Material
Historias de ida e volta
O navío Santa Maria e a Operación Dulcinea
Xosé Velo Mosquera, o ideólogo da operación (Celanova, 21 de abril de 1916 - São Paulo, 31 de xaneiro de 1972)
Detalle
O galeguista Xosé Velo Mosquera tivo unha importante actividade antifranquista, pola que padeceu torturas e o cárcere. Após a súa liberación en 1946 marchou a Portugal, onde de novo foi detido e levado ao Forte de Caxias. A través da organización de dereitos humanos “Unitarian Service” e o apoio do escritor e político venezolano Rómulo Gallegos, obtivo o pasaporte de emerxencia, que lle posibilitou a entrada en Venezuela.El mesmo consideraba que ata que o réxime de Franco fose derrocado non podería volver á súa terra, como era o seu desexo. Foi un dos fundadores do DRIL, que tiña como obxectivo principal dar cabo ás ditaduras da Península Ibérica. Unha das accións sería a Operación Dulcinea. No seu apartamento caraqueño do Edificio Baute tiveron lugar as xuntanzas de galegos, españois e portugueses membros do DRIL, co fin de unírense e propoñeren o seu propio pacto como alternativa aos réximes de Franco e Salazar. Velo propuxo accións militares, e decidiron así secuestrar o Santa Maria. Durante os días de secuestro do barco, Velo pasaba moitas horas socializando cos pasaxeiros das diversas clases, explicáballes devagar os obxectivos do movemento revolucionario e mais as posibilidades existentes para poder derrubar os réximes ditatoriais. A súa proximidade espertaba moitas simpatías entre os pasaxeiros e abríase un animado debate.


