RESUMO

A Nosa Terra
n. 5 ( 10/ 2/ 1978)

A análise da xénese político-empresarial do proxecto de instalación dunha central nuclear en Xove e a cronoloxía da oposición popular xunto coa denuncia dos intereses “caciquís” existentes arredor da construción da primeira estación de esquí de Galicia, en Cabeza de Manzaneda, son os temas centrais deste número. O resto de páxinas dedicadas á actualidade do país prestan atención ao proceso de negociación do convenio colectivo na pequena empresa do metal da provincia de Pontevedra; ás reivindicacións da Intersindical Nacional Galega (ING) e da organización xuvenil Unión da Mocidade Galega (UMG) a prol dunha lexislación que protexa os dereitos da xuventude traballadora; á falta de medios humanos e materiais na administración de xustiza en Vigo; ao incendio que afectou ao Pazo de Meirás; e á primeira folga dos transportistas do leite. Ademais, Félix Alfonsín Núñez, presidente da Unión de Transportistas do Leite de Galicia (UTLG), é o protagonista da entrevista do número. A nivel estatal, aténdese á celebración do Congreso de Periodistas Cataláns; analízase o impacto na estabilidade do Goberno da UCD do acordo pesqueiro con Marrocos e a proposta do Comité de Liberación da Organización para a Unidade Africana (OUA) referente ás illas Canarias; e infórmase tanto da constitución do Consello Xeral Vasco de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa como da continuidade da crise política na coalición Euzkadiko Ezkerra. As pezas da sección de información internacional inclúen unha análise das perspectivas políticas en Francia tralo inicio da campaña electoral dos comicios lexislativos; unha crónica desde Porto Rico con motivo do posible nomeamento dun portorriqueño como embaixador norteamericano en España; e unha peza informativa sobre as declaracións de Margaret Thatcher, candidata do Partido Conservador en Reino Unido, a favor de frear á inmigración ao país. En canto aos contidos de opinión, destaca un exame crítico dos Pactos da Moncloa; a defensa da lingua galega fronte aos discursos que estigmatizan e aldraxan o seu uso; o rexeitamento da instauración por decreto das Cámaras Agrarias, denunciadas como órganos creados para anular o labor dos sindicatos labregos; e unha análise desde unha perspectiva de xénero da permanencia de privilexios legais de orixe patriarcal, como o dereito exclusivo dos homes sobre a patria potestade e para exerceren a figura de administrador da sociedade económica familiar. Nas páxinas deportivas, xunto coa habitual proposta semanal do “once” ideal da selección galega de fútbol, denúnciase a pegada da especulación no mundo do deporte, exemplificada na mercantilización dos bolos e do bingo, así como a falla de control para que se cumpra a veda da lebre. En canto aos contidos de cultura, os artigos abordan a perda da tradición dos liñares en Galicia; a historia do “Tío Valentín”,familiar de Manual María –quen se encarga do relato das súas andainas–; unha crítica da mostra Ensaios de Comunicación Visual; unha breve exposición histórica das orixes do Banquete de Conxo; e, na sección sobre o uso do idioma, a explicación do uso das sílabas “gue” e “gui” na lingua galega. Inclúese, ademais, unha pequena entrevista con José Antonio Labordeta e a usual sección da axenda cultural. Ao fin, a contraportada contén unha defensa do patrimonio arquitectónico como parte da loita pola conservación do acervo colectivo fronte a procesos especulativos.