Encontro - XXIV ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA. Xoves, 20 de outubro de 2022

XXIV ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN Encontro

XXIV ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Arte e lingua como ferramentas de construción masiva

Xoves, 20 de outubro de 2022
Santiago de Compostela
Encontro
ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN

XXIV ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Arte e lingua como ferramentas de construción masiva

Xoves, 20 de outubro de 2022 Santiago de Compostela
Un ano máis, coa chegada do outono, renovamos a nosa vontade de reunirnos arredor dos temas que nos preocupan en relación coa situación presente e futura da lingua galega e abrimos ese espazo de diálogo e concorrencia que chamamos, de xeito moi preciso, Encontros para a Normalización Lingüística. Nesta cita, que fai o número vinte e catro, o tema que nos convoca é "Arte e lingua como ferramentas de construción masiva".

En convocatorias anteriores fomos concluíndo que o porvir da lingua non se garante só pola actividade e dedicación de sectores concretos, como o sistema educativo ou o ámbito familiar, por importantes que estes sexan. A transmisión xeracional e a continuidade da lingua só estará garantida se se divulga tamén nos contextos que rodean a rapazada nos seus procesos de adquisición e desenvolvemento lingüístico, e iso implica a participación de toda a sociedade; por outra parte, tamén puxemos de relevo que a transmisión non pode ser só vertical, da xeración máis vella á máis nova, pois é tanto ou máis importante a comunicación horizontal dentro do grupo xeracional. En definitiva, postulamos a importancia do lecer e a socialización en lingua galega, para todas as idades.

Nestes XXIV Encontros queremos abrir un debate coas creadoras e creadores artísticos do país co ánimo de tecer redes no sector e potenciar a lingua de xeito cooperativo, posto que, como poñen de relevo as últimas tendencias, confiamos no potencial das artes para exercer de elementos normalizadores. Forma isto parte dun plan de encamiñarnos cara a un foro aberto para o estudo, reflexión e debate sobre a planificación lingüística e a promoción do noso idioma.
O programa de 2022 presenta algunhas novidades, na liña de transformación do formato iniciada nos últimos anos. Comezaremos a principios de outubro coa publicación de catro pezas audiovisuais, difundidas a través das canles propias do Consello da Cultura Galega e noutros espazos habituais da creación cultural. O encontro propiamente dito, para nos volvermos atopar en vivo e intercambiarmos saberes, opinións e experiencias, será na nosa sede, o día 20 de outubro.