A familia en Galicia sempre no pensamento, Regla 1901 | Imaxe. Fotografía | Consello da Cultura Galega
Imaxe. Fotografía

A familia en Galicia sempre no pensamento, Regla 1901

14/04/1901
José Louro, emigrante devesán na illa de Cuba, envía a Galicia esta fotografía dedicada á súa nai. Os irmáns José e Luciano Louro emigraron á Habana no último terzo do século XIX e tras moitos traballos chegaron a ser propietarios de varias tendas no sector téxtil. José rexenta unha xastraría e tenda de teas na cidade de Regla, en cuxo interior posa cos seus empregados e algúns clientes e amigos, como o señor sentado nun lugar destacado, con sombreiro e bastón. Todos coas súas melloras galas e amosando a súa bonanza económica.
Sabemos que Luciano rexentaba tamén outra xastraría, camisaría e fábrica de confección de roupa na Habana chamada La Primera del Palatino. Os dous irmáns conseguen triunfar no mesmo sector comercial e de seguro que o apoio mutuo foi clave para o éxito na súa integración social e económica na illa. No AEG consérvanse numerosas fotografías e cartas que José e Luciano Louro envían periodicamente á súa casa na Devesa (Ribadeo) para que os seus pais e irmáns soubesen da súa boa situación económica e coñecesen as súas mulleres e fillos. Moi probablemente estes irmáns emigraron grazas ao esforzo económico dos familiares para pagarlles a pasaxe, esforzo que retribuíron mandando remesas de cartos que cubrisen as súas necesidades económicas.
Tipo de material
Imaxe. Fotografía
Data
14/04/1901
Localizacións
orixe: Regla, A Habana, Cuba
Etiquetas
Localización física
Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega
Notas
Fondo: Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega. Col. particular de Francisco Maseda