Material
Historias de ida e volta
Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
Poñendo nomes e apelidos dos galegos na canle de Panamá: as listaxes de contratados chegados desde o porto de Vigo
Detalle
Presentamos aquí as listaxes dos galegos recibidos no porto de Colón e aos que se lles asignaba, o mesmo día de chegar, a súa localización nos campamentos repartidos por toda a zona da canle. Cada un dos nomes da relación de galegos contratados ía acompañado dun número, que se correspondería co seu metal check, que consistía nunha especie de matrícula ou ficha metálica coa numeración gravada e que cabía no peto. Cada número pertencía a un obreiro e recollía toda a información persoal referida ao tipo de traballo asignado, a situación nas obras e o salario. Había que presentala para recibir o soldo e obter acceso a varios sitios nas obras. A chapiña metálica era personalizada, pero eran frecuentes as suplantacións de identidade, polo que a Comisión da Canle levaba un control o máis exhaustivo posible.Os nomes e apelidos pódense ler con claridade, pois as listaxes eran escritas á máquina. As datas de mostra que presentamos neste especial son as seguintes:
1906: 10 de xuño, 29 de outubro, 12 e 18 de novembro
1907: 9 de xaneiro, 9 de setembro (e relevado o día 21, despois de 12 días de corentena) e 18 de novembro
1908: 14 de xullo


