Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1959
00/04/1959C. abril 1959
Querido Isaac:
Chégame a túa do 5, cando aínda non botara ao Correo a feita para contestar a do 23. Non quero demorar a resposta.
Compráceme moito que manteñades interese por un proxecto, no que eu teño posta algunha esperanza, se o conseguimos plasmar orientado a producir un viraxe a fondo na vida galega. Mais tal vez por estreitez na visión especializada, non acerto a descubrir que conexión pode ter con aquela idea, ou a súa conversión en realidade, a visita de Otero.
Penso que nesta hora, se queremos facer algo vivo por Galiza, mellorar a súa sorte como pobo, erguer a condición dos seus homes… temos que abrazar un pensamento sintonizado coas necesidades sociais hoxe sentidas. Admiro e quero a Ramón coma o que máis, sen deixarme cegar polos refrexos da súa bonhomía, tan abusada, e do seu xenial barroquismo. É o cisne dunha época, que non é a vivida agora por os millóns de galegos asoballados pola miseria tradicional ou evadidos dela pola vía da emigración.
Comprendo que il xa non pode rectificar, nin o seu pensamento nin o seu estilo. Nin debería. Está ben como está. O absurdo é que outros, aínda en anos e condicións para se poñer a traballar na materia viva, non se decaten do tempo e as posibilidades que fan perder ao país, consumindo a súa actividade en baraxar valores mortos ou banais. E que traten de infruír na mocidade universitaria, orfa de mestres verdadeiros, cun bagaxe mental tan inocuo, mentres o destino económico da Terra pode sufrir unha máis fonda recaída na servidume. E que tampouco teñan caído na conta de que practican deste xeito unha forma de colaboracionismo cos antípodas políticos.
Teño traballado na redacción dos estatutos do Instituto Galego de Economía. Non rematei, tanto por falla de tempo, como por falla de clima. Agardaba a remoción que se supón ha de producir o libro, que non acaba de chegar, e que pode ser un esforzo pouco fértil se non circula eiquí dabondo. Si vos queredes, podo tratar de rematar a laboura, aínda denantes que o libro veña, mais non coido que se deba variar o pensamento primeiro. Poderían constituírse outras institucións técnicas, mais cada unha ten a súa función específica, sen pechala estreitamente na investigación ou na experimentación, que outros xa fan e pode ser aproveitada en canto bagaxe teórico ou científico. O Instituto Galego de Economía ten a facer moito no estudo da estrutura dos recursos, no proceso da industrialización, na formación doutra mentalidade empresarial, na orientación dos problemas crónicos do país que os demais non se baixan a auscultar, na formación de capacidades.
As colectividades galegas de emigrados poden axudar á financiación e sostemento do obra, mais eu coido que a base han de a dar as empresas galegas eiquí afincadas. De calquera xeito, será mellor rematar o proxecto e despois estudar as melloras que nel poidan introducirse, e facer a escolla dos medios para o levar á realidade. Agora ben, coido asisado non mesturar no choio a quen, por moi alto que estea e moi ben que sexa, non podería contribuír senón a dar, diante de certa xente útil para aportar medios, unha impresión de ser unha expansión máis tan retórica como as outras.
Se estou trabucado, e cecais así sexa, perdoádeme, mais para facer algo no mundo é preciso despir o peito.
Apertas cordiais de,
Valentín
P.S. Hai sospeitas de que os diagnósticos sobre Gallástegui estaban errados. Deus o quixera.


