Pelerinaxes
En 1927, Ben-Cho-Shey, Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco emprenderon unha peregrinación de Ourense a Santo André de Teixido (Cedeira). Desa viaxe polos antigos camiños do país naceu un libro, con textos de Ramón Otero Pedrayo e ilustracións de Vicente Risco. Tanto uns coma outras supoñen unha detallada visión da paisaxe rural galega dos anos 20.Este especial ten por obxectivos seguir os pasos destes viaxeiros da xeración Nós polas provincias de Ourense, Lugo e A Coruña, explorando os cambios e as permanencias dese mundo rural galego neste intervalo de cen anos. Farémolo recreando visualmente estes cambios a partir do uso de diferentes tecnoloxías, como a xustaposición de imaxes, a recreación 3D de algunhas das paisaxes e o uso da cartografía histórica.
Segue a viaxe en Twitter e en Facebook a través do hashtag #pelerinaxes
Os textos do roteiro son autoría de Afonso Mato. A produción e edición web son de Manuel Gago. As fotografías son de Sole Felloza. O proxecto conta coa colaboración das Fundacións Otero Pedrayo e Vicente Risco.

1. Luns, 4 de xullo de 1927: De Ourense a Viana
Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey saen de Ourense polo camiño real de Cudeiro para entrar no sur de Lugo en dirección a Viana (Chantada).
Explora o multimedia

2. Martes, 5 de xullo de 1927: de Viana a Monterroso
Os camiñantes diríxense ata Monterroso polo leste da serra do Faro, entre pazos e arte románica e popular.
Explora o multimedia

3. Mércores, 6 de xullo de 1927: de Monterroso a Palas de Rei
Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey saen de Monterroso, visitando igrexas románicas e distinguindo castros maxestuosos, ata chegar a Palas de Rei.
Explora o multimedia

4. Xoves, 7 de xullo de 1927: de Palas de Rei a Rábade pasando por Lugo
A chuvia obriga os nosos viaxeiros a tomar o coche de liña para Lugo. Unha tranquila paseada pola tarde lévaos ata Rábade.
Explora o multimedia

5. Venres, 8 de xullo de 1927: de Rábade a Vilalba
Os camiñantes admiran os bidueiros da Terra Chá e séntense a gusto no comercio vilalbés.
Explora o multimedia

6. Sábado, 9 de xullo de 1927: de Vilalba ás Pontes de García Rodríguez
Otero, Risco e Ben-Cho-Shey camiñan pola Corda ata As Pontes, unha vila na que se sorprenden pola cantidade de veraneantes.
Explora o multimedia

7. Domingo, 10 de xullo de 1927: das Pontes de García Rodríguez a Ortigueira
Os nosos camiñantes non poden camiñar nesta etapa: van en coche das Pontes ata Ortigueira, unha vila da que van gostar moito.
Explora o multimedia

8. Luns, 11 de xullo de 1927: de Ortigueira a Santo André de Teixido
Nunha motora, os viaxeiros van de Ortigueira a Mera para despois subir á Capelada con amigos e cumprir, con asombro e emoción, a súa viaxe.
Explora o multimedia
