña vida tal vin
[CPG, III, 40]
¡Ei!, rapaciños de Eirexafeita,
vide a bailar ó son do gaiteiro,
que xa repica o tamborileiro
i o pandeiro vai comezar
[CTC, 32]
Turuliru miña gaita
tiruliru meu gaiteiro
teño tres ghaitas e media
fáltam’o tiriboleiro
[CPGDS, VI, II, 49] Bazar (Santa Comba, A Coruña)
Somos os pastores, que de Belén vimos,
bolsillos traemos, diñeiro pedimos;
somos os pastores, de Belén chegamos,
bolsillos traemos, diñeiro buscamos.
O son da gaitiña, ó son do pandeiro,
vimos a pedirlle que nos dé diñeiro.
O son das ferreñas, ó son do tambor,
déanos diñeiro, señora, por Dios,
ó son das ferreñas, ó son do tambor
se non hai diñeiros, dénos colación.
Cantando o Nadal e máis ben cantado
vimos a pedirlle que nos dé aguinaldo.
[PPG, <P 221> <L 0> <A 1863,an>]
Do mellor home do mundo
Fix’o dem’un tamboril
se hoi o fixo do bo
qué fará do mar ruín
[CPGDS, VI, II, 178] Xunqueira de Espadanedo (Ourense)
O gaiteiro toca, toca,
o tamborileiro tamén;
o gaiteiro toca, toca,
i o meu amor xa non vén.
[PPG, <P 3041> <L 0> <A 1884> <E DB>]
A pulga tocaba a gaita…
e o piollo o tambor…
e o carrachiño pequeno…
durmía e durmía
debaixo do cobertor…
[IMLTG, 129]
Toca que toca meu zucurrundullo 36,
tracarratraca acompaña o tambor.
Moito me gusta toca-la muiñeira,
que ten un aire moi engañador
[IMLTG, 129]
Miniña churrandeira
ven acá meu amor
bailarémo-la muiñeira,
ó son da gaita e tambor.
[PPG, <P 1975> <L 0> <A ?> <E DB>]
Levamos pandeiro,
gaita e tamboril,
para armar foliada
ó chegar alí
[IMLTG, 130]
A corrente folclórica galega, comezada polo grupo coral Aires da Terra a finais do século XIX, foi continuada e popularizada a partir dos anos 1920 polo sonadísimo grupo de gaiteiros de Soutelo de Montes liderado polo gaiteiro Avelino Cachafeiro. Este grupo mantivo e estendeu de novo entre os grupos de gaiteiros que foron aparecendo á súa imaxe e semellanza, o uso do tambor como acompañante da gaita de fol, sendo hoxe máis frecuente de novo o uso deste instrumento que o da caixa, polo menos entre os grupos folclóricos, pois os gaiteiros tradicionais seguen a preferir a caixa, que, por certo, está agora mesmo recobrando forzas outra vez entre os grupos folclóricos.
Nos Ancares aínda o tambor conserva unha certa relación coa mística e a maxia: escoitar tocar un tambor preto da casa é o aviso de morte máis frecuente, é ao que lle chaman tambor de morte 37.
No sistema de cultura tradicional galego o tambor foi sempre un instrumento musical propiamente dito e netamente masculino, situación que non mudou ata aproximadamente os anos 1970 cando a muller comezou tamén a tocalo. Desde antigo foi un costume moi enraizado o de meter os nenos que lles gustaba a música a tamborileiros. Desta situación quédannos multitude de documentos, sobre todo fotográficos, e tamén algún dito: O que queira ter un fillo pillo, que o meta a tambor ou a monaguillo. [IMLTG, 170].
Tambor e tamboriteiro gozaron e gozan dunha grande consideración dentro da música tradicional galega, de xeito que os bos instrumentistas eran e son moi apreciados tanto polos gaiteiros como polos bailadores e resto de público interesado na música. Con todo, e pese á súa consideración como instrumento musical propiamente dito, o pobo confirma a situación do tambor dentro dos útiles ruidosos; lembremos senón as partituras dos Trintas de Trives onde caixa e bombo se indican como “ruído”.
