10/03/1966 Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1966 / <!--Epistolario singular VPA--> Fondo: Valentín Paz-Andrade no seu arquivo persoal / FONDOS DOCUMENTAIS / CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Proxecto Epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1966

10/03/1966
Augusto AssíaTomás BarrosIsaac Díaz PardoRamón MourenteValentín Paz-AndradeLuís Seoane
Compartir en

Vigo, 10/3/1966



Querido Isaac:

Estóu hai moito tempo para contestar a tua derradeira carta. Son tantas as angueiras que un ten enriba, en loita de urxencia, que nos deixan sen vagar aínda par-a o mais grato ao noso esprito. De todal-as sortes, non hai moitas cousas a contar, pois o adormecemento persiste, aínda que o tempo, bon roedor, faga tamén a sua laboura profunda.
Te supoño informado do episodio A.M. Faléi con il e escribinlle. Sempre supuxen que non levarían a cousa adiante, para non provocar resoancias ao exterior. A derradeira carta que me escribéu dende as túas mariñas anunciaba a volta a Madrid, onde supoño que se atopará arestora. O día 15 penso chamal-o, de camiño para Guinea Ecuatorial, onde pasaréi uns días, por necesidade de intervir n-unha sociedade filial de Pescanova que alí vai a fundarse. Despois demorarei en Canarias dous ou tres días.
Vin en Madrid expostos n-un escaparate de Espasa-Calpe os teus debuxos de Cecilia, que son un alarde beleza e de rigor artístico. Tamén o texto, penso que das páxinas máis logradas da mesma pruma, serán as primeiras. Teño lido algo nos xornaes galegos sobre o libro de Tomás Barros, mais do resto dos editados no Castro pouco ou nada. Nosos críticos –d-algún xeito han de ser chamados-, prefiren escribir sobre temas que deixan na indiferenza ao lector que da nosa promoción cultural auténtica, tan precisada de difusión na masa.
N-este mesmo mes suponse que ficará aprobada a nova lei de prensa. Cecais se intente facer algo en Vigo. Teño falado do asunto con Augusto Assía, que agora recalóu en Madrid con permanente ancoradoura. ¿Qué fai Seoane? ¿E Varela? Pepe Núñez dime algo da incorporación de Lourenzo a Correo de Galicia, do que non vin aínda exemprar algún. Penso que ben puideron escoller un tídoo sen antecedentes recusabres.
E nada mais. Con Mimina faléi un día dend-a Cruña. Supoño que Camiliño se defenderá ben nas novas angueiras. Anuncióume Bene, o do Faro, que vai saír para Bos Aires invitado por Mourente, e que este prepara unha volta a Galiza.
Nada máis pol-o d-hoxe. Recibe, con Camiliño, a máis forte aperta de


Valentín


P.D. Moisés Álvarez leva varios meses fora. Supoño que chegará despois do 20. Si queres que lle diga algo, podo facel-o, si aínda é tempo. Agardo calquera indicación tua si debo intervir no asunto

FICHA DOCUMENTAL