01/07/1977 Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1977 / <!--Epistolario singular VPA--> Fondo: Valentín Paz-Andrade no seu arquivo persoal / FONDOS DOCUMENTAIS / CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Proxecto Epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1977

01/07/1977
Isaac Díaz PardoCelso Emilio FerreiroValentín Paz-AndradeRamón PiñeiroLuís Seoane
Compartir en

Vigo, 1 de julio de 1977

Sr. D. Isaac Díaz Pardo
Cerámica de Sargadelos
Cervo – Lugo


Querido Isaac:

Recibín no seu día o teu telegrama que foi dos primeiros en chegar. Despois desbordóuse o río e inda non tuven tempo de contestar a todos. Ti xa sabes que os derradeiros serán os primeiros. Moitas gracias. O día 28 e 29 estuven en Madrid. Falei por teléfono con Rosendo e con Mimina. Obtuven impresión tranquilizadora despois de ter encollido o corazón tanto eu como todol-os meus, ante unha ameaza tan cruel coma a que pairaba por enriba de todos nós, e inda mais naturalmente, de Mimina e de ti. Teñamos alento pra agardar que todal-as cousas vaian a mellor, escomenzando por aquelas que nos doen no propio sangue. Seoane xa nos había adiantado una impresión máis optimista da que tiñamos nos primeiros días.
Si ves por Samil, onde andamos de obras, un pouco de cabeza, falaremos de todo. Alfonso debe chegar de Mozambique e Chile o domingo, e pode axudar a poñer a idea en órbita. É un proieto que temos que madurar moito, cheo de dificultades, máis prioritario como ti ben apuntas.
O meu nomeamento de Senador produxo unha reacción insospeitada. Contentamento fortemente expresivo na xente con pouso espritoal galeguista, mais tamén n-outra xente que se mantiña no campo das simples afinidades electivas, e que aproveitóu o intre pra se poñer a repicar nas mesmas campanas. A min ponme ledo todo o que agora rexistro, mais non tira de riba da miña i-alma a pesadume de que nomes como o teu, o de Piñeiro, o de Celso Emilio, o de Risco…non acadarán a consagración popular a que teñen sobrado dereito. Temos que cocer de novo o barro d-esta Terra, e moldealo con mans tan libres como limpas.
Recibe unha cordial aperta do teu sempre incondicioal amigo

Valentín


P.D. Os enderezos están d-abondo completos na nota anexa a tua carta. Recibirán canto lle dirixas por correio.

FICHA DOCUMENTAL