Xornada - As rodas do Bronce Final en Galicia: entre os mortos e para os vivos. 4 de xullo de 2024

As rodas do Bronce Final en Galicia: entre os mortos e para os vivos

Xornada

As rodas do Bronce Final en Galicia: entre os mortos e para os vivos

4 de xullo de 2024
Santiago de Compostela
Xornada

As rodas do Bronce Final en Galicia: entre os mortos e para os vivos

4 de xullo de 2024 Santiago de Compostela

As «rodas» son un tipo de xacemento de recente descubrimento. No ano 2006, nunha actividade de tipo preventivo documentouse a primeira, «A Roda de Barreiros», catalogada como un castro de pequeno tamaño e que, no curso das escavacións, foi interpretada como o primeiro xacemento de tipo henge de Galicia. Desde ese momento esta clase de xacementos foi de grande interese tanto para a investigación como para a sociedade.

Actualmente, a pesar de que hai aínda controversias relacionadas coa interpretación da función e o contexto destes sitios arqueolóxicos, xa podemos abordar a súa cronoloxía, os materiais e as estruturas que albergan, pois hai oito xacementos escavados parcialmente.

Malia que podemos falar de que este tipo de xacementos son do Bronce Final, en realidade estamos contando unha pequena parte da súa extensa e complexa historia, porque estes xacementos presentan unha duración longa no tempo, desde a súa construción ata o seu abandono.

Na actualidade, o número de xacementos deste tipo cartografados en Galicia supera os cincuenta, e xa podemos empezar a apreciar patróns de poboamento na rexión. Nestas xornadas preténdese dar a coñecer, por primeira vez en detalle, cada un dos xacementos escavados da man das persoas que dirixiron os traballos. Ademais, introducirase de forma preliminar unha caracterización territorial deles. Así mesmo, achegarase a opinión que a Administración e a prensa teñen das «rodas» como tema mediático en arqueoloxía galega e participará un especialista procedente de Francia, que achegará un marco comparativo para os nosos xacementos. Preténdese albergar un foro de discusión construtivo sobre este novo fenómeno monumental na Prehistoria do noroeste ibérico que quizais podería relacionarse cos cambios que se desenvolveron en Europa entre finais do segundo milenio e mediados do primeiro antes de Cristo.
Ficha técnica 
Xornada
As rodas do Bronce Final en Galicia: entre os mortos e para os vivos
Cando
4 de xullo de 2024
Onde
Santiago de Compostela
Lugar

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202

Coordinación
Francisco Alonso Toucido
Xurxo Ayán Vila
Luis Cordeiro Maañón
Rodrigo Paulos Bravo
Pilar Prieto Martínez
Organiza
Consello da Cultura Galega
Sección de Patrimonio e Bens Culturais (CCG)

Imaxe da portada: O xacemento do Corro dos Mouros (Santa María Madalena de Adai, Lugo), PNOA 1/2000, imaxe LiDAR (elaboración: Luis Cordeiro Maañón)