Zambomba
Pertencen ao grupo dos membranófonos refregados porque a pel que recobre o tambor é posta en vibración refregando un utensilio que á súa vez lle transmite as súas vibracións. Segundo os especialistas, estes tambores de fricción poderían ser moito máis recentes, dentro da historia dos tambores, que aqueles que son percutidos coa man ou con baquetas.
A maior parte dos tambores refregados que se achan no mundo posúen unha pequena corda ou un pauciño que son friccionados de forma que as súas vibracións comunícanse ao parche do tambor. A corda pasa a través dun orificio practicado no centro da membrana. Os pauciños ás veces tamén atravesan a membrana, pero o máis usual é que produzan unha depresión no parche e que se ate nesta posición desde o interior da membrana de modo que fique vertical. Na maior parte dos casos, a pel vibra cando o pau ou a corda son refregados cos dedos impregnados en resina ou noutra sustancia adecuada a tal fin coma o allo ou a saliva. A forma das cavidades destes tambores á variadísima, os bantús, por exemplo, cavan un pozo no chan, cóbreno cun parche e refregan este como se fose un tambor.
En Galicia os tambores refregados non son instrumentos frecuentes, de feito zambomba non aparece nos dicionarios galegos ata o de Constantino (1985). Durante o noso traballo de campo só os achamos nuns poucos lugares, malia que seguramente tiveron unha distribución moito máis ampla, como tamén o indica que estes instrumentos sexan moi empregados no resto da península ibérica. Só coñecemos un único exemplo dentro da nosa lírica tradicional que mencione este instrumento, trátase dun interesante e curioso canto enumerativo documentado por Dorothé Schubarth en Rabaceira (Lousada, Pedrafita do Cebreiro, Lugo) 1:
1) Compañeiro sei tocar
dime lo que sabes tocar
sei toca-la gaita gallega
toca logo a gaita gallega
níruni niru i a gaita gallega
2) Compañeiro sei tocar
dime lo que sabes tocar
sei toca-lo tamborileiro
toca logo o tamborileiro
rancataplán io tamborileiro
níruni niru i a gaita gallega
3) Compañeiro sei tocar
dime lo que sabes tocar
sei toca-lo zambombeiro
toca logo o zambombeiro
zambombón io zambombeiro
rancataplán io tamborileiro
níruni niru i a gaita gallega
4) Compañeiro sei tocar
dime lo que sabes tocar
sei toca-lo clavirineiro
toca logo o clavirineiro
to to to io clavirineiro
zambombón io zambombeiro
rancataplán io tamborileiro
níruni niru i a gaita gallega
5) Compañeiro sei tocar
dime lo que sabes tocar
sei toca-lo safueiro
toca logo o safueiro
fo fo fo io safueiro
to to to io clavirineiro
zambombón io zambombeiro
rancataplán io tamborileiro
níruni niru i a gaita gallega
6) Compañeiro sei tocar
dime lo que sabes tocar
sei toca-lo violineiro
toca logo o violineiro
zanfonfón io violineiro
fo fo fo io safueiro
to to to io clavirineiro
zambombón io zambombeiro
rancataplán io tamborileiro
níruni niru i a gaita gallega
Obtivemos datos acerca das zambombas en catro lugares. Dentro da Galicia administrativa informáronnos da súa existencia no concello de Ordes e no do Pino (A Coruña). Tamén en Vilagarcía (Pontevedra) coñecemos da súa existencia a través de Carlos Rei. Fóra de Galicia, pero aínda dentro do seu territorio cultural, atopámolas nas Portelas: en Lubián, Hermisende e A Teixeira, agora na provincia de Zamora.
