1880-1915. Rexurdimento pleno: na fronte unha estrela

1880 é un fito do rexurdimento literario galego, pois nel, entre outras, aparecen dúas obras mestras: unha delas constitúe un cume absoluto da poesía galega (Follas novas de Rosalía de Castro), a outra gozou dunha acollida pública extraordinaria (Aires da miña terra de M. Curros Enríquez). O cultivo poético do idioma gaña en madureza e variedade, desde a poesía intimista e metafísica ata a folclórica e de circunstancias, pasando pola lira cívica e o verso épico. Ao tempo, prodúcense as primeiras tentativas de prosa narrativa (Maxina ou a filla espúrea, 1880) e de literatura dramática (A fonte do xuramento, 1882). Por parte, afóndase no estudo do idioma (Diccionario gallego-castellano, de Marcial Valladares, 1884), e na recolleita da literatura popular (Cancionero popular gallego, de J. Pérez Ballesteros, 1885-86). A ‘Biblioteca Gallega’ (1885-99) constitúe, cos seus 52 volumes, todo un fito na difusión da literatura galega. A creación da Real Academia Galega (1906), por iniciativa dun grupo de emigrantes en Cuba, constitúe un fito na institucionalización do idioma e a cultura galegas.