29 Mai 2015

A contribución galega á Oceanografía

A Oceanografía moderna, o estudo científico das masas oceánicas, xorde a mediados do século XIX como resultado da confluencia de diversas disciplinas e algunhas iniciativas salientables, como a do oficial da Mariña americana Mathew Fontaine Maury (1806-1873), quen elaborou a primeira carta batimétrica do Atlántico en 1850. Entre 1872 e 1876 tivo lugar a Challanger Deep Sea Exploring Expedition, a primeira grande expedición científica para a exploración física e biolóxica dos océanos. A terceira contribución fundacional foi a do Príncipe de Mónaco, Albert Grimaldi (1848-1922), quen abordou o estudo dos océanos desde unha especial atención á pesca e, sobre todo, co desenvolvemento de expedicións sistemáticas, 25 entre 1885 e 1920.

Precedentes galegos

A estreita relación de Galicia co mar fixo que no período previo á constitución da Bioloxía mariña e da Oceanografía como ciencias houbese numerosas iniciativas relacionadas co coñecemento do mar promovidas por galegos. Así, navegantes como Pedro Sarmiento de Gamboa (1530-1592) e Francisco Mourelle de la Rúa (1750-1820) exploraron e descubriron terras e mares. E José Cornide Saavedra (1734-1803), co seu Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de las costas de Galicia, arreglado al sistema del caballero Linneo (Cornide, 1788), elaborou o primeiro tratado descritivo xeral da Zooloxía mariña no Estado español.

Nese tempo desenvolveuse nas nosas costas unha actividade pioneira na investigación pesqueira. Falamos da “Empresa de Pesca de Galicia”, constituída en 1788 por Gerónimo Hijosa Rodríguez e Juan Sáñez Reguart. A empresa, con base na Coruña, acondicionou e puxo en marcha dúas embarcacións, El Descubridor e El Explorador, as primeiras dedicadas de xeito específico e exclusivo á investigación pesqueira en España.

Primeiros pasos

A Oceanografía e a Bioloxía mariña iniciaron o seu percorrido en España na parte final do século XIX e nas primeiras décadas do XX. Unha das primeiras iniciativas de estudo do mar nese tempo foi a que protagonizou Mariano de la Paz Graells (1809-1898) nas costas galegas en 1869. A raíz desa exploración crearíase, baixo a súa responsabilidade, o Parque de Ostreicultura de Ortigueira en 1876, con actividade ata marzo de 1887.

No verán de 1886 acudiu ás costas galegas Albert Grimaldi no seu barco Hirondelle. Da visita resultou unha publicación sobre a pesca da sardiña; así mesmo, a estadía do Príncipe xeraría un traballo de investigación, Sur la nourriture de la Sardine, o primeiro realizado en Galicia desde un punto de vista da Bioloxía mariña moderna.

A demanda dunha estación de Bioloxía mariña para Galicia

A primeira expedición oceanográfica española foi levada a cabo en 1886 pola fragata Branca, buque que visitou Ferrol no seu periplo. Ese mesmo ano tamén se creou a primeira estación de Bioloxía mariña en España e desde Galicia houbo diversas peticións para que se instalase nas nosas costas, pero a estación, baixo a dirección de Augusto González de Linares (1845-1904), fixou en 1889 a súa sede en Santander.

Galicia iniciara a investigación pesqueira e a explotación dos recursos mariños, particularmente pesqueiros, de feito a pesca era un elemento básico da economía e vida social do país no remate do século XIX, etapa caracterizada pola expansión do sector. Porén esa situación non estaba compañada de iniciativas institucionais para o estudo do mar. A desatención gobernamental viña da man dunha presión local pouco artellada, coas elites políticas despreocupadas dos intereses galegos. Unha situación que explica que os estudos do mar estivesen neste tempo en mans de afeccionados que viñan a substituír a carencia de infraestruturas de investigación.

Nese contexto desenvolveu un valioso labor micrográfico de estudo das diatomeas Ernesto Caballero y Bellido (1858-1935), profesor de Física do Instituto de Ensino Secundario de Pontevedra. Publicaría en 1893 “La fotomicrografía”, artigo onde aparece a primeira foto de algas diatomeas do mar de Galicia, concretamente da ría de Pontevedra.

O catalán Antonio Vila Nadal (1861-1941) foi a persoa que máis se esforzou polo establecemento dunha estación de Bioloxía mariña nas nosas costas. Este profesor de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela intentouno de xeito persistente e infrutuoso. No ano 1900 semellaba que o obxectivo podía acadarse; os Reis españois, na visita a Galicia, colocaron en Carril a primeira pedra da desexada estación, mais non chegou a construírse.

En 1903 Roque Carús Falcón (1852-1910) publicou, como resultado de varias exploracións pola ría de Arousa, Los misterios de la Naturaleza. Investigación sobre el microplakton de la Ría de Arosa. O resultado foi o característico do esforzo dun afeccionado carente dos medios precisos e que co seu labor estaba a cubrir o impresentable baleiro en que as institucións oficiais deixaran o estudo do mar de Galicia.

En 1906 tivo lugar na Coruña a creación da primeira institución galega que tiña como obxectivo o estudo do mar e que incorporaba o nome a denominación de “Oceanográfica”. Falamos da “Sociedad de Oceanografía del Golfo de Gascuña. Real Sub-Comité de la Coruña”, unha sociedade con actividade entre 1906 e 1918. O “Sub-Comité” tiña “correspondentes” da entidade fóra da Coruña, eran: Raimundo Riestra en Pontevedra, Luis Suárez González en Porto e Nicasio Pérez Moreno en Ferrol. O edificio da sociedade, “Pabellón oceanográfico”, foi inaugurado o 16 de xaneiro de 1911 e acolleu en 1914 a instalación dun observatorio meteorolóxico.

O Laboratorio de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO), 1916-1920

A fundación do Instituto Español de Oceanografía en 1914 foi o resultado dun longo proceso en que o protagonista, Odón de Buen (1863-1945), contou coa salientable axuda do Príncipe de Mónaco.

En Galicia a crise sardiñeira dos primeiros anos do século XX foi determinante na decisión do Ministerio de Marina de instalar un laboratorio oceanográfico en Vigo. A cidade xa fora porto base para unha campaña do Instituto en 1916 e, coincidindo co final dunha segunda campaña, o 2 de setembro de 1917 tivo lugar a inauguración do Laboratorio.

A primeira sede estivo situada no pavillón da “Sociedad de Salvamento de Náufragos”. Fernando de Buen y Lozano resultou designado o seu primeiro director, pero foi o axudante de laboratorio Miguel Pérez Gutiérrez quen o puxo en marcha e iniciou as mostraxes en lonxa e a toma de datos oceanográficos.

En 1919 Fernando de Buen iniciou unha serie de publicacións sobre a sardiña. A morte prematura de Pérez truncou as investigacións que se estaban a levar a cabo. Tanto esta perda coma o escaso apoio das autoridades locais levaron ao peche do laboratorio en 1920.

A batalla polo control do estudo do mar, Bolívar vs. Odón de Buen

A creación do IEO agudizou o enfrontamento previo entre o seu director, Odón de Buen, e Ignacio Bolívar Urrutia (1850-1944), director do Museo de Ciencias Naturales de Madrid e presidente da Junta para Ampliación de Estudios (JAE).

Os cursos de Bioloxía mariña que o Museo organizaba na Estación de Santander pasaron a realizarse en pequenos laboratorios instalados en diversos puntos da costa. En 1920 tocoulle á Coruña e actuou como director Enrique Rioja. Ao termo do curso, Rioja emprendeu unha excursión polas rías galegas e pensou en Marín como lugar para establecer unha estación.

En 1932, tras unha década de parálise, estableceuse en Marín un laboratorio marítimo, co nome de “Estación de Biología de San Rafael”. A única institución dedicada ao estudo da Bioloxía dos seres mariños que funcionou en Galicia no período en que estivo operativa (1932-1935). O director da Estación foi o profesor José Rioja Martín e nas actividades participaron diversos investigadores do Museo, como os zoólogos Francisco Ferrer Hernández e Luis Lozano Rey, os xeólogos Gabriel Marín Cardoso e Carlos Vidal Box e, con especial dedicación e responsabilidade, o ficólogo Faustino Miranda González, profesor no Instituto de Pontevedra.

A definitiva instalación do Laboratorio do Instituto Español de Oceanografía en Vigo

A desaparición do Laboratorio de Vigo en 1920 non impediu que o porto seguise sendo un punto de referencia para o traballo de campo do Instituto e a idea de volver ter unhas instalacións permanentes non foi abandonada polos seus dirixentes, era tamén unha demanda permanente do sector pesqueiro e da sociedade viguesa.

En 1935 o laboratorio instalouse de novo na cidade olívica, nun baixo da rúa Nicolás Salmerón (hoxe rúa Areal), e foi nomeado director José María Navaz e Sanz (1897-1975). Coa Guerra Civil as actividades quedaron paralizadas e os bens do Laboratorio foron incautados; porén, en 1939, Navaz puido iniciar as experiencias de recolección de semente de ostra.

O III “Plan de Desarrollo” supuxo o desenvolvemento do Laboratorio, ao incrementar os orzamentos do Instituto. En 1974 o Centro trasládase á avenida de Beiramar e consegue bolsas para novos licenciados. Dedícase atención especial á formación e especialización do equipo mediante cursos e estadías en centros europeos e americanos. En 1974 levouse a cabo unha campaña no B/O Cornide de Saavedra, a primeira dunha serie fundamental para a avaliación pesqueira en Galicia. A ampliación da Zona Económica Exclusiva a partir de 1976, en países onde faena a flota española, incrementou as necesidades de asesoramento. No período 1974-1985, elaboráronse máis dun centenar de comunicacións e artigos e leváronse a cabo máis de 20 campañas de investigación para asesorar a Administración pesqueira española.

Hoxe o Centro Oceanográfico está situado en Cabo Estai-Canido, nos arredores de Vigo. Consta dun edificio principal e unha planta de cultivos e un equipo de máis 150 persoas. Os grupos de investigación do Centro organízanse arredor de tres áreas: Pesqueiras, Acuicultura, e Medio Mariño e Protección Ambiental.

O Instituto de Investigaciones Pesqueras. Laboratorio costeiro de Vigo (1951-1979), actual Instituto de Investigaciones Marinas de Vigo

En 1979, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) aprobou a reestruturación do Instituto de Investigaciones Pesqueras (IIP), que se transformou en catro centros, un deles foi o de Vigo. En 1986 cambiaría a súa denominación pola de Instituto de Investigaciones Marinas de Vigo (CSIC).

Co IIP repetiuse, dalgún xeito, o acontecido cos proxectos de Bolívar e de Buen. Funcionando un centro como o Instituto Español de Oceanografía, creouse unha nova institución co fin de satisfacer os desexos de control dun grupo de científicos do Opus Dei. O modesto Laboratorio de Vigo, posto baixo a dirección de Buenaventura Andreu (1920-2001), montouse no antigo Colexio Alemán da cidade e foi inaugurado o 23 de setembro de 1952 polo xeneral Franco.

Un dos acontecementos máis sobranceiros no Laboratorio de Vigo, na denominada etapa de consolidación do IIP (1955-1965), foi o seu traslado, en 1959, do Colexio Alemán a unhas instalacións situadas fronte ao Berbés cedidas pola Xunta de Obras e Servizos do Porto da cidade. Durante esta etapa leváronse a cabo distintas investigacións no laboratorio vigués: traballos hidrográficos nas rías, sobre todo na de Vigo; estudos sobre produción planctónica; investigacións sobre a bioloxía e o cultivo da ostra e do mexillón; análise da pesqueira da sardiña e as súas relacións co medio natural; observacións sobre as biocenoses dos moluscos bivalvos de interese comercial; traballos sobre o bacallau; investigacións químicas do mexillón; estudos algolóxicos nas rías. Hai que salientar, tamén, a participación dos investigadores do Laboratorio de Vigo na xestación do Plan Marisqueiro de Galicia (1970).

A etapa de apoxeo do IIP (1965-1978) comezou, sobre todo, co nomeamento para a dirección de Buenaventura Andreu. Manuel Gómez Larrañeta (1924-2012) asumiu a dirección de Vigo. Durante esta etapa as actividades desenvolvidas estiveron centradas en recursos mariños renovables, oceanografía química, contaminación mariña, cultivos mariños, conservas e subprodutos do peixe e nas campañas científicas dos buques oceanográficos.

O Laboratorio da Coruña do Instituto Español de Oceanografía

No século XX sucedéronse diversos intentos fracasados para establecer un laboratorio oceanográfico na Coruña. Por fin, a fins dos anos sesenta o Instituto Español de Oceanografía presentou un anteproxecto de instalación ao abeiro do proceso de preparación do segundo Plan de Desarrollo Económico-Social (1968).

A Junta de Obras del Puerto ofreceu unha superficie situada no peirao das Ánimas e dique Barrié de la Maza. Alí realizaríase a edificación conxunta do laboratorio e do acuario; as actividades do primeiro iniciáronse en 1969.

A partir de 1976 desenvolvéronse un conxunto de proxectos de investigación. En 1981 asumiu a dirección Nicolás González García-Estrada. Un tempo en que se foi completando a dotación de material científico e, en 1986, realizouse unha obra de reacondicionamento do edificio para mellorar as instalacións de cultivo e a superficie dedicada a oficinas xerais.

Na actualidade, o Centro Oceanográfico da Coruña intervén na execución dos seguintes proxectos: avaliación das poboacións pesqueiras máis importantes para a flota española nas augas da Comunidade Económica Europea e da plataforma española do Cantábrico e Galicia; investigacións biolóxico-pesqueiras sobre túnidos e especies afíns; vixilancia do mexillón; Programa xeral de Investigación Oceanográfica; Investigación sobre o cultivo de moluscos e estudo da contaminación mariña.

Outras iniciativas

En 1990 iniciáronse os estudos dunha licenciatura específica, Ciencias do Mar (Universidade de Vigo). Dous anos despois foi inaugurado o Centro de Control e Calidade do Medio Mariño (Vilaxoán-Vilanova de Arousa) e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura. A Universidade de Santiago de Compostela creou en 2001 a Estación de Bioloxía Mariña da Graña (Ferrol), baixo a dirección do profesor Victoriano Urgorri.

Na actualidade está en marcha un interesante proxecto, o Campus do Mar, liderado pola Universidade de Vigo e promovido polas tres universidades galegas, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas o Instituto Español de Oceanografía.