En Ordes e no Pino estes instrumentos están practicamente esquecidos. Os portadores consultados lembraban que as zambombas eran fabricadas pola mocidade na época de Nadal empregando un cántaro de barro ou unha lata, sobre a que se tendía unha pel feita coa vincha dun porco, material abundante nesa época que coincide coa das matanzas. A caixa destas zambombas era pois pechada por ambos os extremos. O parche era asegurado no borde atándoo fortemente arredor da boca do cántaro de forma que quedase tenso. Antes de tender a membrana sobre a caixa, no seu centro atábase cun cordel unha palla de centeo, de forma que a raíz da planta, que forma un pequeno engrosamento no seu extremo inferior, quedaba rodeada pola vincha. Deste xeito, ao tensar a membrana, esta palliña ficaba fortemente suxeita e en posición perpendicular a el. A palla refregábase cos dedos índice e polgar que previamente eran untados con allo para que a súa adherencia á palliña fose superior. Na zona das Portelas documentamos exactamente este mesmo tipo de zambombas. Segundo Carlos Rei, en Vilagarcía (Pontevedra) chamábanlle cacicos ás zambombas e facíanos con pipotiños de viño, sendo a palla substituída por unha cana dos foguetes.
No concello de O Pino, en Rabal de Arriba, Dionisio Ben e Manuel Ferreiro gardaban na súa memoria a lembranza doutro tipo de zambombas. Neste caso a caixa estaba aberta polo extremo oposto ao parche, podendo ser un bote de metal ou un cántaro sen cu. A palliña de centeo era substituída por un pequeno cordón e un pequeno nó cumpría a función da raíz do centeo. A corda non era atada ao parche pola cara exterior, senón pola interior, de forma que a corda ficaba na parte interna da zambomba, pendurando pola súa parte inferior. Para producir o son tirábase da corda cara abaixo, cos dedos tamén untados con allo.
Non se coñece a orixe das zambombas, mais o profesor C. Sachs opina que unha corda ou vara que vibra, asegurada no centro dunha membrana que cubre un pozo no chan e que lle transmite vibracións, é un dos trazos característicos da cítara de chan, polo que posiblemente fose copiado dela 2.
A pesar de que o tambor refregado aseméllase ao golpeado, o método de execución asóciao con outras cerimonias. A acción de refregar un pauciño ou unha corda cun movemento de vaivén podería simbolizar o acto sexual. Estes tambores refregados son o instrumento característico da iniciación de rapaces e rapazas en África. Segundo C. Sachs, cando as rapazas sudafricanas ba-ila eran iniciadas, a tía materna tiña entre as pernas un gran cacharro de olería, cuberto con unha peza de coiro curtido; nunha man sostiña unha cana solta en posición vertical sobre o parche; mergullaba a outra man na auga e pasábaa cara arriba e abaixo pola cana. Este rito de iniciación é unha preparación para a vida sexual, di o profesor C. Sachs, e ata ensina os movementos apropiados 3. Por outra parte, é certo que a instrución acompañada de símbolos visibles e audibles é típica dos sistemas de cultura que transmiten os seus coñecementos mediante o saber incorporativo.
A relación entre os tambores de fricción e os ritos de fertilidade e iniciación consérvase aínda hoxe nas tradicións europeas. O día de San Martiño, e os que están entre o Nadal e a Epifanía, que son as festividades coas que os cristiáns tinguiron as celebracións pagáns do solsticio de inverno, constitúen a época na que os mozos van de casa en casa cantando coplas e refregando as zambombas. En todos os sitios onde puidemos documentar estes instrumentos empregábanse para acompañar os cantos de Noiteboa, Aninovo e Reis, producindo con elas un ritmo constante e xordo que marcaba o pulso da melodía.
Na clasificación Hornbostel e Sachs as zambombas cadran no grupo 23 “Membranófonos de fricción”, pertencendo as equipadas cunha palliña ao apartado 231.2 nos que o pau está atado á membrana sen perforala, e as dotadas dun cordel ao 232.11. Dentro do noso sistema de cultura tradicional son instrumentos exclusivamente masculinos (quizais polo seu simbolismo sexual?) e non se consideran instrumentos musicais propiamente ditos, senón máis ben trebellos dos mozos cun certo carácter ritual, pois só se fabricaban para esta época do ano e non se conservaban para o seguinte, polo que nunca puidemos ver un exemplar antigo.
Ver notas