Julia Minguillón

Ciclo. Revisando a nosa arte

Julia Minguillón

Mércores, 28 de setembro de 2022
Santiago de Compostela
Ciclo
Revisando a nosa arte

Julia Minguillón

Mércores, 28 de setembro de 2022 Santiago de Compostela
A pesar de ser das poucas artistas galegas que transcenderon a nivel nacional, Julia Minguillón aínda non goza da visibilidade e do recoñecemento dos que a súa traxectoria a fai notoria.
Cunha paleta valente, Julia Minguillón será mestra na arte do retrato, destacando tamén as súas composicións de figuras, bodegóns e paisaxes. Virtuosa debuxante, as súas figuras sempre amosaban alardes na precisión, nos escorzos e na perfección técnica, mais serán as súas paisaxes as que amosarán a súa máxima liberdade.
Nada en Lugo en 1906, Julia Carmen Minguillón Iglesias era filla do boticario de Vilanova de Lourenzá, onde pasou a infancia. En Burgos e Valladolid entra en contacto coa pintura, durante o bacharelato, e retorna a Lugo con 17 anos. Tras acadar unha bolsa de estudos da Deputación de Lugo, trasládase a Madrid, onde orienta os estudos inicialmente cara á escultura e logo cara á pintura, e participa na súa primeira exposición colectiva en 1933. Co estalido da guerra, retorna á casa paterna en Vilanova de Lourenzá, onde casa co escritor e xornalista Francisco Leal Insua, ao que retratará varias veces, entre elas nunha das súas obras máis célebres, A miña familia, hoxe no Museo Provincial de Lugo, xunto á obra máis representativa da autora: A escola de Doloriñas. Con esta obra, en 1941 consegue a Primeira Medalla na Exposición Nacional de Belas Artes e nos seguintes anos exponse en Berlín e na Bienal de Venecia. En 1945 realiza a súa primeira grande individual e en 1948 gaña o Premio do Círculo de Belas Artes. Entre 1945 e 1961, reside entre Vigo, Madrid e América Latina, e viaxa en varias ocasións a París. Julia Minguillón xa era unha pintora de gran prestixio, retratando a persoas notables da sociedade. En 1961 volve a Madrid, onde reside ata a súa morte.
Estamos ante unha das grandes pintoras da posguerra, que proxectou a arte galega e a nosa terra no exterior, que foi tecnicamente brillante e acadou unha paleta e un estilo moi persoais. Acadou a Primeira Medalla Nacional de Belas Artes, nuns tempos en que ser muller era un impedimento para ser un suxeito activo na sociedade e probablemente siga sendo a causa principal da súa invisibilidade. Mais hoxe en día Julia Minguillón é estímulo para reconstruír a historia da arte con elas (as mulleres), alén de ser unha referencia fundamental para poder educar en igualdade dende os museos, as escolas e os espazos culturais. E dende o Consello da Cultura Galega queremos contribuír con esta xornada á divulgación e á análise da súa figura, para situala no lugar que merece; porque, “revisando a nosa arte”, ela é unha das nosas artistas fundamentais.
ASISTENCIA
A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado.
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
LUGAR
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205
MAÍS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal
Ficha técnica 
Ciclo.
Revisando a nosa arte
Julia Minguillón
Cando
Mércores, 28 de setembro de 2022
Onde
Santiago de Compostela
Enderezo

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

Coordinación
Paula Cabaleiro
Participante
María Campos
Victoria Carballo-Calero
Encarna Lago
Carlos Yus
Organiza
Consello da Cultura Galega
Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas (CCG)

Imaxe da portada: Julia Minguillón, A Tyla e eu (1943), Colección de Arte Afundación