RESUMO

A Nosa Terra
n. 2 ( 27/ 1/ 1978)

As primeiras páxinas do números correspóndense cunha reportaxe sobre as mobilizacións que tiveron lugar nas distintas cidades e vilas galegas na Xornada de loita contra o Pacto da Moncloa, realizada o 27 de xaneiro de 1978. As ameazas que enfronta a pesca galega son o tema da outra das pezas reportaxeadas, na que se reivindica unha reforma tecnolóxica e de planificación no sector e se denuncia a morte de 27 mariñeiros no afundimento do barco Marbel. No resto da sección de novas galegas atópanse pezas sobre unha sentenza que paraliza a construción de vivendas na canteira de Santa Margarida, na Coruña; a folga das traballadoras de Manufacturas San Remo, a "primeira nunha mediana empresa"; as tentativas de creación do Sindicato da Administración de Xustiza de Galicia; a mobilización da veciñanza de Pontedeume contra a contaminación da auga da traída no concello; a suba de prezo do billete de autobús urbano en Vigo; a supresión de orzamento para escolas de Ribadavia e o conflito laboral na empresa Cradytor. Nas novas de ámbito estatal abórdase a discusión arredor do proxecto del Lei das Eleccións Municipais; a situación política catalá tralo asasinato do ex alcalde de Barcelona, Joaquín Viola; e a resposta das ramas militar e político-militar de ETA ante unha rolda de prensa da familia de Eduardo Moreno Bergaretxe “Pertur”, ex dirixente da organización desaparecido. Ademais, o protagonista da entrevista deste número é Carlos Suárez, candidato de Pueblo Canario Unido (PCU) nas Eleccións Xerais de 1977. As páxinas de internacional conteñen análises do novo Goberno portugués do Partido Socialista (PS) e o Partido do Centro Democrático e Social (CDS) e a crise gobernamental en Italia, na que se presta especial atención ao papel do Partido Comunista de Italia (PCI) así como unha peza sobre un informe que cuestiona a construción de autovías en Inglaterra na que se tamén se menciona a situación no Ulster. Nos contidos de cultura, xunto co habitual espazo reservado para a axenda e as críticas, relátase a historia do Templo da Veracruz do Carballiño e da Festa do Cocido de Lalín; e publícase un poema de Manuel António Pina ilustrado por João Botelho. Mentres, en deportes, atópase unha peza que analiza algúns dos "tópicos" ao redor da caza; unha breve explicación sobre as regras de xogo do tres en raia e unha nova proposta de xogadores para integrar unha hipotética selección galega. Nas tribunas de opinión analízase o impacto da aprobación da ampliación das augas xurisdicionais españolas ás 200 millas para a pesca española; a figura xurídica do despedimento por causas obxectivas; e, dende unha perspectiva de xénero, a violencia física e simbólica contra as mulleres. Finalmente, na contraportada atópase una mirada histórico-antropolóxica do entroido galego a partir do caso de Laza.