1975-2000. Democracia e autonomía: mil primaveras máis...

Despois do pasamento de Franco (1975), restáuranse as liberdades políticas, nun proceso marcado pola aprobación da Constitución democrática (1978) e dos Estatutos de autonomía das ‘nacionalidades históricas’, entre elas Galicia (1981). O Estatuto de Galicia consagra a co-oficialidade do idioma galego, declarado ‘lingua propia’ de Galicia. Créase un Parlamento, un Goberno e un aparello institucional autónomo de Galicia, que usan preferentemente o idioma do país. En 1983 apróbase a Lei de normalización lingüística de Galicia, o mesmo ano créase o Consello da Cultura Galega, en 1984 fúndase o Centro Dramático Galego, e en 1985 inaugúrase a primeira canle de televisión que emite integramente en galego (TVG), mentres que este se vai incorporando paseniñamente ao sistema educativo e ás administracións públicas. As tres universidades de Galicia (Santiago, Vigo, A Coruña) establecen estudos de Filoloxía Galega, artéllanse cátedras e centros de estudos galegos en distintas universidades europeas e americanas, e ofrécense cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros. Florecen algunhas casas editoras (Edicións Xerais de Galicia), e multiplícanse os novos medios e soportes para o cultivo e difusión do idioma, desde a banda deseñada á rede (Vieiros), pasando pola teleserie e o vídeo. A corrente cívica en defensa do galego tamén se organiza e mobiliza (A Mesa pola Normalización Lingüística).


Para saber máis
-O galego hoxe