RESUMO

A Nosa Terra
n. 4 ( 3/ 2/ 1978)

O número ábrese en portada cunha denuncia da especulación e do fraude practicados por construtoras e inmobiliarias arredor da compra-venda de vivendas, exemplificados, en páxinas interiores, no proceder da empresa viguesa Arbones S.L. No resto de novas centradas en Galicia relátase a loita da veciñanza de Sarria contra o Plan de Ordenación Urbana do concello; a convocatoria de folga nas pequenas empresas do metal de Vigo; a situación política do Concello da Coruña despois da dimisión de catro membros da Comisión Municipal Permanente; a sinatura dun acordo pesqueiro entre o Goberno da UCD e Marrocos; a oposición dos habitantes de Matamá á continuidade da incineradora instalada na parroquia viguesa tras ter finalizado a súa concesión; a ameaza da falla de auga en Morgadáns (Gondomar); a historia da feira de Agolada; a loita das persoas con diversidade funcional de Fene para que se supriman as barreiras arquitectónicas nos edificios públicos do concello; e a perda do patrimonio artístico en mans da Igrexa. O catedrático Carlos Alonso del Real é a personaxe entrevistada. Nas páxinas dedicadas ás novas de ámbito estatal trátase a campaña desenvolta pola candidatura de coalición Entesa dels Catalans perante a elaboración do futuro texto constitucional; a negativa do Senado ao Proxecto de Indulto aos Presos Sociais; e a crise da alianza Euskadiko Ezkerra. No eido internacional préstase atención ao contexto sociopolítico francés a un mes das eleccións xerais; á guerra entre Etiopía e Somalia; e ás mobilizacións populares contra a ditadura de Anastasio Somoza en Nicaragua. Na sección de deportes retómase a análise iniciada no número anterior sobre o papel de directivos e socios nos clubs; denúnciase o deterioro da fauna galega desde a perspectiva da cinexética; descríbese o papel desempeñado polos equipos galegos de fútbol na última xornada de Liga; e proponse a habitual aliñación ideal dunha selección galega. Nos contidos dedicados á cultura, abórdase a importancia da ourivería ao longo da historia galega; as pinturas dos murais da igrexa de Seteventos do concello do Saviñao e continúase a serie sobre o uso da lingua galega. Hai tamén a habitual recompilación de publicacións e actos na axenda cultural e pequenas pezas de crítica e opinión, centradas neste número na Agrupación Guitarrística Galega; na publicación da obra poética completa de Luís Seoane nun volume editado por Edicións do Castro e nunha análise da relación entre a política e cine. En canto ás pezas de opinión, destaca unha análise sobre a inadecuación das estatísticas gobernamentais existentes para realizar un exame socioeconómico de Galicia, cuxa “diferencia cuantatitiva” respecto ao resto do Estado atribúeselle unha orixe estrutural propia do “capitalismo colonial”; unha tribuna de Avelino Pousa Antelo na que reivindica a necesidade de apostar polo galeguismo como opción política colectiva; e un percorrido crítico pola orixe dos montes veciñais. Finalmente, na contraportada, reivindícase o folclore musical galego ante o risco da súa perda.