Texto. Presentación

«Virxinia e Daniel, a complicidade»

-por Miguel Anxo Seixas Seoane

Segundo a memoria, o sororato dunha irmá de Virxinia Pereira Renda deixou a Daniel sen esa noiva que tiña e a nova elección foi Virxina, nada na Estrada o 19 de outubro 1884. Mocearon, pois, por Compostela e polas terras da Estrada, o estudante de Medicina e artista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e ela, Virxinia. Desa relación amorosa non conservamos cartas pero si debuxos do propio artista.

Segundo a lei, daquela a muller tiña obrigas, pero non tiña ningún dereito. Nese tempo e nese espazo católico desenvolveuse unha relación que foi sacramentada o 19 de outubro de 1912 na Estrada, cando ela cumpría 28 anos e el 26. Un matrimonio pola Igrexa con bens gananciais.

Castelao, médico e pintor, estaba felizmente atado a esa convivencia conxugal en Rianxo, onde a cada un lle correspondía o seu labor e xuntos coeducaron o seu fillo Alfonso Xesús Rodríguez Pereira, nado alí en febreiro de 1914; e logo, dende xaneiro de 1916, sendo xa funcionario, en Pontevedra, onde el se incorporará con outros da xeración de 1916 ao movemento das Irmandades da Fala. No Diario 1921, escrito durante a viaxe de estudos, cunha bolsa para ver arte europea, percíbese o estreito vínculo coa muller e o fillo.

O falecemento deste, fillo único, o 3 de xaneiro de 1928 deixounos sen esa fonda raíz primaria e coa fenda da dor de por vida. Por iso mudaron de casa para a rúa da Oliva e se apoiaron máis un no outro, e estarán xuntos case sempre en todo ata o falecemento de Castelao en xaneiro de 1950. Feridos e de loito percorrerán Bretaña en 1928, cando lle concederon a el a bolsa de viaxe para investigar as cruces de pedra.

O artista, escritor e político nacionalista entregarase de vez ao labor cultural e político, sobre todo ao ser nomeado deputado do galeguismo, en xuño de 1931, nas Cortes Constituíntes da Segunda República. A presenza de Virxinia non se facía notar pero á beira de Castelao e dos seus amigos e compañeiros foi acrecentando a súa complicidade co galeguismo e asumindo o emprego do galego, tamén na escrita, como se aprecia nas cartas que lle enviaba ao seu home as poucas veces que non estaban xuntos. En ocasións adoitaba acompañalo en tren nas súas viaxes a Madrid, nas que coincidían co deputado e escritor Ramón Otero Pedrayo e a súa dona, Josefina Bustamante; eles asistían ás sesións parlamentarias e elas permanecían na capital ata volveren de novo xuntos. Cando o Castelao funcionario foi trasladado (desterrado) a Badaxoz en novembro de 1934, ela foi algunhas veces a facerlle compaña a Estremadura; nas vacacións, volvía el a Pontevedra.

Unha das teimas do Partido Galeguista era conseguir o Estatuto de autonomía para Galicia. Empresa custosa que lograron finalmente, coa axuda doutros partidos, o 28 de xuño de 1936. Castelao non se descoidou en estar presente na entrega dos resultados dese referendo do pobo galego nas Cortes en xullo. Nesa importante viaxe foron a Madrid Virxinia Pereira e María Miramontes Matos, a dona de Ánxel Casal, exalcalde de Compostela, entre outros. O programado golpe militar imposto contra o Goberno da República por unha parte do exército o 17 de xullo xa non lles deixou volver en tren a Galicia. En Madrid, Virxinia e Daniel verán e sentirán esa inxustiza e ese horror contra a democracia e contra a República; no outro bando están os intolerantes e, tamén, os familiares e os parentes políticos de Virxinia.

