RESUMO

A Nosa Terra
n. 8 ( 3/ 3/ 1978)

O semanario abre o número cunha fotografía a cinco columnas de Antonio Rosón, recentemente nomeado pola UCD como candidato a presidir o Goberno pre-autonómico da Xunta. Nas páxinas interiores esta información dá pé a unha ampla reportaxe na que, tras unha breve síntese da traxectoria política do futuro Executivo galego, analízase a axenda de retos que este deberá afrontar en materia de emigración, sanidade, educación, pesca, agricultura e perante conflitos de actualidade como a posible instalación dunha central nuclear en Xove ou a construción da Autopista do Atlántico. Nas demais noticias da actualidade do país analízase a situación e perspectivas da pequena e mediana empresa galega; denúnciase a política educativa do Goberno dada a elevada cantidade de profesorado desempregado e a gran cifra de nenos e nenas sen escolarizar; dáse conta do impacto dos 25 días de folga dos transportistas do leite e faise tamén balance do paro dos gandeiros e o estado das negociacións entre o Executivo e os sindicatos; critícase a xestión dos encoros de Fenosa e Iberduero tras un novo asolagamento nos Peares; infórmase do peche do alumnado da Escola de Asistentes Sociais de Santiago para reivindicar a clasificación da Escola Oficial do Traballo Social a nivel universitario; achégase unha mirada á realidade do Bierzo; e recóllense as protestas dos filatélicos galegos ante a negativa de Correos de incluír selos solicitados desde Galicia. En canto á entrevista, publícase unha conversa ficticia con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao cuxas respostas están baseadas no contido de Sempre en Galiza. Entre as novas doutros territorios do Estado, sublíñase a conflitividade social en Catalunya, cunha crónica na que se relata a semana de protestas, protagonizada pola marcha do movemento feminista, a manifestación en favor da liberdade de expresión e en repulsa polas penas de cadea impostas a catro membros de Els Joglars e a folga agraria. Igualmente, referénciase a gran manifestación contra a instalación dunha central nuclear en Lemóniz, Euskadi. Desde Madrid, a crónica parlamentaria destaca a aprobación da Lei de Eleccións Municipais e as declaracións do ex secretario do Goberno no Sáhara amosando a súa simpatía polo Fronte Polisario. A sección de internacional, por outra banda, está composta por unha análise das perspectivas de Goberno en Francia tras coñecérense os resultados da primeira volta das eleccións lexislativas; outra na que se aborda a situación política en Guatemala logo das denuncias de fraude nos comicios; e unha crónica da crise de goberno en Italia. A sección deportiva ábrese cunha entrevista ao futbolista Fernando Rei Tapias á que acompañan unha peza sobre a pesca fluvial tralo fin da veda e a proposta semanal de aliñación para a selección galega de fútbol. Entre as pezas de opinión inclúese unha análise socioeconómica da situación das clases medias galegas, ás que se exhorta a integrarse no movemento nacionalista; outra na que se examinan as perspectivas de futuro das pequenas e medianas empresas do país; e unha explicación legal dos principios que sustentan a definición dos bens de dominio público como bens de uso común. En canto aos contidos de cultura, inclúense pezas cunha ollada antropolóxica do peto das ánimas; unha pequena biografía sobre a personaxe de Tomás Núñez Reguela; unha crítica cinematográfica e unha pequena entrevista ao grupo musical bretón Gwendal; e unha peza sobre os primeiros seis meses de vida da Editorial Alvarellos. Tampouco falta o habitual contido sobre o uso da lingua galega e a axenda cultural. A contraportada pecha o número cun artigo no que se denuncia a situación de marxinación sufrida polas persoas con diversidade funcional.