RESUMO

A Nosa Terra
n. 9 ( 10/ 3/ 1978)

A reportaxe central do número retrata –e denuncia– as difíciles condicións laborais nas minas de volframio, propiedade do Banco Central, en Santa Comba, aínda que tamén se lle presta especial atención, con fotografía e adianto en portada, ao exame das causas socioeconómicas estruturais que explican os elevados índices de desemprego e emigración no país. No resto de pezas dedicadas á actualidade galega atópanse unha análise do proxecto preautonómico do Goberno de Adolfo Suárez, ao que se amosa rexeitamento por “non ser respectuosa cos dereitos nacionais de Galicia”; unha información sobre a falla de acordo no conflito polo prezo do leite, complementada cunha pequena entrevista ao presidente da Unión Territorial de Cooperativas Ourensás (UTECO) na Coruña, entidade que non secundou as reivindicacións gandeiras; unha pequena reportaxe na que se recolle o sentir popular respecto á falla de liberdade de expresión; e un artigo sobre a desprotección asistencial das persoas maiores. Ademais, Xosé Lois Sampedro é a personaxe entrevistada. No espazo dedicado á información sobre o resto do Estado destaca a crónica da situación política catalá e a do atentado de ETA nas instalacións da central nuclear de Lemóniz, en construción; así como un artigo no que se analizan brevemente os principios fundacionais do anteproxecto do texto constitucional. Nas páxinas de internacional, por outra banda, aténdese ao impacto do secuestro de Aldo Moro, secretario nacional do partido Democrazia Cristiana, no panorama político italiano; analízase a derrota das forzas de esquerda nas eleccións francesas fronte á dereita gobernante; e examínase o ataque de Israel sobre o sur do Líbano como a máis recente expresión da persecución xenocida contra o pobo palestino. Mentres, a sección deportiva redúcese á transcrición da conversa mantida co ex futbolista Francisco Cobas Vázquez, quen denuncia a represión á que foi sometido pola dirección do R.C. Deportivo da Coruña. Nas pezas de contido cultural examínase o valor artístico da escultura de Curros Enríquez realizada por Francisco Asorey e a idiosincrasia das romarías e festas do Val de Quiroga, entre as que se destacan as pampornigas; explícase a incorrección do uso de tempos verbais compostos na sección dedicada á lingua galega; e ofrécese un pequeno percorrido pola historia da lamprea na nosa gastronomía. No espazo destinado ás columnas de crítica aparece, ademais, unha breve entrevista ao escultor Raúl Comesaña. Finalmente, entre as pezas de opinión, cómpre destacar unha análise sobre as perspectivas de futuro da minería galega; unha peza na que se reivindica o dereito do persoal da Xustiza á sindicarse; unha crítica do "centralismo" e a “ignorancia” sobre a realidade sociohistórica e cultural de Galicia das institucións estatais, exemplificada en Radio Exterior de España; unha exposición, con ánimo aclaratorio, dalgunhas das principais dúbidas arredor da lexislación laboral; e xa, en contraportada, unha defensa, a modo de editorial, do dereito á liberdade de expresión.