Material
Historias de ida e volta
Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
Comedores con nome propio Gallegos’ mess hall and kitchen. Plano dun comedor, cociña e dormitorio
Detalle
Esta é unha mostra máis da presenza dos galegos na canle. Dado o volume de galegos contratados para as obras da canle, supoñemos que quedaron un pouco solapadas as especificidades de orixe para o caso dos traballadores orixinarios doutras partes de España. Así, os procedentes de León, Asturias, Bilbao, Zaragoza, Santander, Ávila, Barcelona, Valencia, Málaga, Almería ou Madrid quedaban un pouco diluídos nas distintas cuadrillas chamadas “de gallegos”.Existían tamén almacéns en todas as localidades e campamentos da franxa ístmica e na liña do ferrocarril de Panamá. Os habitantes da zona eran abastecidos con alimento, roupa e outros artigos de primeira necesidade. Ademais das tendas retallistas, en Cristóbal operaban cámaras frigoríficas, de fabricación de xeo, de panadaría ou de torrefacción de café. Un tren de 21 vagóns saía ás 4:00 da madrugada diariamente coa mercancía diversa.
Os obreiros galegos eran definidos polos seus superiores como traballadores “duros” e “comellóns”. Temos aquí un exemplo de varias comidas feitas por cociñeiros galegos, “Gallego cooks”, proporcionadas pola Comisión da Canle Ístmica, por 40 centavos, moeda estadounidense.
ALMORZO: xamón (1/2 libra), pan (1/2 libra), patacas (1/2 libra) e café
XANTAR: sopa, carne fresca (1/2 libra), garavanzos (1/4 libra), fabas (1/4 libra), patacas (1/2 libra), macarróns (1/12 libra), pan (1/2 libra) e té
CEA: sopa, estufado de res, garavanzos (1/4 libra), patacas (1/2 libra), arroz con fabas, sobremesa (compota de mazá, ameixa, melocotón, froitos secos etc.), pan e café


