Posverdade, fascismos dixitais, tecnopersoas, precarización da vida, perda de liberdades, deterioración medioambiental, poshumanismo…Posverdade, fascismos dixitais, tecnopersoas, precarización da vida, perda de liberdades, deterioración medioambiental, poshumanismo…. Enchemos de novos termos os andeis do noso pensamento. Asistimos a unha proliferación de palabras e conceptos para enfrontarnos a unha época convulsa.
A economía do efémero demándanos respostas rápidas e simples ante problemas complexos. Pensar sen présas ou debater ideas e visións diversas do mundo ficaron convertidas en actividades de luxo ou en ideas románticas doutros tempos. Agora todo semella moverse na inmediatez das redes.
Porén, o pensamento necesita tempos de encontro, de compartir devagar perspectivas e dúbidas. Propoñémosvos neste ciclo de charlas, debates e intercambio de ideas un tempo compartido para a reflexión, para abordar os problemas da actualidade, para facer redes de conexións e contribuír a que sexamos un pouco máis libres. O vello dictum ilustrado, sapere aude, hoxe deveu máis necesario que nunca. “Atrévete a pensar” é un exercicio a contracorrente, unha pequena revolución cotiá.
Quedades convidadas e convidados a un espazo compartido de reflexión e análise crítica do mundo que nos tocou vivir. Se pensar vos presta, agardámosvos cunha única condición, a predisposición a gozar das palabras compartidas. Iniciado en 2019, o ciclo Pensarmos continúa no ano 2021 cada cuarto xoves de mes para ofrecernos a oportunidade de encontrarnos con nomes relevantes no pensamento actual que establecerán un diálogo tanto con integrantes da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega como co público asistente sobre temas tan vixentes como feminismo, fascismos, verdade, intimidade, investigación, precariedade ou humanismo.
22 de xaneiro de 2026Santiago de Compostela
No ano 2019, antes da pandemia da covid, cando o mundo era outro, comezamos na Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega cunha actividade denominada “Pensarmos”, que na actualidade nos comprace percibir que está consolidada. Gozamos do privilexio de dedicar dúas horas de certos xoves, de 18.00 h a 20.00 h, a pensar de forma colectiva con persoas convidadas que teñen moito que achegarnos para reflexionar sobre cuestións que consideramos importantes do acontecer que nos rodea nestes tempos: democracia, igualdade, liberdade, dereitos, verdade, mentira, coidados, territorio, educación… Estes e moitos outros asuntos foron e serán obxecto de debate, crítica e reflexión nas diferentes sesións do ciclo “Pensarmos”.
O que pretendemos é que sexa un espazo aberto onde encontrármonos as xentes máis heteroxéneas para pensar conxuntamente, como un punto de partida, coas persoas referentes no seu ámbito que convidamos a pensar con nós. O formato dialogado, con quen se encarga de guialo en cada sesión e co público, é deliberado porque a pretensión que nos move é aprender e reflexionar desde as perspectivas máis diversas, sumando ideas, propostas e enfoques, e non dar nada por rematado senón contribuír a ter máis elementos para pensar e tratar de ser un exemplo de praxe de pensamento colectivo. As distintas sesións grávanse e poden verse a posteriori, o que contribúe a formar un elenco de posíbeis ferramentas pedagóxicas, ademais de ser unha adega onde as ideas poden ir conformando unha boa reserva á que volver no futuro.
Pensar, preguntar, propoñer, reflexionar, criticar, dubidar… Estes continuarán a ser os ingredientes das distintas sesións do ciclo “Pensarmos” que iremos programando este ano e nas que vos animamos a participar para que medren e se enriquezan.
Derivas totalitarias no século XXI
Hannah Arendt creou un concepto de "ideoloxía" que desborda o enfoque marxista, pois vai máis alá da súa supeditación ás realidades económicas, e ensinounos a ver o totalitarismo en íntima interconexión con ela como un fenómeno diferenciado do autoritarismo ditatorial. Hoxe, as ferramentas conceptuais que Arendt creou sérvennos para enfocar os procesos do século XXI e velos con nitidez como derivas totalitarias interconexas con ideoloxías que descansan sobre determinadas ficcións políticas (o Gran Israel, a Norteamérica branca…).
Coa axuda da profesora Cristina Sánchez Muñoz tomámoslles o pulso no Pensarmos de xaneiro ás tentacións totalitarias do presente.
ASISTENCIA
A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado (100 persoas).
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
LUGAR Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202
MÁIS INFORMACIÓN www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal
18:15 horas Derivas totalitarias no século XXI Cristina Sánchez Muñoz dialoga con Antonio Fernández Seoane
Cristina Sánchez Muñoz
Profesora titular de Filosofía do Dereito da Universidad Autónoma de Madrid. É especialista na obra de Hannah Arendt, autora sobre a que publicou unha das primeiras monografías no mundo de fala hispana (Hannah Arendt. El espacio de la política, Madrid, Centro de Estudios Políticos y Constitucionales, 2003). Nesta liña de temáticas arendtianas tamén publicou Confrontando el mal (Antonio Gómez Ramos e Cristina Sánchez Muñoz [eds.], 2017), Cartografías del mal. Los contextos violentos de nuestro tiempo (Camila de Gamboa e Cristina Sánchez Muñoz [eds.], 2019) e Violencias de género: Entre la guerra y la paz (2021). As súas últimas publicacións están relacionadas co pensamento de Hannah Arendt respecto á guerra. Na actualidade traballa sobre cuestións relativas ás teorías da guerra xusta contemporánea, o xenocidio e a violencia contra as mulleres en contextos armados.
Antonio Fernández Seoane
Profesor de Filosofía nun instituto de Ourense. Leu a súa memoria de licenciatura sobre a profesión de fareiro en 1997. Entre esa data e o ano 2002 participou na edición da colección de poesía Letras de Cal. Gañou o 1º Premio do III Concurso de Poesía Afonso Eanes do Cotón por Cara a un solpor de gatos, escrito con Verónica Martínez Delgado e publicado por tresCtres en 2005. En 2013 obtivo o Premio “Ciudad de Bailén” do XIV Certame de textos teatrais por La conciencia de Zacarías Brunan. As súas últimas exposicións como pintor —coa firma Seo— foron a individual Reunión no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense (2021) e a colectiva Clinamen. Catro propostas de abstracción radical (2023) na Sala Alterarte da Universidade de Vigo en Ourense. É membro da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega desde 2024.
LUGAR Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202
MAÍS INFORMACIÓN www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal
ASISTENCIA A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado (100 persoas).
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.