Material
Historias de ida e volta
Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
Recrutamento dos emigrantes galegos en Cuba. Carta do enxeñeiro xefe John F. Stevens dirixida ao presidente da Administración da canle de Panamá, T. P. Shonts (14 de febreiro de 1906)
Detalle
A finais de 1905 comezouse cos preparativos para realizar a contratación de emigrantes españois e o resto de europeos. Stevens tiña coñecemento da boa sona dos galegos, pois eran considerados “duros e traballadores”, reputación adquirida nas obras ferroviarias da illa de Cuba. Nun principio o seu obxectivo era facerse cuns 4000 ou 5000 destes obreiros naturais de Galicia. Para evitar dar pasos en falso, decidiu optar por facer un experimento que non requirise moito desembolso económico e aforrar tempo de chegada dos galegos a Colón.Antes de iniciar a campaña de contratación en España, Stevens explicoulles persoalmente o seu plan aos membros do Senado. Comentaron varias experiencias vividas en distintas obras en países como Guatemala e Honduras e incluso falaron da man de obra chinesa, á que Stevens lle tiña moita estima. Finalmente, as autoridades amosaron o seu acordo con el na decisión de actuar con cautela e levar a cabo o ensaio cos galegos da Habana. Estes homes estarían a proba durante un mes e medio, para valorar o seu rendemento e carácter. Se finalmente as expectativas se cumprían, sería nomeado un axente especial en representación da Comisión da Canle Ístmica para proceder a un recrutamento directo desde Galicia.


