RESUMO

A Nosa Terra
n. 3 ( 27/ 1/ 1978)

A foto e o principal titular de portada aluden á primeira das grandes reportaxes do número, na que se relatan as difíciles condicións de vida dos habitantes dos Ancares a causa da falla de servizos públicos e ao mal estado das infraestruturas. A outra gran reportaxe recolle as denuncias veciñais de Becerreá respecto da abertura, en malas condicións de mantemento, do Colexio Nacional da vila así como da especulación cos alimentos destinados ao seu alumnado. As demais novas de ámbito galego abordan a imposibilidade do cadro de persoal das empresas de menos de seis persoas asalariadas de escoller representante sindical; a continuidade das protestas populares contra a construción da Autovía do Atlántico no treito Guísamo-Barcala; a celebración do III Congreso do Partido Comunista de Galicia; a “corrupción” na Policía Municipal de Vigo; e o peche da veciñanza de Castriz no Concello de Santa Comba en protesta polo xuízo contra 45 dos seus habitantes, acusados de ocupar unha escola. Denúnciase, ademais, o mal estado das estradas secundarias galegas despois do derrube parcial dunha ponte na vía que une Viveiro e Ribadeo e inclúese o testemuño dun sobrevivente do naufraxio do barco Marbel. Xosé María Varela Feal, novo presidente de UTECO na Coruña, é o protagonista da entrevista deste número. En canto á actualidade estatal, analízanse as tentativas das “forzas de dereita e centro-dereito catalás” para formaren un novo partido e o rexeitamento das centrais sindicais e da CEOE ao borrador da Constitución. Tamén se recollen as discrepancias entre PSOE e PNV para acordar a presidencia do Consello Xeral Vasco e a publicación dun comunicado da rama militar de ETA. No eido internacional dáse conta do rexeitamento do Parlamento inglés ao proxecto de lei presentado polo Goberno de James Callaghan para Escocia así como da absolución de Reino Unido, acusada de torturas na Irlanda do Norte, polo Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos; e das diverxencias xurdidas entre os distintos sectores que ostentan o poder na ditadura militar gobernante no Brasil. Ademais, examínase o impacto da independencia de Angola e Mozambique no futuro de Rhodesia (actual Cimbabue). Na sección deportiva, ademais da habitual proposta de aliñación para unha selección galega de fútbol, preséntase o xogo do “billardeiro” e unha crónica sobre caza de aves acuáticas. Tamén se inclúe unha peza na que se critica a falla de control orgánico e xudicial sobre os directivos dos equipos de fútbol. No referente aos contidos de opinión, destacan as tribunas centradas na defensa de Navarra como territorio histórico vasco e na exposición dos principais dereitos das persoas inquilinas en relación coas cláusulas de revisión da renda dos alugamentos. Hai, ademais, espazo para a Asociación de Veciños de Coia, Lavadores e Sampaio de Vigo, que explican a súa posición ante a posibilidade de que se produza a dimisión do alcalde Joaquín García Picher e do resto da Corporación Municipal. Pola súa parte, as páxinas de cultura versan, entroutros temas, da simboloxía do círculo na arte galega e das Pena de Rodas. Xunto coas habituais liñas de crítica cultural e recompilación de actos e publicacións de interese do panorama artístico na sección dedicada ao idioma critícase a tradución ao galego do cómic Astérix.O número péchase, na contraportada, cun percorrido crítico histórico pola biografía de Manuel Murguía.