RESUMO

A Nosa Terra
( 2/ 12/ 1977)

O editorial de presentación, incluído na portada, define a liña ideolóxica da publicación, nacionalista e "comprometida coas clases populares". As páxinas centrais están dedicadas a dúas reportaxes sobre o conflito no arrastre e a campaña de mobilización labrega en contra da Cota Empresarial da Seguridade Social Agraria, respectivamente. Ademais, tamén se inclúen artigos sobre a crise do sector naval en Galicia, unha análise do estado da rede de estradas galegas no contexto da construción da Autovía do Atlántico e sobre a redacción do texto preautonómico. Hai espazo tamén para pezas sobre a actualidade internacional, na que destaca a referente á ocupación israelita de Palestina, e do resto do Estado, con especial atención á política catalá. Nas páxinas de cultura combínase a crítica cunha axenda de actividades e novidades e con artigos sobre patrimonio mentres que nos deportes resalta a atención posta á veda da caza de perdiz. A entrevista está protagonizada por Ricardo Carballo Calero. Nos contidos de opinión preséntase un editorial publicado en 1934 por A Nosa Terra en defensa dun federalismo europeo; iníciase a sección "O dereito e a razón", cunha perspectiva divulgativa sobre o eido lexislativo; e ábrese un espazo para a expresión do público lector. Comeza tamén a serie gráfica "Historias de esmagados". Finalmente, a contraportada céntrase no estudo e recuperación da mediciña popular.