12/04/1965 Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1965 / <!--Epistolario singular VPA--> Fondo: Valentín Paz-Andrade no seu arquivo persoal / FONDOS DOCUMENTAIS / CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Proxecto Epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1965

12/04/1965
Isaac Díaz PardoCruz GallásteguiValentín Paz-Andrade
Compartir en

Vigo, 12 de abril de 1965


Sr.D. Isaac Díaz Pardo
Cerámica Celtia S.A.
Magdalena F.N.G.R.
La Plata (R. Argentina


Querido Isaac:

Chega agora ás miñas maos a tua do 4. Fólgome moito de que o traballo que fixen pol-a forza da tua teimosía, encaixara no voso pensamento. E tamén que teña a Villamarín por padriño.
Quero aínda así facer algunhas acotacións ao contido da tua carta. A maior autoridade pra respaldar o manifesto é o Centro Gallego de Buenos Aires. Sentada a premisa fundamental, penso que despois deberían firmalo os outros centros de América. Bastaría que lle enviarades unha copia, e a devolveran aprobada e firmada, pra que o Centro de Buenos Aires, pudera ordear a impresión coas firmas de todos.
Non me opoño as modificacións ou adaptacións que pensades introducir. De todos os xeitos coido que o ton formal de neutralidade política, debería conservarse, pra que non se lle dera unha torta interpretación receptiva a fin de limitar ou abortar o impacto do documento.
Coa mesma sinceridade direivos que non comparto o punto de vista adverso ao contido do apartado 9. Si a economía agraria non leva ao máximo o desenvolvimento gandeiro, o nivel de renta rural ficará estancado. A carne, vacuna, ao menos en Europa, é cada día máis artigo de luxo, e a redención do noso agro depende fundamentalmente de incrementar as producións caras. A suposta saturación que podía admitirse no tempo de Gallástegui, hoxe non representa un factor limitante. Estamos no tempo dos alimentos compostos pra o gando, e da cría estabulada. Tamén a gandeiría galega ha de deixar de ser extensiva pra facerse intensiva, seguindo a liña moderna da produción aviar. Ou seña, fabricar moitos kilos de carne no menor tempo posible, a base de sobrealimentacións xeneradoras de proteínas.
Galicia, que logo chegará a ter unha producción elevada de fariña de peixe, pode aproveitar esta ventaxa, pra o fomento dos seus recursos vacunos.
Apunto estas consideracións, non por manter o meu criterio, senón pra que o voso se exercite sobre o tema e tomedes unha decisión con libertade.
Fai o favor de decirme algo mais sobre a saúde de Pepe Núñez. Supoño que se tratará de algo pasaxeiro, mais quixera sabelo concretamente. Escribireille, aínda que Pepe vive en estado permanente de acreedor epistolar.
Recibiremos a Baltar e Mireya no «Arlanza». Penso que despois de atoparse eiquí, tornará a botar raíces.
E nada mais. Lembranzas a todos os amigos, que tamén vos envían Pilar e Alfonso, coa miña mais fonda aperta,


Valentín

FICHA DOCUMENTAL