07/07/1985 Carta de Díaz Pardo a Paz Andrade. 1985 / <!--Epistolario singular VPA--> Fondo: Valentín Paz-Andrade no seu arquivo persoal / FONDOS DOCUMENTAIS / CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Proxecto Epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.
Compartir en

Sargadelos, 7 de xullo de 1985


Sr. Don Valentín Paz Andrade
Vigo


Benquerido Valentín:

Ti me habías dito que os debuxos de cego de Castelao que fixera pra o Galicia os versos pertencíalle tamén. Un dos dibuxos que se expuxo na mostra que orgaizamos, propiedade do Banco de Bilbao, o verso é de Castelao, está sobre o mesmo dibuxo e correxido retocado, por el mesmo. Seoane no seu Castelao Artista, dí que estarían improvisados por periodistas amigos ainda que ten escoitado que os versos eran de Castelao.
Os versos dos dibuxos que publica Luis, algúns non traen firma algunha, mais outros están firmados por R.B., P.V. e W.C.S. Si tes algunha idea de cómo era esto agradecereicha. Estamos a facer seis cegos en memoria de Castelao. Cada un leva nas costas un dos versos. Dado o contido político que teñen si non están feitos por Castelao están inspirados por el. Como se vai facer unha notiña histórica acompañando ás pezas, gostaríanos precisar ese dato. Graciñas.
A familia de Núñez Búa mandoume moitas cousas del: escritos, a maior parte deles xa publicados, moitos sobre cooperativismo, algúns inéditos. Hai cartas de Otero, de Carro, e tamén túas. Hai que facer un traballo de compilación, pois penso que unha selección de traballos, publicados ou non, recuperarán a memoria deste home que mantivo unha conduta exemplar para Galicia. Entre os papeis, que ainda non puden ver ben, veñen os orixinais do Castelao Artista, de Seoane, e o Castelao escritor, de Eduardo Blanco Amor. Estes dous traballos e outro mais, Castelao Político de Súarez Picallo, foran encargados no ano 50 polo Consello de Galicia. Díxose que só Seoane dira cumplimento ó encargo, e eu así o rexistro na solapa da reedición de Castelao Artista. Agora resulta que o traballo de Blanco Amor existiu xa dende o ano 50, e ademais é un formidable estudo que todavía está vixente. ¿quen sabe si tamén foi escrito o Castelao Político por Suárez Picallo?.
Pra un libro no que se compilasen os traballos de Núñez Búa ti terías que facer unha nota limiar relembrando a súa vida. ¿quen senón?. Eu buscaríate datos. Algúns teño que te poderían dar suxestión de relembros. Falaremos destas cousas e de moitas máis. Hai que recuperar esta memoria.
Nada mais por hoxe. Non te deixo en paz. Semella que sigo pra ti o mandado de Unamuno: que Deus non che dé Paz e si Gloria.

Apertas tensas, voso Isaac

FICHA DOCUMENTAL