Xornada - Francisco Lloréns. Paisaxe e territorio. 28 de novembro de 2024

Francisco Lloréns. Paisaxe e territorio

Revisando a nosa arte Xornada

Francisco Lloréns. Paisaxe e territorio

28 de novembro de 2024
Betanzos
Xornada
Revisando a nosa arte

Francisco Lloréns. Paisaxe e territorio

28 de novembro de 2024 Betanzos
Neste 2024 cúmprese o 150 aniversario do nacemento de Francisco Lloréns (A Coruña, 1874-Madrid, 1948), sen dúbida un dos paisaxistas de referencia na historia da arte do século XX en Galicia polo peso temático e argumental que esta ten na súa obra.

Francisco Lloréns recibiu unha sólida formación na Escuela de Bellas Artes de San Fernando, onde foi alumno de Carlos de Haes, e posteriormente no taller de Sorolla, de quen aprendeu o valor e a paixón pola luz na paisaxe. Alén diso, obtivo unha bolsa da Real Academia Española en Roma en 1902, o que lle permitiu coñecer un bo número de cidades europeas. Percorreu o norte de Italia, Boloña, Milán e Venecia, e desde alí trasladouse a París e aos Países Baixos. Logo, viviu en Bruxas case un ano, impresionado pola paisaxe belga, antes de volver a Italia. Todos estes lugares reflectiunos nun importante número de apuntamentos e bosquexos ao longo da súa traxectoria artística.

Desenvolveu unha extensa carreira profesional como profesor de debuxo e pintor, e expuxo a súa obra en repetidas ocasións en España e América. Ademais, obtivo importantes recoñecementos en citas como a Exposición Nacional de Bellas Artes (1907, 1908 e 1922). Tamén foi membro da Real Academia Galega, así como das academias galega e madrileña de Belas Artes, e relacionouse con intelectuais coetáneos como Ramón Cabanillas e Castelao.

Aínda que alternou a súa vida entre Madrid e Galicia, á que regresaba cada verán, esta foi o eixe temático fundamental de toda a súa obra; as súas estancias estivais sempre tiñan como referencia calquera punto das Mariñas, Betanzos, a ponte da Pasaxe, Mera, Oleiros, Sada, O Pedrido…, que se reflicten na súa pintura cunha gran riqueza de matices cromáticos. É por iso que o Consello da Cultura Galega organiza esta xornada de revisión da traxectoria de Francisco Lloréns, para entender a pintura de paisaxe, en Betanzos, unha vila que tivo un importante protagonismo na súa vida persoal e obra plástica.
Ficha técnica 
Xornada
Revisando a nosa arte
Francisco Lloréns. Paisaxe e territorio
Cando
28 de novembro de 2024
Onde
Betanzos
Lugar

Salón Azul do Edificio Liceo Arquivo do Antigo Reino de Galicia
Praza de Galicia, 1
Betanzos (A Coruña)

Coordinación
Rosario Sarmiento Escalona
Organiza
Consello da Cultura Galega
Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas (CCG)
Colabora
Concello de Betanzos

Imaxe da portada: Francisco Lloréns pintado en 1946. Arquivo da Real Academia Galega de Belas Artes. Reprodución: Xurxo Lobato