Xornada - Homenaxe a Dorothé Schubarth. Museo do Pobo Galego, 12 de xuño de 2024

Homenaxe a Dorothé Schubarth

Xornada

Homenaxe a Dorothé Schubarth

Museo do Pobo Galego, 12 de xuño de 2024
Santiago de Compostela
Xornada

Homenaxe a Dorothé Schubarth

Museo do Pobo Galego, 12 de xuño de 2024 Santiago de Compostela
Con música, baile e palabra o Consello da Cultura Galega (CCG), o Museo do Pobo Galego e o Instituto da Lingua Galega da USC (ILG-USC) celebran o 12 de xuño un acto de homenaxe para lembrar a figura de Dorothé Schubarth (Basilea, Suíza, 1944-2023).

Dorothé Schubarth desenvolveu un amplo labor investigador centrado na procura das formas e orixes da música popular europea. Introduciu parámetros de clasificación descoñecidos en Galicia e novidosas metodoloxías de traballo e de recompilación que, aínda hoxe, están a influír nos nosos estudosos. É a responsable da máxima achega xamais realizada para a conservación e coñecemento do folclore musical do país: o Cancioneiro popular galego (CPG), que asinou en coautoría con Antón Santamarina. Este proxecto de recompilación sistemática da música de tradición oral galega foi financiado pola Fundación Barrié de la Maza e consta de sete volumes que se publicaron entre 1984 e 1995. Todas estas facetas están recollidas na homenaxe que terá lugar no auditorio do Museo do Pobo Galego o vindeiro 12 de xuño.

Programa da xornada

A cita arrinca cunha actuación a cargo de Felisa Segade na que se emprega unha selección de músicas e fotografías do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) recollidas por Dorothé. Deseguido, a xornada explicará quen era Dorothé e que traballo fixo no noso país. Corre a cargo de Antón Santamarina, coautor do cancioneiro e persoa moi próxima á musicóloga suíza. Completa ese perfil máis persoal Diego Rodríguez, que profundará no traballo de Dorothé en Galicia en relación co apoio da Fundación Barrié. Após esta presentación desenvolveranse tres mesas. Na primeira darase conta do alcance do Cancioneiro popular galego e da súa importancia musicolóxica tanto no contexto español como no panhispánico. Sergio de la Ossa e J. M. Pedrosa son os encargados de ofrecer esta achega.

Na segunda das mesas, moderada por Alejo Amoedo, fálase do uso da música tradicional como base para a creación contemporánea. Concha Losada intervén cun relatorio titulado “O traballo de Dorothé despois do Cancioneiro: os arquivos e as institucións”. Pola súa banda, Rebeca Carrera e Luís Costa ofrecen unha perspectiva máis actual ao falar da difusión e emprego da recolla musical en distintas contornas (didáctica musical, conservatorios e artistas).
A mañá remata cunha sesión vermú a cargo de Caamaño e Ameixeiras, que ofrecerán unha selección de pezas sobre material recollido por Dorothé.

A última das mesas, moderada por M. Xosé Fernández Cerviño, afonda no traballo de Schubarth que vai máis alá do Cancioneiro. Lucía Cedrón fai comentario e lectura doutros libros da homenaxeada, Carme Campo afonda na acción educativa e cultural no Museo do Pobo Galego e Alejandro Gándara trata o cinema sobre Dorothé e o seu traballo. A mesa remata cunha intervención de Antonio Reigosa titulada “Dorothé Schubarth, mestra da memoria”.
Logo dun intermedio musical no que Cástor e Félix Castro interpretan un tema musical en lembranza de Dorothé, ten lugar, na igrexa de Bonaval, o concerto de peche da homenaxe. O cuarteto Alicerces (Jorge Montes, Roberto Santamarina, María José Pámpano e Carlos García Amigo) xunto con Alberto Aneiros ao clarinete e Marcos Mato na percusión ofrece un concerto en que se inclúe unha peza clásica composta pola propia Dorothé Schubarth.
Ficha técnica 
Xornada
Homenaxe a Dorothé Schubarth
Cando
Museo do Pobo Galego, 12 de xuño de 2024
Onde
Santiago de Compostela
Lugar

Museo do Pobo Galego
Costa de San Domingos s/n
15703 Santiago de Compostela

Organiza
Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega
Instituto da Lingua Galega
Instituto da Lingua Galega
Museo do Pobo Galego
Museo do Pobo Galego
Ámbito
Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)