RESUMO

A Nosa Terra
n. 6 ( 17/ 2/ 1978)

Trátase do primeiro número desta etapa do semanario no que a principal reportaxe central non aborda un tema galego. Ofrécese, pola contra, unha análise da situación xeopolítica das Canarias, que, como se adianta en portada, protagonizan a actualidade despois de que a Organización para a Unidade Africana (OUA) declarara o seu apoio ás forzas independentistas das Illas. As novas centrada en Galicia aluden aos resultados parciais das eleccións sindicais; aos apoios expresados por distintas organizacións á legalización da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG); ás accións desenvoltas pola Intersindical Nacional Galega (ING) en diversas vilas en contra do reparto do patrimonio sindical realizado polo Goberno entre distintos ministerios; á utilización do Porto de Vigo para enviar armamento a Marrocos; a retirada de fondos dos labregos das Caixas de Aforros para evitar o seu embargo, realizado pola Administración en resposta á falla de pagamento da cota Empresarial da Seguridade Social Agraria; á feira do queixo de Arzúa; ao Plan de Ordenamento Urbano de Monforte; á cadea de despedimentos sufridos polos cadros de persoal das pequenas e medianas empresas; e a ausencia de solucións para o problema do lixo en Vigo. Ademais, a personaxe entrevistada é Odón Luís Abad Flores. Na sección destinada á información de ámbito estatal aténdese á fuga de Albert Boadella, director do grupo teatral Els Joglars, días antes da celebración dun Consello de Guerra contra os seus membros, tamén desaparecidos; á conxelación do Consello Executivo da Generalitat; ás manifestacións en Euskadi contra a instalación de centrais nucleares no seu territorio e en lembranza dos cinco obreiros asasinados pola policía dous anos atrás en Gasteiz; e ao “xiro á dereita” da política económica do Goberno de Adolfo Suárez. Os artigos de internacional, por outra parte, analizan as posibilidades de que territorio español sexa emprazamento dunha nova base de operacións da OTAN no Mediterráneo; e as orixes históricas e posibles impactos da declaración na que a OUA proclama como territorio africano ás Canarias e apoia ao movemento en prol da autodeterminación do arquipélago. Tamén se inclúe unha pequena crónica desde Inglaterra na que se comentan os valores definitorios dos medios de comunicación do país trala emisión, por primeira vez na BBC, de noticiarios censurados dos anos 30. As páxinas de Deportes redúcense a unha entrevista co ex futbolista vigués Pedro Pinilla mentres que nas de cultura preséntase a tradición da olaría en Galicia e o Castro da Recadieira de Mondoñedo; explícase a presenza de cultismos na lingua galega na sección dedicada ao idioma; e recóllense os principais actos e novidades culturais na axenda. Hai tamén o habitual espazo para as críticas artísticas. Entre as pezas de opinión inclúese unha breve análise da historia do patrimonio sindical dende os tempos da República no contexto da aprobación do decreto de transferencia das unidades e servizos da Administración Institucional de Servicios Socioprofesionales (AISS) á Administración Xeral do Estado; unha tribuna do secretario xeral do Partido Carlista Galega respecto dalgunhas principais causas estruturais e conxunturais da situación económica estatal; e unha explicación legal e cun obxectivo pedagóxico dos conceptos existentes na folla salarial así como dos dereitos e obrigas dos traballadores e traballadoras derivados dela. Xa na contraportada ofrécese unha análise sobre a orixe, presenza e importancia da vaca teixa –ou rubia– no agro galego.