Material
Historias de ida e volta
Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
John F. Stevens, peza clave no plan de contratación de traballadores galegos nas obras da Canle de Panamá (1905-1907)
Detalle
John F. Stevens, natural de West Gardiner (Maine, Nova York), foi nomeado enxeñeiro xefe da Isthmian Canal Commission o 1 de xullo de 1905, tras a repentina dimisión de John F. Wallace o día anterior. O 27 de xullo dese mesmo ano chegou a Colón e observou o desafío que tería que superar. O panorama non era moi alentador, pois a simple vista o que primaba eran traballadores desorientados, escavadoras, o ferrocarril articulado parado etc. Un dos comentarios que fixo tras a primeira observación da atmosfera reinante foi: “Na zona da canle reina a confusión, a febre amarela e o medo”. Os traballadores deambulaban desorientados polas obras, sen un guía que os dirixise.Foi un home sumamente resolutivo e a súa estratexia de traballo baseábase na eficacia. Para iso, convenceu persoalmente ao presidente Roosevelt da conveniencia de construír unha canle mediante o sistema de esclusas e non a nivel, como se planificara con anterioridade. Os principios básicos defendidos por Stevens facían referencia á realización do saneamento, habilitación de todas as instalacións necesarias para albergar os traballadores, sen distinción, e os servizos indispensables para vivir. En definitiva, quería dispoñer dunha man de obra ben alimentada, saudable e con vivendas confortables, pois sabía que estas circunstancias creaban adherencia e certo apego ao lugar de traballo para evitar o abandono laboral.
Un dos principais problemas considerados por John F. Stevens foi a retirada eficaz de terra e roca escavadas, o que implicaba unha remodelación do antigo ferrocarril e a colocación de redes ferroviarias bidireccionais para o transporte múltiple. Estes obxectivos só serían alcanzados conseguindo unha man de obra que reunise unhas características non fáciles de atopar, polo que tiña especial interese en recrutar traballadores españois, especialmente nos procedentes de Galicia, aínda que tamén presentaba conformidade cos do resto do norte de España.


