RESUMO

A Nosa Terra
n. 1 ( 27/ 1/ 1978)

Nun pequeno editorial publicado en portada, o semanario define o seu papel ao servizo do xornalismo de información e reivindica o seu rol de “prensa periódica de todos os galegos e pra todos os galegos”. A primeira das reportaxes centrais relata o encontro entre o senador da Candidatura Democrática Galega (CDG), Manuel Iglesias Corral, e personaxes ligadas á construción da Autopista do Atlántico. Recóllese, ademais, a oposición popular á obra con especial atención ao conflito no treito Guísamo-A Barcala. A segunda das grandes reportaxes analiza o sistema galego de psiquiatría a partir do caso do centro de Castro de Rei, cuxa praxe médica é criticada a través do testemuño dun interno. No resto de pezas sobre a actualidade galega abórdase o fin da folga no sector da construción; a explosión rexistrada nos depósitos de Campsa, no barrio de A Gaiteira, en A Coruña; as mobilizacións contra a instalación dunha central nuclear en Xove e a crise do goberno municipal de Joaquín García Picher en Vigo. O protagonista da entrevista é Xan Vilanova, profesor de Medicina. Entre as novas do Estado, destaca a crónica política de Euskadi, con atención á legalización de EIA (Euskal lraultzarako Alderdla), novos datos sobre a desaparición de Eduardo Moreno Bergaretxe “Pertur” e as negociacións sobre a inserción de Navarra no futuro texto autonómico. Na mirada internacional, a peza destacada versa sobre a crise no II Goberno Constitucional de Mario Soares en Portugal. Nas páxinas de cultura referénciase o achado de pezas escultóricas baixo a escalinata do Obradoiro; a historia do Grupo Poético Amanecer; iníciase a serie “O idioma”, con recomendacións para o uso do galego, e inclúense as habituais columnas de críticas culturais e a axenda. Os contidos de opinión nútrense dun artigo sobre a necesidade de exercer unha práctica psiquátrica “liberadora” e arraigada no pobo galego e dunha tribuna sobre a chamada “legalización” dos anticonceptivos. Ademais, recóllese a postura de UGT e a ING (Intersindical Nacional Galega) ante as primeiras eleccións sindicais trala ditadura. A contraportada, asinada por un ex-preso, contextualiza a historia da COPEL (Coordinadora de Presos Españoles en Lucha).