Material
Historias de ida e volta
Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
O Orinoco e os galegos privilexiados da lista de embarque
Detalle
A intervención na campaña de captación de emigrantes non se cinguiu soamente ao repartimento do folleto propagandístico polas aldeas. A estratexia do “boca a boca”, incluso difundida a través do envío de cartas previamente filtradas, era de vital importancia. Existía certa manipulación da realidade que funcionaba como unha táctica de márketing para asegurar a continuidade do proceso de recrutamento.O axente Le Roy Park pediulle a Jackson Smith (xefe do Departamento de Traballo, Vivenda e Subministracións da ICC) que se encargase de ter “contentos” uns emigrantes galegos concretos. Os seus nomes e apelidos ían anotados nunha carta para que fosen ben identificados unha vez que desembarcasen en Colón. Aínda que os apelidos non estaban ben escritos na dita misiva, ían incluídos correctamente na lista de embarque do vapor Orinoco, que partiu cara a Colón o 14 de setembro de 1906. A finalidade de tal petición era lograr que os “emigrantes escollidos” servisen de portavoces das boas condicións en que vivían as cuadrillas de españois na zona da canle. Así, escribiríanlles aos seus familiares e veciños dándolles boas noticias e, incluso, invitándoos a emigrar a Panamá.
Temos aquí a tradución dun extracto da carta do axente Park (Vigo) a J. Smith (Culebra, Panamá):
«Querido señor,
Achégolle a lista de nomes dos pasaxeiros do barco Orinoco que parte hoxe cara a Colón. Estes homes foron coidadosamente seleccionados de diferentes vilas e aldeas de Galicia, e teñen no seu poder (aínda que eles non o saben) promover ou interromper a nosa operación de recrutamento de españois. Por cada un destes homes hai de 200 a 500 nos diferentes lugares dos que eles proceden, esperando escoitar o que estes homes conten sobre o clima, o traballo, se se paga ou non o prometido etc. Se temos bos informes deses homes, non creo imposible poñer 5000 españois alí a finais de decembro e quizais máis.
Suplícolle unha cousa, que lles paguen os seus soldos puntualmente, […]. Se ten alí un home diplomático, Stewart pode facelo, sería conveniente establecer unha especie de censura sinxela, nas cartas que escriben estes homes, e a petición deste diplomático, se son satisfactorias envíanse a Estanislao Durán, en Vigo, e déixaselles para que as manexen os seus axentes. […]
Le Roy Park
1. “José González Álvarez”,
2. “Antonio Lozana Aeirez”,
3. “Manuel Conseiro”,
4. “Rosando Louis Rodríguez”,
5. “Marcos de Miguel Alonzo”.»


