ca. 1350 - 1500. Outono da Idade Media: un farturento devalar

Ao longo da Idade Media, o idioma galego experimentou un intenso cultivo, non só no verso das cantigas (continuado ata mediados do século XV na corte de Castela), mais tamén na prosa narrativa, de carácter histórico (Crónica Xeral, Xeral Historia, Crónica de Iria), lexendario (Crónica e Historia Troiana, Libro de Tristán), ou haxiográfico (Miragres de Santiago). Por parte, o uso do galego fíxose cada vez máis frecuente na escrita instrumental dos nobres, as igrexas e mosteiros, os gremios e os concellos. O castelán comezou a introducirse en Galicia na segunda metade do século XIV, e un século máis tarde o galego víase cada vez máis desprazado dos usos formais e da escrita.