1950-1975. A ditadura e a resistencia: longa noite de pedra
A ditadura do xeneral Franco (1939-1975), ferreamente centralista, impón unha feroz represión contra toda manifestación política e cultural democrática e galeguista, que queda condenada ao silencio, ao exilio ou á clandestinidade. Nas dúas primeiras décadas, o contributo do exilio, sobre todo en América e máis particularmente en Arxentina, é fundamental: dúas das figuras máis representativas son o narrador Eduardo Blanco-Amor (1897-1979) e o pintor, poeta e emprendedor cultural Luís Seoane. A resistencia no interior toma primeiro corpo na Editorial Galaxia (fundada en 1950), e máis tarde, en distintos grupos políticos galegos clandestinos (Unión do Pobo Galego, Partido Socialista Galego, Partido Comunista de Galicia). A Editorial Galaxia, nucleada arredor de R. Otrero Pedrayo e liderada por Ramón Piñeiro (1915-1990), constitúe unha ponte entre a cultura galega de anteguerra e a de posguerra e un referente para as novas xeracións. Vencellado a Galaxia, atópase o escritor máis importante daquel tempo, Álvaro Cunqueiro (1911-1981), mentres que o poeta ‘social’ Celso Emilio Ferreiro (1912-1979) conecta coa sensibilidade inconformista das novas xeracións de posguerra. A partir dos anos sesenta, gañan protagonismo na defensa do idioma galego un número crecente de agrupacións cívico-culturais. O movemento universitario pasa a primeiro plano aos finais desa mesma década, con fenómenos como o da canción-protesta, que favorecen a visibilidade pública do idioma galego. A investigación filolóxica gaña un pulo moi importante coa creación do Instituto da Lingua Galega (1971) da Universidade de Santiago de Compostela, que edita os primeiros manuais de aprendizaxe do idioma.
Para saber máis
-A etapa franquista (1936-1975)