Ver notas- [1] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita, en prensa, nota 61, p. 132 do orixinal. ↩
- [2] Sachs, C. Historia Universal de los Instrumentos Musicales. Ed. Centurión. Buenos Aires, 1947. p. 74. ↩
- [3] Andrés, R. Diccionario de Instrumentos Musicales. Ed. Península. Barcelona, 2001. p. 364. ↩
- [4] Seguramente denominada en Galicia pito, chifra ou mesmo gaita. ↩
- [5] Blades, J. Percussion Instruments and their History. Ed. The Bold Strummer LTD. Connecticut, 1992, p. 208. ↩
- [6] A voz que designa a quen toca o instrumento aparece con múltiples variantes nos dicionarios galegos, Anibal (1949-1977) dá tamboreteiro como sinónimo de tamboriteiro. Tamboritero aparece no de Filgueira (1926), e Acevedo (1932) verte os sinónimos de tamborileiro, tamborileru e tamboriteiro. No dicionario de Sobreira (1787-1805) aparece o dito: “na casa do gayteyro nunca marra o tamborileyro”. ↩
- [7] Blades, J. Op. cit. p. 209. ↩
- [8] Bec, P. Les instruments de musique d’origine arabe. Sens et histoire de leurs designations. Ed. Isatis. Cahiers d’Ethnomusicologie Régionale, 2004, p. 52. ↩
- [9] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita, en prensa. ↩
- [10] Sinónimo de árabe de Omán. ↩
- [11] Unha especie de grandes cornos. ↩
- [12] A Gran conquista de ultramar é un relato medieval castelán que contén unha crónica moi novelesca da conquista de Xerusalén durante a Primeira Cruzada. ↩
- [13] Praetorius, M. Syntagma musicum. Wolfenbüttel: Elias Holwein, 1614-19. Ed. Facsimil Kassel: Bärenreiter, 1958. Vol. 2: De Organographia. Traducción editada por Harold Blumenfeld, Kassel: Bärenreiter, 1962 e New York, 1986. Lam. XXIII no orixinal. ↩
- [14] Mersenne, M. Harmonie universelle. Paris: Sebastien Cramoisy, 1636. Edición facsimil: François Lesure. Centre National de la Recherche Scientifique. Paris, 1965. ↩
- [15] Blades, J. Percussion Instruments and their History. Ed. The Bold Strummer LTD. Connecticut, 1992, p. 211. ↩
- [16] Blades, J. Op. cit. p. 214-218. ↩
- [17] Pérez Costanti, P. Notas Viejas Galicianas. Ed. Xunta de Galicia. 1993, p. 467. ↩
- [18] Pérez Costanti, P. Notas Viejas Galicianas. Ed. Xunta de Galicia. 1993, p. 448. ↩
- [19] Nótese que xa aparecen aquí as denominacións atambor e tambor no mesmo documento facendo referencia a un tambor militar. ↩
- [20] Pérez Costanti, P. Op. cit. p. 479. ↩
- [21] Pérez Costanti, P. Op. cit. p. 482. ↩
- [22] Pérez Costanti, P. Op. cit. pp. 506, 507, 537. ↩
- [23] Pardo Bazán, E. e outros. Folklore Gallego. Sevilla, 1884 [dentro da obra: Biblioteca de las Tradiciones Populares dirixida por Antonio Machado y Álvarez] Reeditado por Ed. Biblio Manías. San Sebastián, 2000, pp. 96-97. ↩
- [24] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita, en prensa. ↩
- [25] Pérez Costanti, P. Notas Viejas Galicianas. Ed. Xunta de Galicia. 1993, p. 545. ↩
- [26] Pérez Costanti, P. Op. cit p. 546. ↩
- [27] A este respecto ver iconografía de Proendos (Sober, Lugo) do século XVI e discusión nas páxinas 354 e 355. ↩
- [28] González Montañés, J. En http://www.xente.mundo-r.com/juliomonta/bouzasvigo.htm. Consulta 20/10/2008. ↩
- [29] González Montañés, J. En http://www.xente.mundo-r.com/juliomonta/ourense.htm. Consulta 20/10/2008. ↩
- [30] Pérez Costanti, P. Notas Viejas Galicianas. Ed. Xunta de Galicia. 1993, p. 255. ↩
- [31] Pérez Costanti, P. Op. cit. p. 256. ↩
- [32] Pérez Costanti, P. Notas Viejas Galicianas. Ed. Xunta de Galicia. 1993, p. 249. ↩
- [33] Respecto a esta iconografía temos que dicir que é normalmente confundida cunha parella de gaita de fol e tambor porque na representación do tocador da frauta e o tambor, a frauta rompeu e só queda dela a parte inferior que se pode confundir así cunha baqueta. En todo caso, tanto a posición da man dereita do tocador, como o remate en cadrado da frauta (a baqueta da man dereita acaba nunha oliva) e o exame escrupuloso da talla que revela a rotura do instrumento, permiten concluír que se trata dun tocador de frauta e tambor e non dun tamborileiro que acompaña ao gaiteiro que ten á súa dereita. ↩
- [34] Busto, R. “La gaita en el oeste de la provincia de León”. Etno-Folk. Revista galega de etnomusicoloxía. Nº11, xuño 2008, p. 278. ↩
- [35] Blades, J. Percussion Instruments and their History. Ed. The Bold Strummer LTD. Connecticut, 1992, p. 261. ↩
- [36] Nalgunhas adiviñas aparece zuncurrundullo por gaita de fol: Zuncurrundullo andaba na festa, no medio inchaba, atrás roncaba, tiña orellas e zangoneaba. ↩
- [37] Cuba, X. R., Reigosa, A. e Miranda, X. Diccionario dos seres míticos galegos. Ed. Xerais. 1999, p. 47. ↩