Texto.

Irmandades da Fala:

Por que xorden as Irmandades?

Antón Villar Ponte emigrara, como moitos, a Cuba, onde estivo dous anos, e volveu a Galicia en xullo de 1910. Establecerase, con trinta anos, na Coruña en 1912, onde exercerá de periodista en La Voz de Galicia. Ese ano deixa de se editar o único xornal que se escribía en galego A voz de país de Monforte de Lemos. Non existía en Galicia ningunha publicación periódica escrita en galego. A Real Academia Galega, fundada en 1906, na Coruña, tiña entre os seus corenta fundadores máis estudosos da cultura que creadores e falantes desa lingua. Estes como Eduardo Pondal, xa ancián, escribía ( Dos eidos, Dos servos e Do íntimo e seleccionará de 1912 a 1914 as oitavas manuscritas de Os Eoas) pero non publicaba. A cátedra de galego, reclamada para a universidade de Santiago dende 1888, e, finalmente, creada en Madrid en 1910 por interese de Said Armesto quedara vouga ó pouco de tomar posesión o seu interesado debido ó seu falecemento.

Dende La voz de Galicia de cando en vez, Antón Villar Ponte, en castelán, vai pregoar estas e outras novas. O 6 de xullo de 1913 escribira "Una cátedra en Madrid" e, o 28 de setembro, "En bien de la universidad". Continuará en 1914 co artigo "Por nuestro renacimiento" publicado o 7 de abril. O 3 de maio escribe "Ni un solo periódico" onde denuncia a ausencia de xornais escritos en galego. Volve publicar, o 9, "El gallego no debe morir". En xuño publica no xornal da Habana Diario de la Marina, do cal era correspondente, "Esbozo de un "idearium" regionalista".

En realidade dende 1910 escritores sen cobiza literaria entregaban e publicaban de cando en vez algún texto en galego. No teatro presentábanse pezas de Heliodoro Fernández Gastañaduy, de Avelino Rodríguez Elías e de Rodríguez Barreiro. Na poesía escribían Montero Mejuto, Rey González, Abella Iglesias, Carles Riba, Luís Tobío Campos, Leopoldo Pedreira e Castor de Aira Barrera. Sairá, dende xaneiro 1913, en galego a O tío Pepe na Fonsagrada que só dura ese ano. Na Galicia emigrada destacaba só a voz Ramón Cabanillas que na Habana, nas súas dúas xeiras de emigrado, publica o poemario No desterro (1913) e logo Vento mareiro (1915). Mortos os excelsos poetas Rosalía de Castro, Curros, Lamas e agora Leiras e mudo o vello Pondal, el, o mozo emigrado do Salnés, era o relevo.

Escribían algúns textos en galego, en Buenos Aires, Fortunato Cruces, e, na Habana, Bernardo Bermúdez Jambrina. A estas cativas e ciscadas achegas súmase o teatro do académico Xesús Rodríguez López, as coplas de Agustín Delgado e algúns versos de Xerardo Álvarez Limeses. Ante esta sementeira ou a da publicación en castelán de Miña Terra en Santiago volve a publicar Antón en La voz de Galicia, o 11 de novembro de 1915, "Reivindicación difícil".

Os días 22, 23 e 24 de novembro xorde un debate no Senado en Madrid sobre a cooficialidade do catalán por iniciativa do catedrático de dereito administrativo e senador liberal por Valladolid Antonio Royo Villanueva. Queixábase este zaragozano da "práctica abusiva de la Diputación de Barcelona de redactar en catalán los expedientes administrativos de carácter oficial". Os ministros do goberno de E. Dato opóñense o desenvolvemento da cooficialidade do catalán na Mancomunitat de Prat de la Riva.

Dende Galicia Villar Ponte, presidente da Asociación da prensa da Coruña, sabedor destes feitos escribirá o 2 de decembro "Por el idioma" e, o 11, "Por Cataluña y por Galicia". Nel fai un chamamento á Real Academia Galega para que se adhira a "Diada de la Llengua catalana" que van preparar os cataláns. En Barcelona, o día de san Manuel de 1916, como desagravio ós ataques contra o catalán no Senado os organismos do catalanismo organizan a 1º Diada de la Llengua catalana. Dende Galicia só recibiron o telegrama de Antón Villar Ponte. Reaccionou axiña a Real Academia Española que aprobou por unanimidade un acordo que dirixiu ó goberno e ó ministro de instrucción pública e belas artes para que se manteña fóra da legalidade en materia lingüística ó catalán.

