RESUMO

A Nosa Terra
n. 7 ( 24/ 2/ 1978)

En portada adiántase un dos temas clave do número: o boicot desenvolto por Comisións Labregas (CC.LL.) contra a recollida e comercialización do leite ante a súa compra por monopolios a un prezo inferior ao seu custo de produción e tras non ser convocadas polo Goberno ás negociacións para buscar saída ao conflito. A denuncia da situación de explotación e discriminación das empregadas do fogar a través do testemuño de catro mulleres, pioneiras no impulso da organización sindical neste sector, é materia da outra gran reportaxe. No resto de novas que integran a actualidade galega relátase a acusación de “crebafolgas” realizada polas centrais sindicais nacionalistas e outros sindicatos a UGT e CC.OO por racharen os acordos asemblearios e buscar un acordo unilateral coa patronal do sector do metal, en folga nas empresas de menos de cen empregados; a marxinación sufrida polas 18 familias de xitanos asentadas nos arrabaldes de Viveiro; a continuidade do paro nas dúas factorías do estaleiro Ascón; e a desprotección das familias gandeiras que carecen de seguros agrarios. Denúnciase, ademais, a reapertura do vertedoiro de Matamá, en Vigo, pese a oposición veciñal, amparada legalmente, e entrevístase a Antón Santamarina Fernández. En canto ás informacións do eido estatal, destácase o aprazamento da convocatoria das eleccións municipais por parte de UCD; a celebración dun mitin da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) e da Unión do Povo Galego (UPG) en Barcelona; e a serie de atentados executada pola rama político-militar de ETA en Euskadi. A sección de internacional, pola súa banda, está composta por unha análise da situación en Rhodesia despois de que se producira un acordo entre o primeiro ministro do país, Ian Smith, e o sector moderado do movemento nacionalista; e unha crónica na que se informa do desinterese das radios que transmiten en Galicia por teren un espazo de emisión na nosa lingua na BBC malia existir esta posibilidade. En Deportes inclúese unha entrevista coa xogadora de baloncesto viguesa Ánxeles Liboreiro; un exame da última xornada de Liga dos equipos galegos; e a habitual proposta de aliñación para a selección de fútbol de Galicia. Entre os contidos de opinión atópanse pezas que ofrecen unha exposición da orixe e actuais hábitos de consumo do haxix; unha síntese histórica da presenza do anarquismo en Galicia, na que se critica o “españolismo” da CNT; e unha defensa da necesidade de reforma no eido do dereito da familia co fin de rematar cos tratos discriminatorios derivados da diferenciación legal entre fillas e fillos lexítimos e fillas e fillos ilexítimos. Xa nas páxinas de cultura coméntase o significado antropolóxico das chemineas na arquitectura popular galega; relátanse as andainas do Mestre Silva e outras personaxes da infancia luguesa de Manuel María; dáse, unha vez máis, espazo á crítica literaria e musical; e na pequena sección centrada no uso do idioma galego se atende ao fenómeno das interferencias lingüísticas. Finalmente, un percorrido polos principais acontecementos que protagonizaron a loita do proletariado galego en 1972 pechan o número na contraportada.