Hoxe, Día mundial do Farmacéutico sumámonos aos actos convocados pola Real Academia Galega de Farmacia que homenaxea a figura de José Rodríguez Carracido. Puxemos en rede un libro, con Francisco Díaz-Fierros como editor, que incide no legado político deste referente do rexionalismo galego.
Na publicación “José Rodríguez Carracido. Científico referente do rexionalismo galego” recóllense diversos textos de Rodríguez Carracido relativos a esta faceta galeguista, en xeral moi pouco coñecida, do egrexio científico e farmacéutico galego.
José Rodríguez Carracido naceu en 1858 en Santiago de Compostela. Estudou Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela (1871-74) e foi catedrático de Química Orgánica (1881) e Química Biolóxica (1898) na Universidad Complutense, da que foi reitor desde 1916 a 1927. Numerario da Academia de Ciencias (1888), da de Medicina (1906) e da Española (1909) e de honra da Real Academia Galega (1922). Un dos introdutores da bioquímica en España e un dos máximos expoñentes da xestión e divulgación da ciencia de finais do século XIX e principios do XX. Promotor da Sociedad Española de Física y Química e da Asociación Española para el Progreso de las Ciencias e, así mesmo, membro moi destacado da Junta para Ampliación de Estudios.
En Galicia, ao par do recoñecemento de que gozou pola súa transcendencia como home de ciencia, foi tamén moi valorado polos rexionalistas e algúns deles, como Curros Enríquez ou Murguía, mantiveron con el fondas relacións. Curros mesmo chegou a afirmar que a «trindade do rexionalismo galego» estaba constituída por Murguía, Brañas e Carracido.