Neste debate sobre o galego entrou, dende Madrid, a revista Estudios Gallegos que dirixia Aurelio Ribalta e contestoulle dende aquí Antón Villar Ponte que amais, o 5 de febreiro, publica "El cimiento de la afirmación regional". De seguida coas ideas xa expostas A. Villar Ponte decide escribir un folleto Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional que asina o 21 de marzo. Decide escribilo en castelán para que acade unha maior propaganda. Froito da guerra e da desfeita europea en curso era unha ruptura xeracional cunha nova simboloxía e unha posible resposta ó que había de vir trala desfeita.

Mentres nese mes Prat de la Riva e mais Cambó redactan un manifesto político "Per Catalunya i l´Espanya gran" o que se sumará Villar Ponte. O chamamento de Estudios Gallegos secundado por Antón Villar Ponte logo de se comunicar con Manuel Lugrís Freire, con Leandro Carré Alvarellos e co apoio escrito da Asociación Iniciadora e Protectora da Real Acacademia Galega da Hababa, acaba nunha xuntanza, ideada polo seu irmán Ramón Villar Ponte, o 18 de maio, na sede da Real Academia Galega, na rúa Rego de auga, 38, 1º, na Coruña. Preto, no número 4, vive Antón coa súa dona Micaela Chao, que é única muller que asistirá. Eses vinteoito fundadores deciden a creación da "Irmandade dos amigos da fala" cos seus estatutos, e un Consello directivo por un ano, que preside A. Villar Ponte, conselleiro primeiro. O segundo era Antonio Valcárcel López de Lemos; José Lamas, o secretario, e Iglesias Roura, o tesoureiro.

Trátase dunha apoloxía da lingua galega e dun chamado a súa defensa e divulgación que como tal ten boa acollida na prensa. Era un chamamento ós intelectuais para traballar imandados na defensa da lingua e da cultura galega. Esta semente do idioma vai arraizar ese ano noutras cidades e vilas: Santiago, Monforte de Lemos, Ourense, Pontevedra, Vilalba. Camilo Díaz Baliño deséñalles a bandeira. A fouce é o seu imagotipo. Neste ano de 1917 xorden a Irmandade de Ferrol e a de Vigo. A de Betanzos créase en outubro. Seguirán a fundarse outras.

Esta empresa cultural de poucos, pero colectiva, co seu semanario A Nosa Terra convertida en acción política dende a asemblea en Lugo de 1918, sufrirá un esgallamento en 1922 na xuntanza de Monforte. O gallo ártabro (Luís Peña Novo) defende amais da cultural a acción política e, o auriense, (Vicente M. Risco era o seu adaíl) aposta primeiro pola intervención e pola concienciación cultural. Infelizmente durante a ditadura ambos só poderan desenvolver con dificultade o labor cultural coas súas esforzadas editoriais e coas súas publicacións. Unha división que se volve anoar na súa sétima e derradeira asemblea, en Pontevedra, da que xorde o Partido Galeguista en decembro de 1931.

CAPELÁN REY, Antón, "Notas a un texto fundacional" en Antonio Villar Ponte, Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, Santiago: libraría Couceiro, 2006.

BERAMENDI, Justo, De provincia a nación. Historia do galeguismo político, Vigo: edicións Xerais, 2007.

VÁZQUEZ SOUZA, Ernesto,


Descrición:
Miguel Anxo Seixas Seoane, coordinador do Álbum web Irmandades da Fala, fai unha aproximación ás causas e ao contexto político e social que fixeron que á altura de 1916 agromara este movemento senlleiro na recuperación da lingua.

  • autoría:
  • Tipo de material: Texto.
  • Ficha descriptiva:
    Documento nativo dixital realizado ex profeso para a difusión das Irmandades da Fala comezada polo CCG en 2016
Compartir: