A finais de setembro de 1975, o pequeno pobo de Rianxo converteuse no epicentro dun acto histórico: a homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no 25º aniversario do seu pasamento, mercé á instalación dunha estatua, sufragada polo Patronato da Cultura Galega de Montevideo, e que Agustín Sixto Seco, na época, consideraba a primeira erguida a "un exiliado morto no desterro" inaugurada no Estado. Este evento non só foi un recoñecemento ao legado dun dos maiores símbolos da identidade galega, senón tamén unha demostración de resiliencia fronte aos obstáculos impostos polo réxime franquista. A través de documentación exhaustiva preservada, coñecemos o complexo proceso de organización que implicou colaboración transatlántica, negociacións con autoridades e unha paixón compartida por honrar a memoria de Castelao.
Os documentos
Trátase dun fondo documental xerado na organización do acto de Homenaxe feito a Castelao no seu pobo natal, Rianxo, realizado con motivo do 25º aniversario do seu pasamento e que tivo lugar o 27 de setembro de 1975. Nesta documentación podemos coñecer todas as xestións que se tiveron que facer para que este acto conmemorativo se celebrase pese aos atrancos das institucións franquistas.
A idea da homenaxe foi iniciada polo Patronato da Cultura Galega de Montevideo, quen encargou a Xosé Mª. Monterroso Devesa, residente en Galicia, que se ocupase das xestións necesarias. Este contactou co Dr. Agustín Sixto Seco, presidente do Patronato Rosalía de Castro, quen achegou a súa influencia cos persoeiros da vida cultural e política de Galicia para que a homenaxe fose unha realidade. Decídese crear unha comisión xestora da que o Dr. Sixto Seco foi elixido presidente e o Sr. Monterroso Devesa, secretario. A sede da comisión será a residencia de Xosé Mª. Monterroso na Coruña.
Gran parte da documentación cedida é orixinal aínda que tamén hai fotocopias. Toda a documentación está dixitalizada e gardada nos fondos documentais do AEG.
Fotografía do monumento: Iago Pillado/Wikipedia
Carolina García Borrazás: +0034 881 995 148
Teresa García Domínguez: +0034 881 995 143
aemigracion@consellodacultura.gal
As imaxes e documentos que aquí se expoñen forman parte do patrimonio fotográfico e documental que se conserva e salvagarda no Arquivo da Emigración Galega. Moitos deles proceden de coleccións particulares que a cidadanía puxo á disposición da sociedade a través do Consello da Cultura Galega; teñen un gran valor informativo e incrementan o coñecemento sobre os procesos migratorios en Galicia.