Con todo, ela sempre estivo cabo do seu home. Neste ano 1936, dalgún xeito, Clemencia, a irmá viúva de Virxinia que vivía, porta con porta, no mesmo andar da rúa da Oliva, e outros cómplices, ás agachadas, van rescatar e logo destruír ou agochar parte da documentación que Castelao conservaba no piso e no faiado da casa. Parte seralle enviada ao exiliado e parte debeu de quedar en mans dos descendentes dos Pereira Renda en Vigo, Salamanca, Venezuela…

Virxinia, cos seus aforros e esforzos, acompáñao neste tempo de guerra en Madrid, Valencia e Barcelona, compartindo privacións e a visión da morte, a dor e a destrución que Castelao reflectía nos seus álbums de guerra. Mentres, o 1 de febreiro de 1937 en Pontevedra, na casa deles, comezaba o inventario de todos os bens para pagar a multa coa que Castelao, amais de ser destituído, fora sancionado o 8 de xaneiro de 1937.

Viaxan xuntos a Moscova, en abril de 1938, onde el expón os debuxos de guerra, e logo son invitados a Nova York, onde tamén fai campaña a favor da desafiuzada República. Desprázanse á illa de Cuba co mesmo fin e volven a EE. UU., xa como indocumentados ao perder a guerra a República. Con todo, el fai alí unha nova campaña a prol da República e dos refuxiados.
Xuntos parten ao exilio a Bos Aires en xullo de 1940. Nesa capital fixeron o seu niño provisorio durante dez anos, pensando sempre na volta. As novas obrigas de Castelao levárono a Montevideo e á sesión das Cortes en México en novembro de 1945. Non puido ir con el a todas as viaxes pero, cando foi nomeado ministro sen carteira no Goberno da República Giral, Virxinia viaxou canda el ata París, onde permaneceron con dificultades entre 1946 e xullo de 1947, data en que volveron a Bos Aires. Un Castelao case cego e agora enfermo, coidado constantemente pola man de Virxinia. A imprevista morte chegou o 7 de xaneiro de 1950, sen deixar testamento.

Virxinia, viúva, quedou en Bos Aires como valedora da ética actitude de Castelao, que na altura só era celebrado e homenaxeado na emigración e no exilio. O seu pasamento non obrou un novo entendemento no galeguismo, nin no exilio nin entre os galeguistas de ambas as beiras do océano. As poucas cartas escritas por Virxinia amosan esa defensa das ideas e do labor que defendeu o seu home.

En 1950 reclama á xustiza da ditadura española o que lle corresponde de cando lle foron embargados os bens a Castelao, pois unha parte era dela ao seren gananciais. Por iso acudirá por carta aos seus avogados en Vigo. O 30 de novembro de 1950 o Estado déixalle ao Museo de Pontevedra a obra de Castelao alí depositada. Virxinia seguirá coa memoria de Castelao sempre e a reclamar o que a ela lle correspondía.

Volverá por primeira vez a España e Galicia, da ditadura e da censura, en 1962 e reclama de novo. Un entendemento co Museo de Pontevedra o 1 de outubro de 1964 permitirá que a obra de Castelao alí depositada permaneza nesa institución. Regresa no verán de 1969, outorga testamento en Salamanca e falece o 23 de decembro de 1969 en Madrid, onde foi enterrada.

Dende xaneiro de 1979 unha placa lembra o matrimonio na casa familiar da Estrada. En outubro de 1986 o Concello da Estrada trasladou os restos do fillo e os seus para soterralos xuntos no cemiterio da localidade.



Bibliografía

Seixas Seoane, Miguel Anxo: Castelao, construtor da nación, tomo I, 1886-1930, Vigo, Galaxia, 2019.

Seixas Seoane, Miguel Anxo: Castelao, construtor da nación, tomo II, 1931-1939, Vigo, Galaxia, 2020.

Seixas Seoane, Miguel Anxo: "Castelao á luz de Paz-Andrade (1950-1982)", Boletín da Real Academia Galega, vol. 373 (2012), 71-96, A Coruña, Real Academia Galega.
Seixas Seoane, Miguel Anxo: "Un tiempo ciego: incautación y prohibición de la obra de Rodríguez Castelao", Revista de Museología, Madrid, 2016, 94-101.


Descrición:
Miguel Anxo Seixas explica as claves da relación entre Virxinia Pereira e Castelao.

Compartir: