ca. 1500 - ca. 1800. Séculos Escuros: o segredo silandeiro

Antes da metade do século XVI, o galego desaparece da escrita, nun proceso solidario co seu progresivo desprazamento dos ámbitos de comunicación públicos e formais e a súa marxinación social. Ata a metade do século XVIII, o galego só se escribe de xeito esporádico, e só raramente pasa polo prelo: o primeiro texto en galego impreso é de 1612 (Exequias da Raíña Margarida), e a finais do século XVII aparece unha presada de romances en galego (Fiestas Minervales, 1697), editados pola Universidade de Santiago. Nos dous casos, trátase de coleccións poemáticas trilingües (latín, castelán e galego). A mediados do século XVIII, Martín Sarmiento (1696-1772), compón un Coloquio en coplas galegas, recopila voces e emprende unha serie de eruditos estudos filolóxicos, que o tornan o fundador da Filoloxía Galega e o precusor das reivindicacións idiomáticas.